domingo, 24 de abril de 2011

MARCOS NINE DE NOVO MESTRE MATEO.


Teño entendido que o piso de Marcos non é moi grande.



Xa non é unha noticia que lle concedan o Mestre Mateo a Marcos Nine, a noticia sería que non llo concederan.
Nos últimos anos non deixou de subir ó estrado, en ningún dos certames.
En esta ocasión co documental "Radiografía de un autor de 
tebeos", tráenos  a pantalla  como se sente o autor de BD, David Rubín, no momento en que a súa vida está a ser gravada para un documental.

A realización baseada na simbiose entre o audiovisual e o comic, a través da visión creadora,e rachadora do autor provoca as emocións de David Rubín,que acaba denudándose diante dos seus personaxes.

Unha vez máis, parabéns para Marcos, que ano tras ano, traballo tras traballo, nos enche de pracer ós que gustamos dos documentais e a todos os arousáns que compartimos os seus éxitos.




viernes, 25 de marzo de 2011

"OVERBOOKING" DE INAUGURACIÓNS

A medida que se vai achegando a data na que por proximidade das eleccións entra a prohibición de inauguracións de obras públicas por os políticos, esta actividade entra en efervescencia, os políticos multiplícanse para estar en un  día en tres ou catro lugares a vez e ler as "chuletas" que lle teñen preparadas tratando de non confundilas. Semellan ter o don da ubicuidade.

Os xornais non teñen espazo para cubrir tanta demanda informativa, así que os que viaxan en clase turística figuran en lista de espera pois nas aeroliñas da información hai "overbooking" e so hai sitio para os que pagan billete de primeira clase.

Todo é inaugurable:











Esta mesma mañá o Presidente da "Generalitat" Valenciana e o seu correlixionario, o presidente da Deputación Provincial de Castellón inauguraron un aeroporto, que non ten licencia de voos, e dicir que de momento non vai a ter uso en varios meses, ou cando menos o uso para o que se destinaron máis de 150 millóns de euros. A xustificación douna o presidente da Deputación:
"...Algunos dicen que estamos locos por inaugurar un aeropuerto sin aviones. Este es un aeropuerto para personas, para Castellón, para que cualquier ciuadano que lo desee pueda visitar esta terminal o caminar por las pistas de aterrizaje..."

Na nosa Illa, na Arousa, acontece todo o contrario, temos unha estrada terminada (a tan necesaria do Chufre), e non se espera que ninguén veña a inaugurala, cando menos antes das eleccións, pois podían magoar sensibilidades que lles son proclives ós inauguradores. Velaí, que os cidadáns a utilicen para camiñar, sen que os molesten os ruídos dos coches. 

Non hai mal que por ben non veña, nin mentira que cen anos dure.

jueves, 24 de marzo de 2011

A ILLA DE AROUSA, UN PERCORRIDO NO TEMPO.

Se, como di o proverbio, unha imaxe vale máis que mil palabras, o álbum de fotografías presentado onte na lonxa do peixe de Arousa, literariamente non tería prezo.

En primeiro lugar hai que recoñecer que a calidade da edición é esmerada e que non se escatimaron medios para realzar este mérito.
En segundo lugar quería apuntar que se perdeu unha ocasión de ouro para facer unha breve historia das fotografías, convertendo o que é so un álbum en un libro formativo ou cando menos informativo.
Tamén se bota de menos que as fotos non  seguisen ó menos unha cronoloxía, dentro da propia temática.

En outro orde de cousas quero resaltar a orixinalidade do lugar da presentación, pois para presentar un álbum de fotografías, coa pretensión de libro é cando menos chocante que se faga na lonxa do peixe. Tal como está hoxe a cultura e o marisco, se cadra pretendían dar máis aprecio á cultura. Na illa hai moitos lugares máis ligados ós libros que a lonxa; ainda que, tamén hai que recoñecer que posiblemente o lugar fose o indicado para ofrecer libros á pillota.

Agradecer á Deputación este libro que como arousáns nos estimula a autoestima, anque non vai a mudar as nosas perspectivas económicas ou culturais. Todas estas fotos proceden casi exclusivamente do fondo da Asociación Cultural Dorna.
 E todo este investimento podía dar mellores froitos.

miércoles, 16 de marzo de 2011

VITORIA GASTEIZ, UNHA CIDADE PARA VIVIR.

Nenos xogando no casco antigo
 No período de un mes tiven ocasión de volver a visitar dúas cidades moi distintas entre si, pero tamén con moitas semellanzas.
Había máis de vinte anos que non visitaba Sevilla.
 Sevilla está preciosa, creceu con bo criterio e o centro humanizouse convertido en peonil.
 Sevilla sempre foi, e non mudou, unha cidade que sabe vivir.


Había máis de vintecinco anos que non visitaba Vitoria, daquela era unha capital de provincia que acababa de converterse en capital de Euskadi. Era unha pequena cidade, con xente acolledora e familiar para ó visitante, pero con un centro histórico bastante deteriorado, un tráfico entullado nas congostras das rúas antigas que non daba vagar para ver a beleza de algúns dos seus monumentos. Un clima extremo, e un crecemento desordenado facilitado por algunhas industrias multinacionais que se estableceran na súa área, facían de Vitoria unha cidade desagradable. Podíamos dicir que era unha cidade para fuxir.
 Agora sen deixar de ser a mesma, en canto ó trato da súa xente, transformouse en unha cidade onde todo está pensado para que te sintas como na túa casa. Vitoria é unha cidade para vivir.
Premio European Green Capital 2012 
Vitoria acaba de conseguir en Estocolmo o premio "Nobel" das cidades comprometidas co medio ambiente o título Europeo Cidade Verde 2012 (European Green Capital).


Paseando estes días polas rúas do centro da capital alavesa, lembrábame continuamente da Arousa de hai trinta anos, cando podías ir a comprar o xornal ó "Cachopo" e lelo paseando polo medio da rúa ata chegar á casa sen máis perigo que o golpe de algún pelotazo rubricado por os rapaces que xogaban o fútbol no camiño.
No casco antigo de Vitoria as rúas son dos cidadáns, os nenos xogan, os maiores relaciónanse, mistúranse, beben, comen, discuten,cantan...viven. Tal como era antes a nosa Arousa. 




Estamos nunhas datas de precampaña para as Eleccións Municipais e vexo que os nosos candidatos falan do pasado (para ben ou para mal, dependendo da cor) e cando falan do futuro prométennos obras que non entendemos en canto nos van a beneficiar na calidade da nosa vida.
Pediríalles que nos definiran o futuro, que nos dixeran, que nos debuxaran a Arousa que pretenden facer e cal é a súa proposta de camiño para chegar a esa Arousa soñada.
 Centro Cívico de unha urbanización periférica


Vitoria mudou para ben por unhas políticas deseñadas desde o Concello, que perseguían unha cidade humanizada,unha cidade onde fose agradábel vivir, unha cidade onde houbo que facer traumáticas expropiacións e draconianas leis urbanísticas para conseguir que os edificios non rebasen as cinco alturas e as rúas sexan verdadeiros xardíns con paseos, carril bici, parques infantís cada cen metros, centros cívicos en cada urbanización,escolas, centros de atención, aparcamentos en todos os edificios e todo o que un veciño precise.
Para evitar a concentración de tráfico no centro idearon unha rede de autobuses urbanos que funcionan coma o metro das grandes cidades, con enlaces periféricos que permiten en dez minutos ir a calquera parte da cidade. 


Parabéns para Vitoria e para os vitorianos, que sigan gozando de esa marabillosa cidade que lograron facer, para envexa de algúns, como é o meu caso, que me trae saudades de cando a Arousa era das persoas.


Unha rúa da moderna Vitoria
Tamén me agradaría convidar os candidatos á Alcaldía do Concello da Illa de Arousa, a que fagan as súas propostas pensando no que hai que facer para humanizar a vila e non só no que hai que facer para gañar as eleccións.

martes, 8 de marzo de 2011

AS MIÑAS DISCULPAS A BENITO IGLESIAS.

En unha entrada en este mesmo blog na data do 19 de outubro de 2.010, comentaba a singular reciclaxe que Benito Oubiña facía das bolsas de plástico converténdoas en obras de arte. Eu sempre o coñecín por Benito e non reparei que confundira o apelido. O seu verdadeiro apelido é Iglesias. A memoria en algunhas ocasións xóganos malas pasadas. En canto o interesado me fixo reparar no erro, decateime cal era o seu apelido. 
Benito, prégoche que aceites as miñas máis sinceras desculpas.

Por outra banda anímote a seguir co proxecto, pois estou convencido que vas a ter éxito, anque vas a ter que loitar para conseguilo.

Aproveitando a ocasión, co teu permiso, voume a permitir colgar algunha das túas innovadoras propostas:


jueves, 10 de febrero de 2011

A MEDIA LUZ

Y todo a media luz...
Que brujo es el amor
A media luz los besos
A media luz los dos

Y todo a media luz…,
Crepúsculo interior
Que suave terciopelo
La media luz de amor.

Foto Voz de Galicia
Así acaba o popular tango, que tan ben retrata á clase media acomodada nos felices anos vinte do século pasado das ribeiras do mar da Plata.
Esa media luz,de suave terciopelo, que incita ó amor,é unha luz austral, que se da no outro hemisferio.
No noso hemisferio, e nestes tempos que corren, as medias luces parece ser que se aproveitan máis para apuñalar polas costas,que para os arrumacos amorosos, anque non coñeza ningunha canción que de fe do que insinúo.

A Ponte da Illa, coma o tango, está a media luz.

Van alá case catro anos que a Xunta (no goberno do bipartito) aprobou unhas obras de mellora da Ponte. Un proxecto que mellorou as condicións de uso con paseos de bicicleta e peatonais e sobre todo as condicións estéticas, pois logrouse transformar unha obra pesada e triste en unha obra lixeira, aberta e nada chocante.

O actual goberno, obrigado a realizar estas melloras, foinas dilatando (penso eu, se cadra, erroneamente) para facer coincidir o fin coa campaña das eleccións locais previstas para o mes de maio, e vir o Conselleiro ou o Presidente co seu séquito a vendernos a herdanza que nos deixaron outros.

A ponte ten luz no occidente, que lle corresponde ó Concello de Arousa e está a escuras polo nacente, que lle corresponde o Concello de Vilanova, conforme dispuxo a Xunta nas estipulacións do trato da segregación.

O alcalde de Vilanova é un "populisto" en contra da opinión de algúns que o consideran un "popuparvo". Sosteño que é un político listo, porque foi capaz de gañar catro eleccións vendéndolle o pobo fume. En dezaseis anos de xestión non conseguiu facer un investimento semellante ó que se fixo no Concello nos difíciles anos oitenta. O Alcalde de Vilanova sabe que se gañan máis votos acudindo os enterros e festas, casamentos e bautizos e unha palmadiña no lombo dos paisanos,que pedichando polas consellerías e os ministerios. Tamén sabe que manter a vella confrontación entre Vilanova é a illa de Arousa, da votos (¡Que se fodan os da Illa!).

E agora, si se me permite un consello para o señor alcalde de Vilanova:
 Estas dúas localidades cada vez están máis próximas non só pola construción da ponte, tamén o están por moitas outras relacións familiares e de amistade que a ponte xerou.  Moitos vilanoveses aman a Arousa e disfrútana e outros añoran os seus logros.
 Poida que esta vez o tiro lle saia pola culata.
Voz de Galicia

martes, 18 de enero de 2011

AROUSA, SINGULARIDADE.

Porta con gateira

Cando collo nas mans o xornal "La Voz de Galicia" vou dereito ás páxinas de Arousa, e o primeiro que leo é o pequeno comentario,"Entre Líneas" que asina Xurxo Melchor. Esas reflexións que teñen algo de parábola e un belisco de metáfora son algo así como esas gateiras que tiñan as portas das casas de aldea, que permitían que por elas so entraran os gatos deixando ós cans ladrando fora e espantando ós ratos do interior.
Hoxe co,seu permiso, vou reproducir, un escrito sobre o recoñecemento que fai a Xunta sobre a singularidade da illa de Arousa:


Xa somos oficialmente singulares:
Que quer dicir na linguaxe da política o termo singular?
O dicionario di que singular é un adxectivo con varios significados:
Que non hai outro igual, que non ten comparación, que é moi pouco común ou habitual, que chama a atención... Todo moi lindo se ollamos desde o lado positivo.
Hai uns días que un coñecido referíndose a un parente con quen tiña des encontros e considerábao noxento e raro, para cualificalo empregou eufemisticamente o termo singular. 
Non descubro nada se sosteño que unha mesma palabra pode servir para significar unha cousa ou a contraria. Depende do contexto.
E velaí a miña preocupación. 
Que a Xunta chegase a descubrir  esta singular pedra filosofal, non significa que nos vaia a cubrir de ouro.
Como o cualificativo non veña acompañado de verdadeiras medidas encamiñadas a manter unha singularidade positiva, este recoñecemento oficial non vale para nada.
Xa que conseguimos este recoñecemento, esixámoslle ás autoridades que o enchan de contidos. 
No caso contrario, se cadra, pódese aproveitar para unha campaña promocional semellante a aquela tan costosa como pouco fructifera de Galicia calidade substituíndoa por
Arousa, singularidade.


sábado, 1 de enero de 2011

UN BRINDIS POR UN MELLOR 2.011!

Non hai sorte que non se acabe, nen mal que cen anos dure. Moitas familias e moitos pequenos comerciantes da Arousa levan dous anos pasandoo mal. 
Esperemos que este novo ano rompa a "mala racha" e todo se vaia compoñendo.
Se non podemos facer nada por mellorar a economía, fagamos o que estea nas nosas mans por mellorar a Natureza.

Por un mundo máis limpo! (en todos os sentidos)

Feliz 2.011!




Empecemos pola nosa Illa.

domingo, 12 de diciembre de 2010

"ANECDOTARIO DE LA CONSERVA"

O pasado venres día 10 de decembro foi presentada no Museo da Conserva da Arousa o libro “Anecdotario de la Conserva”. Escrito por D. Juan Fernández Casal.
O Sr. Casal, como se lle coñece na Arousa foi durante a década dos cincuenta (1950-1960) Xefe de fábrica de Conservas Goday.
Ó acto de presentación acudiron moitas das mulleres traballadoras que aínda viven, achegados e curiosos, membros do goberno municipal e o director de Caixanova, entidade que xunto co Concello patrocinou a edición.
O Alcalde fixo a presentación do autor e dou lectura a unhas palabras que se recollen no prólogo do libro, na que se valora positivamente este aporte como complemento a historia do noso pobo. Tamén resaltou o valor paradigmático que representa a dureza da vida de aquela época para a xuventude de hoxe.
O autor do libro, con unha vitalidade sorprendente para un home de 87 anos fixo en un moi bo galego unha emotiva retrospectiva da época, moi sinxela e evocadora e unha xustificación das razóns polas que se inclinou por a lingua “castellana” a hora de redactar o libro.

Tiven ocasión de ler o texto meses antes da súa publicación. Un libro ben documentado, cheo de anécdotas, das condicións técnicas das conserveiras da época, de todo o mundo que xiraba arredor de esas altas chemineas, baseadas na excelente memoria do autor e de un traballo de investigación no que colaboraron as traballadoras e de maneira especial Juan Dios Chaves (Juan da Morena), testemuña fundamental da Arousa dos anos cincuenta.
Unha vez lido o libro considerei que o mesmo era un excelente paseo primaveral por o complicado mundo das conserveiras de mediados do século pasado.
Digo Paseo primaveral, pois o autor non afonda nas condicións persoais que se vivían dentro dos muros das fábricas, onde as mulleres eran maltratadas, asoballadas e sufrían continuos acosos e abusos e as condicións de traballo eran infrahumanas. Estes aspectos escabrosos son ignorados ou simplemente insinuados.

Antes de facer o presente comentario revisei o libro publicado e vin que se engadiran algúns capítulos e varias fotografías que non figuraban no orixinal ó que tiven acceso. Valen máis cen palabras de menos que unha de máis, téñolle oído dicir os vellos de antes. Este consello non o debía coñecer o Sr. Casal.
Estas novas fotos e estes comentarios sobraban, están fora de contexto e non fan máis que devalar unha obra digna, que con estes novos ingredientes parece buscar o agrado de determinadas persoas ou familias.

Polo demais agradecer ó Concello e a Caixanova a publicación de esta testemuña e o autor de este estupendo retrato de un tempo en que as fábricas cheiraban a saín e a humidade e que el fai que arrecendan a rosas e xasmín.

martes, 16 de noviembre de 2010

POR UN PRATO DE LENTELLAS

Dí a Biblia (Génesis capítulo 25) que Xacob fillo de Isaac, neto de Abraám, comproulle os dereitos da primoxenitura a seu irmán Esaú por un prato de lentellas, aproveitándose da ocasión de que este último regresaba de unha batida de caza famento.
Os dereitos de primoxenitura significaban que ía herdar o título de sacerdote do pai e os dous terzos dos seus bens, ademais de outros privilexios.
Xacob é o Patriarca fundador do pobo israelita, os seus doce fillos dan orixe as doce tribos do pobo de Israel.

Cando de rapaz tiña que estudar as sagradas escrituras non comprendía esa avaricia de Xacob e as miñas simpatías eran para Esaú, aínda que nas ilustracións aparecese feo e peludo en contraposición coa beleza feminina con que debuxaban nos libros da historia sagrada ó seu irmán.
O que menos comprendía era que o propio deus dos xudeus (xehová) premiase con tantas bendicións a un aproveitado e miserable Xacob.

O PRECIO DE UNHA CONCIENCIA.

O pai téñame en moita estima e anque a decisión non lle correspondía a el considerou oportuno tomar consello comigo.
_” Levo máis de oito días sen poder pegar ollo. Ti sabes como penso e que non son un trocabandeiras. Pero... os fillos son os fillos...”
_”Ben que o digas. - contestei por dicir algo ó ver que se atascaba – Fillos criados traballos dobrados.”
Custábame créelo pois todos os seus fillos eran moi sensatos comprometidos e intelixentes pero pensei para min que Melito, o fillo máis novo, que había dous anos que acabara a carreira e non encontraba traballo o engatasen na mafia da droga ou que mesmo caera no consumo de estupefacientes.
_”Os fillos doen e non sabes canto...Cando os ves camiño dos trinta sen traballo, sen posibilidades de formar unha familia éntrache unha angustia, unha pena que te afunde que che pesa coma unha pedra no peito...”.
_”Desafógate, que non vai ser por iso polo que leves unha semana sen durmir. Cal é o problema?
_” A muller xa me dixo que te deixase tranquilo, que era cousa da familia, pero o Milito insistiu en que quería saber a túa opinión.”
Estaba falando con unha persoa de trato moi directo, por o que me chocaban tantos rodeos.
_”Cando mo contou eu opúxenme rotundamente -proseguiu- pero pouco a pouco fun amolecendo e agora son eu quen máis o anima. E que non quero que o día de mañá poida pensar que lle cortei as asas antes de empezar a voar.”
_”Non alcanzo a saber de que me falas. Pero sexa do que sexa, o teu fillo ten unha formación e unha experiencia da vida que non tiñamos nin ti nin eu os seus anos.”
_”Pero tiñamos traballo!. Ese é o problema, o traballo!... Ó rapaz ofrecéronlle un traballo na Deputación e non sabe que facer.”
_”Sen máis, coma quen che ofrece un café”- Díxenlle con certa sorpresa.
_” Viñeron pola casa para que fose nas listas das municipais e que si aceptaba lle daban un traballo. Non dan puntada sen fío.”
Diante do meu mutismo pediume opinión:
_”Ti que opinas?”.
_” Opino que diga o que diga vaise a resentir a nosa relación. Tiña razón a túa muller é un problema de familia.

O Milito era nacionalista, os pais eran socialistas e todos me tiñan en moita estima.
A crise tamén devala as consciencias.

O que menos comprendía era que o propio deus dos xudeus (xehová) premiase con tantas bendicións a un aproveitado e miserable Xacob.



Máis sobre deputacións en AROUSA A DEBATE http://arousadebate.blogspot.com/

lunes, 8 de noviembre de 2010

CÁNDIDO PAZÓ E AS MEMORIAS DE UN NENO LABREGO

 Chegaron na motora das cinco da tarde, que como levaba ós mestres que vivían “fóra”, arribaba no Cabodeiro, para facilitárllelo regreso. Varios membros da Asociación cultural Dorna estabamos a súa espera con carriños de man para cargar os aparellos da obra de teatro que ía representar o grupo vigués que dirixía “Yayo”, fermento de tantas iniciativas culturais que se ían desenvolver na cidade da oliveira máis tarde, durante os anos oitenta. Entre os asombrados actores, que non daban crédito a tal recibimento, que os liberaba de transportar a equipaxe ás costas estaba un adolescente de cabelo louro e rizado, que eu asociei coa imaxe de Xoán o Evanxelista, posiblemente por a similitude que o seu xefe tiña coas imaxes que nos transmitiron da figura de Xesucristo.
Este mociño era o Cándido Pazó nos anos setenta e tantos. Era un rapaz que xa de aquela apuntaba maneiras de actor.
Nos trinta e cinco anos que van alá desde entón tiven ocasión de o ver representar novos papeis, asumindo e superando os riscos impostos pola complexidade das personaxes ás que lle daba vida na escena.
O sábado 30 de outubro non puiden asistir ó "MULTIUSOS" á presentación da versión dramatizada que el mesmo fixo da entrañable novela de Neira Vilas, “Memorias de un neno labrego”.
Puiden asistir o pasado venres a un pase matinal que fixo para os alumnos do instituto de Vilanova.
Hei de recoñecer que había moito tempo que non sentía esas sensacións que se entullan no peito e che fan revivir tempos imperfectos, coma os de un verbo, pero cheos de evocacións e tenruras, que che provocan un saluco contido e a muiñeira de unhas bágoas nos ollos.

A adaptación non desmerece en nada a novela.
A interpretación, chea de frescura e intuición, con un único protagonista que narra e interpreta de forma maxistral os diálogos, e un simple decorado con axeitados efectos de luz e son, logran unha posta en escena redonda.

Parabéns para Cándido e o seu equipo.
E GRACIAS. Gracias por facerme sentir o son da gaita nunha cidade de exilio.

miércoles, 20 de octubre de 2010

4.999

Non é o que parece. As aparencias enganan. É certo que 4.999 máis se semella ó prezo de unha promoción ou a un décimo de lotería que ó número que rexistra o Padrón de habitantes de Arousa segundo declaracións os medios de comunicación feitas polos voceiros do Partido Popular.

Cando pedíamos a chave para os 6.000 presos, sabíamos (pois xa existía o padrón municipal) que non eramos tantos “os presos”, pero como previsión e tendo en conta os incrementos na produción e na reprodución, pensabamos que para cando tivésemos ponte xa podíamos ter os seis mil habitantes.

Cando se fan cálculos hai que contar con todas as variables e en este caso non se contou que a luz eléctrica, ou mellor dito a falta de ela era un factor determinante no crecemento demográfico da nosa illa. Cando se producía un corte de máis de unha semana, nove meses despois o rexistro municipal pegaba un importante pulo. En este sentido foi un erro da comisión da luz xestionar un novo cabo submarino.

A calquera que saiba do que vai o asunto, sexa ou non sexa do Partido Popular tenlle que dar que desconfiar esta cifra. Como todo licenciado en aritméticas sabe: 4.999, son cinco mil menos un.

E si non somos cinco mil que?. Perdemos a honra?. Que diferencia hai entre cinco mil menos un e cinco mil e un?

O único que perdemos é diñeiro. Pois o Concello o ter máis de 5.000 habitantes pasaría de ser de terceira categoría a ser de segunda e como consecuencia recibiría da facenda do estado un maior aporte por cabeza.

Velaí que todos debéramos estar interesados en encontrar a ese habitante que nos falta.

O padrón municipal que se elabora nos concellos pasa a unha comisión provincial que o analiza e o depura. Cando o concello non está de acordo pode facer as alegacións que estime oportunas.

Estou convencido que o goberno municipal terá feitas estas xestións. De non ser así tería culpa o equipo de goberno e entendería que a oposición os criticase por neglixencia. Pero criticalos, como os critican, por non facer nada, paréceme unha intrusión na vida privada e unha incitación a procreación.

Mesmo esta crítica non é xusta, pois dos seis concelleiros do Partido Socialista, dous están xubilados, supoño que este estado tamén afecta a procreación, e dos catro restantes, dous foron pais en esta lexislatura. Están, pois, por encima da media, señores do PP.  Deberan considerar que son humanos, que non son coellos.

¿Ou acaso saben algunha cousa que os demais ignoramos ?

¿Algún de estes concelleiros socialistas, non rexistrou ó seu fillo no noso Concello?

En este suposto caso, eu pediríalle a ese concelleiro que que abandone inmediatamente o barco.

Non se pode estar dicindo que se está loitando por un pobo cando se está defraudando.

Sres. do Partido Popular. Si é isto certo deben desenmascarar ó farsante e esixir a súa pronta dimisión.
No caso contrario é falar por falar.

martes, 19 de octubre de 2010

BENITO IGLESIAS, O ARTISTA PLÁSTICO DO PLÁSTICO

Co paso dos anos xa non encontras cousas que te chamen a atención por novidosas. Xa so te podes sorprender no eido das novas tecnoloxías.


O mes pasado cando entrei na casa do Concello de Arousa, esa sinxela, singular e funcional obra de Manolo Gallego, reparei en un mural que había exposto ó longo da parede da entrada á sala de sesións. Non podía pasar desapercibido, pois ó abrir a porta fíxome un chisco de luces cos reflexos producidos por o ar na súa ondeante superficie. O mural representaba unha dorna navegando con dous mariñeiros a bordo e un faro que os guiaba. Sopraba un ventiño do norte que fixo que as ondas se moveran e a dorna avanzase. Ó pecharse a porta e calmarse o mar puiden observar, que se trataba de un mural feito con bolsas do lixo de plástico.

Cando preguntei polo autor, e me dixeron que era obra de Benito Iglesias, non me fixo falta preguntar de que Benito Iglesias se trataba ( coñezo máis de un“Benito Iglesias”). Inmediatamente me foi a cabeza para Benito Iglesias o “da Chavola”. Pois sendo meu alumno xa me tiña demostrado a súa orixinal curiosidade.

Hai uns días tiven ocasión de falar con el e de interesarme pola súa vida e pola súa obra:
Benito reside en León e colabora na montaxe da escenografía de obras de teatro de varios grupos aficionados do barrio. Utiliza para o seu traballo material “non utilizable”, ou dificilmente reutilizable, especialmente bolsas de plástico.

O resultado é cando menos sorprendente, por tratarse de un material ó que el sabe sacarlle partido e ademais, xoga coas moitas posibilidades que este soporte ofrece.

Espero que a iniciativa vaia máis alá, que teña continuidade e que Benito sexa recoñecido como o artista plástico do plástico.

Un exemplo máis da creatividade e da orixinalidade da xente da Arousa.

Gracias, Benito.

Espero e desexo que a túa obra,esa maneira artística de reciclar, sexa valorada como se merece.


viernes, 8 de octubre de 2010

SUBEN AS AUGAS

Dentro de uns anos, cando comecen a fundirse os témpanos dos Círculos Polares e os glaciares, o aspecto das praias e dos paseos marítimos de Arousa pode ser semellante ás fotografías que se mostran. Pero sen volver a devalar.
Peirao do Chufre




En esta ocasión xa me asegurei de que baixaba a marea antes de colgar estas fotos que foron obtidas esta mesma tarde, na que varios factores climatolóxicos, se puxeron de acordo para anegar as praias.



 


Así, que, como dicía o científico, primo de un "dirixente político", non hai que ter medo ó cambio climático.

Medo hai que terllo a quen tal cousa afirma.


Paseo do Cantiño






Paseo do Vao











Comeza a devalar.Os patiños volven o mar