sábado, 11 de junio de 2011

TRAIDOR!

Quen é un traidor?.
Traidor é aquela persoa que vende ós seus, ós seus principios, ou conculca as súas propias ideas (traidor a si mesmo).

Falando de política:
Quen son os seus?
Son os seus compañeiros de partido, son os seus votantes manifestos (non os anónimos).
Cales son os seus principios, as súas ideas?
Son as do seu ideario político, é dicir, as do seu partido, polas que se presenta e defende.
Se alguén na Arousa votou o B.N.G., coa idea de mudar un alcalde socialista por un popular, foi porque quixo enganarse a si mesmo, pois tiña a posibilidade de votar directamente ó candidato do P.P. Si se dese ese improbable caso, non ten dereito a chamarlle traidor a ninguén. En todo caso debe facer un acto de contrición (se é de dereitas) ou de autocrítica (se é de esquerdas) e empezar por chamarse a si mesmo inocente, parvo ou idiota, axeitando o adxectivo ó grao de rabia que o corroia.

Sería un traidor ás súas ideas e os seus votantes se permitise que un partido conservador (por moderado que pareza ser o candidato) gobernase o seu pobo, que na súa maioría votou progresista.
Inda que rexeitaría igualmente a quen llo chamase.

REPÍTESE O CONTO: Carapuchiña Vermella, salvada polo leñador.


Hai contos vellos, que nunca morren e está ben de cando en vez , recordalos.
Carapuchiña Vermella era e segue sendo, pois as personaxes dos contos non medran, unha meniña inocente, crédula e obediente, que facía con ilusión e cariño os recados que lle encomendaba súa nai.
A súa aboa é unha muller rara que dorme con cofia e mora soia no medio e medio de un perigoso bosque.
Alá se dirixía, unha vez máis, Carapuchiña Vermella cantando, collendo flores ou perseguindo bolboretas da abraiante foresta; no brazo un cestiño con un ramo de rosquillas de Santa Rita que lle encargou súa nai levar á aboa.
Súa nai é unha boa muller, pero tamén inocente e insensata. Nunca vai aprender que no bosque acóchanse moitos riscos para os nenos.
O maior dos perigos represéntao o lobo.
O lobo é o lobo, o malo de todos os contos. O seu instinto natural lévao a matar e devorar.
O leñador é un home do lugar, que coñece o medio no que traballa. Cando o lobo ataca, sabe que ten que salvar a meniña, aínda que teña que matar ó lobo.

Xa van tres veces nas que o leñador salva a Carapuchiña Vermella.

Sabendo que a nai é unha boa muller e el é un home traballador e sensato, ven podían compartir o mesmo teito e así Carapuchiña cando tivese que ir a casa da aboa non correría riscos no bosque, pois o leñador, protexeríaa do “malvado lobo”.