martes, 22 de junio de 2010

UN AROUSÁN EN NOVA YORK (Para Manolo Abuín)





Vai alá moito tempo, cando Xesús andaba predicando polo mundo e os animais falaban, contan que, os soldados romanos e os seus esbirros xudeus ultra ortodoxos andaban na súa procura para crucificalo.
Ían sobre as súas pegadas mais non daban con el. A beira do camiños encontraron picando nas sementes a un  piadoso pimpín ó que lle preguntaron:
-Viches por aquí a un tal Xesús, que se fai chamar o rei dos xudeus?
O pimpín, sabedor que Xesús acababa de pasar cos seus discípulos respondeulle:
-Pin pin, por aquí non vin.
Cando os soldados e os seus esbirros xa se dispoñían a tornar sobre os seus pasos, chegou voando un malvado chasco que aterrou nunha herba do camiño.
Os soldados fixéronlle a mesma pregunta que lle acababan de facer o pimpín.
O Chasco levantando a súa gola vermella e indicándolle co peteiro o camiño díxolle:
-Chas chas, por aquí ben vas.
Os romanos e os seus esbirros seguiron os consellos do desalmado paxaro e deron con Xesús.


Na miña aldea, cando eu era un cativo tiñamos unha gran devoción ós pimpíns. Mesmo os considerábamos paxaros divinos. Arrincar un niño de pimpín era un sacrilexio. Largarlle unha pedra co tiratacos era un gravísimo pecado de confesión.
Pola contra, patear un niño do paxaro delator era un xogo que tiña que agradar a Xesús. Acadarlle con unha pedra ós  chaschás liberábate dos teus pecados. Afogarlle as súas crías era un acto de xustiza. Pillalos vivos e atarlle unhas pallas no rabo molladas con gasolina e penderlle lume para logo soltalos e que voasen ardendo coma un foguete, era o xusto castigo polo mal que tiñan feito a cristiandade, entregando a Xesús.

Que hoxe sexa consciente de que tiña obrado mal, non quita que en aquel intre obrara coa certeza de estar facendo xustiza.


Benito Fuentes era un rapaz miúdo e baixo de estatura que medraba cando paseaba polas rúas de Manhatan co seu chapeu de asa e o seu bastón coa empuñadura de prata. Levaba unha abultada carteira, no peto, repleta de"dolas" e de fotos de follies núas, vedettes do Brooklin do can can.
A súa vida de aventura non lle deixaba tempo para pensar na súa Illa.
Cando coñeceu a Alfhonse Capone xa  Frank Gallucio lle deixara  as tres marcas na cara. Velaí, que para o noso Benito sempre fose o Skarface, (Cara cortada), aínda que diante dos amigos do xefe se referise a el, como don Al ou mister Capone.
Benito non formou parte de ningunha das bandas de extorsión que Al Capone tiña organizadas en Nova York.
Só lle encargaban traballos de información por libre, pois ó non ser italiano era máis difícil, que o relacionaran coa banda.

Cando Al Capone se trasladou a Chicago e se converteu no lendario e temido capo da mafia, non se esqueceu de Benito.
 O creador do "Sindicato do crime" tiña outros negocios ademais dos coñecidos de extorsión, rei da hampa, trata de brancas e contrabando de alcohol (eran tempos da lei seca). Un dos máis lucrativos dos seus  negocios consistía en vender pasaxes ós chineses en distintos portos da China con destino ós Estados Unidos e que nunca chegaban a América.
Benito pasou a traballar no Pacífico nun barco que atullaba a adega de inmigrantes nun porto chinés para tiralos pola borda unhas millas mar a dentro como ofrenda ós tiburóns. Seguidamente volvía a outro porto e repetía a faena, mudando sempre de porto ou de nome o barco.
Cando colleron a Al Capone, Benito tamén foi detido, máis como non tiñan cargos na súa contra despois duns meses na cadea deportárono.

Cando paseaba polas corredoiras da súa Illa natal portaba unha boina mariñeira con quepis a modo de viseira, que se abrochaba na noca. Non portaba bastón, levaba a carteira sen dólares, pero repleta de follies
Unha vez na Arousa pasou a formar parte do club dos ilustrados e foi  un cidadán servizal. Sempre disposto a axudar , amigo dos amigos, como tiña aprendido das "familias" sicilianas.
Casou con Manuela Allo e aínda que o matrimonio non tivo fillos criaron a unha sobriña.
Era frecuente velo na taberna do Nicho discutindo de política cos contertulios.
Cando falaba da súa arriscada vida na América (como el se refería ós Estados Unidos) ou no Pacífico facíao coa mesma énfase que cando falaba da pesca da sardiña. Era o seu traballo.

-Benito, non che daban pena os chiniños que botabades os tiburóns?
El contestaba:
- Eu nunca botei  ningún.
ou
- Non os coñecía, non saían da adega.
ou
- Todos os chineses son iguais.
ou
- A china está moi chea de chineses.

-Benito, na cadea tiveches que pasalo mal.
- Que va, mellor na cadea alá que aquí libre. Pola semana orquestra de brancos e os fins de semana orquestra de negros. Tiñamos gaita todos os días.

-Benito, móstralle esas fotos ós mozos, para que vexan o que hai polo mundo.
Benito abría a carteira, mostráballe as follies e advertíalles.
-Si alá vades andade con tino, pois estas mulleres están infestadas, mesmo lle pegaron a doenza da sífilis ó propio Al Capone.

http://www.youtube.com/watch_popup?v=UovQ1ybovEU#t=75Bailando o can can

No hay comentarios: