sábado, 24 de octubre de 2009

OS COGOMELOS NECESITAN DETERMINADAS CONDICIÓNS


Vista de Albarracín, na serra a que lle da o nome
Durante o último mes estiven fóra. Crucei a península en sentido contrario ó camiño do sol. Viaxei desde as eleccións xerais e autárquicas de Portugal as corrupcións xerais e autárquicas da Comunidade Valenciana, parando nas serras de Albarracín e Serranía de Cuenca na procura de cogomelos, que por certo, obviaron a xentileza de presentarse.
De volta, cando entrei na Arousa vin que todo estaba no seu sitio ou seguindo o rumbo establecido: continuaban as obras dos paseos da ponte, había unha máquina traballando na rotonda da nova estrada ó porto do Chufre, as obras do Plan Nacional de Emprego estaban rematadas...
Todo, todo... non estaba no seu sitio. O sinal que hai diante da rotonda ó fin da ponte estaba deitado panza arriba. Algún condutor con mais sensibilidade estética que pericia guindouno para arremeter contra o horrible pelexo verde sintético que cubre a rotonda. ¡Que linda estaría con un chan de area prensada e plantas autóctonas! (É evidente que as plantas autóctonas son prexudiciais para a financiación dos partidos).

A miña rúa (Con do Moucho)esperábame coma sempre, coas beirarrúas esbarrancadas e con aire de "Cincenta" do rueiro, despeitada,agraviada,parecía reprocharme o seu abandono: "Os teus amigos do concello esquecéronse de min unha vez máis".
O día seguinte pola tarde fun dar unha volta ó Carreirón. Vin que o novo paseo do leste xa chegaba ó balado e tamén empedraran a rotonda.
Levei un cesto para ver si xa saíran algúns cogomelos. En menos de media hora enchín o cesto de boletos.
Conclusión, para apañar cogomelos non é preciso viaxar moi lonxe, é preciso ir a onde se dean as condicións.
(O mesmo que a corrupción)