
sábado 24 de octubre de 2009
OS COGOMELOS NECESITAN DETERMINADAS CONDICIÓNS

viernes 18 de septiembre de 2009
GRATUIDADE LIBROS DE TEXTO

O pai de Mélodi (así se pronuncia) é pobre oficialmente, pois a súa declaración da renda como mariñeiro e baixa. Malia ten dous coches de alta gama, un chalet de pedra con unha gran horta e todos sabemos que os peixes que pesca véndense no mercado negro. Mélodi vai a unha escola privada de monxas, este ano recibirá 180 euros para axuda na compra dos libros de texto.
GRATUIDADE DOS LIBROS DE TEXTO POR EMPRÉSTITO
Cada 4 anos as familias mercanban os libros de texto para os seus fillos na librería que eles elixían e pagaban cun cheque que lle entregaba a Consellería.
Eses libros eran utilizados por 4 alumnos ao longo de 4 anos consecutivos. Os nenos usaban cada curso escolar os libros en empréstito e os devolvían ao centro unha vez rematado o curso.
Os alumnos tiñan a responsabilidade de coidar os libros de texto. De non devolvelos en bo estado as súas familias debían abonar o custo total dos libros.
Os libros eran renovados cada 4 anos.
Se un alumno suspendía unha asignatura, o centro prestáballe o libro durante o verán, co compromiso de que o devolvería en setembro en bo estado.
PROS DA GRATUIDADE POR EMPRÉSTITO
É SOLIDARIA
Cada 4 alumnos comparte os mesmos libros de texto en cursos consecutivos.
FOMENTA O RESPECTO HACIA OS BENS COMÚNS, OS BEN PÚBLICOS
Os nenos se esforzan en coidar os libros porque saben que outros nenos os van a usar ao ano seguinte.
CONTRIBÚE Á SUSTENTABILIDADE DO MEDIOAMBIENTE
Os libros recíclanse durante 4 cursos consecutivos. Nin se esquecen nos andeis, nin se queiman en San Xoán.
É MENOS GRAVOSA PARA A ADMINISTRACIÓN
O feito de que os libros se compartan durante 4 cursos escolares consecutivos supón que non hai que mercar un paquete de libros por alumno senón un paquete por cada 4 alumnos. Polo que o custo dos libros para todo o alumnado galego en situación de empréstito por ano equivalería ao custo de dar en propiedade os libros a tan só un 25 % dos nenos.
miércoles 19 de agosto de 2009
Teño un neto de dous anos que durante este curso asistiu a unha Galescola. Estaba todo preocupado, pois ó decir de algúns colectivos e tamén do Patido Popular corría o risco de que lle comeran o "coco".
sábado 8 de agosto de 2009
OS MERLOS BRANCOS



.jpg)
miércoles 5 de agosto de 2009
ALGO TIRABA DE MIN
Era martes. Era verán, e eu era un cativo duns oito ou nove anos.
A semana anterior, miña avoa, fíxome a promesa condicionada
-Sitiño, se te portas ben, martes lévote ó mercado á "vila".
Anque non era a miña especialidade a de portarse ben, en esta ocasión debín de facer un extraordinario esforzo, pois miña avoa, cumpriu a promesa de levarme ó mercado a Vilagarcía.
Xa tiña oído falar da illa de Arousa e dos seus mariñeiros que enchían as súas dornas de berberechos no lombo de Bamio antes que os de Carril e mesmo que os de Rianxo. Tiñan sona de bos mariñeiros.
Malia, nunca tiña visto a un habitante de unha illa.
Meu avó, fora fogoneiro de un vapor de carga que facía a ruta do Caribe e ás veces contábame historias de cañóns apuntando á boca da entrada do porto da Habana, ou ó de San Juan de Puerto Rico, desde unha amedrentadora fortaleza que lle chamaban "O Morro". Eran illas cheas de riqueza: Café, bananas, tabaco, azucre, chocolate, ron, mulatas, negros e que a todos os españois lles chamaban galegos, anque fosen de Barcelona. Naquelas augas tamén andaban os piratas, anque, meu avó, non tivera ocasión de enfrontarse a eles e darlles o seu merecido.
Tiña soñado moitas veces coas illas. Mais nunca fora capaz de poñerlle cara os seus habitantes. Eran como seres máxicos, sacados de un conto.
Aquel martes saímos ó romper o día, pois tiñamos que andar uns cinco quilómetros ata chegar a Vilagarcía. Aínda non había liña de autobuses e o único coche que recollía pasaxeiros era o coche do leite de Laíño, que era unha mestura de camioneta e autobús. Adiante levaba nove pasaxeiros e detrás a un correr ían os bidóns do leite e as pertenzas dos pasaxeiros. Os días de mercado era imposible coller sitio, pois xa viña atestado de xente e mercadurías que das aldeas da ribeira do Ulla baixaban ó mercado ocupando a cabina e tamén sentados sobre os bidóns ou de pé agarrados a estructura da carrozaría. Bamio era a última aldea da ribeira antes de chegar a Vilagarcía. Ninguén no seu xuízo esperaba coller o coche do leite en un día de mercado.
Xa quentaba o sol cando chegamos a "vila". Despois de comprarme o bastonciño de tres cores de caramelo na pastelería Prada, a avoa, levoume ó mercado. Unha gritaría de xente interrompido por o ruxido dun porco o cantar de un galo ou a voz persuasiva de un charlatán, ampliada por unha bucina, que vendía pos marabillosos para matar ás pulgas, tíñanme hipnotizado. A miña avoa non facía outra cousa que tirar de min para sacarme de diante de calquera rareza, coma a do lagarto amestrado.
-"Non me soltes a man e anda a carón de min"
Así chegamos a unha tenda que poñía na porta "ultramarinos". Ollei a través do vidro do escaparate e vin sacos abertos mostrando grans: café, améndoas, arroz, fabas, latas de conservas e botes de vidro. Na tenda había unha gran algarabía, máis de vinte persoas se amontoaban entre o mostrador e a porta. Os tres homes que atendían trataban de calmar a xente: "Cada un no seu turno, hai para todos" . Cando remataban con un cliente alzaban a voz: "¡O seguinte!".Alguén se parou na porta sen atreverse a entrar. O que parecía ser o xefe fixo sinais coas mans invitándoo a entrar.
-Entre señor Juanito que xa o atendo agora.
Entre os clientes que estaban esperando prodúxose un murmurio de reprobación. O vendedor xustificouse:
-O señor é da Illa de Arousa e váiselle o vapor.-e diríxindose ó da Arousa, continuou.- En canto teña listo o pedido xa llo leva o rapaz na carreta ó barco.
En canto ouín que o señor era da illa picoume a curiosidade. Púxenme na punta dos pés para ver esas peculiaridades, que según a miña imaxinación os facía diferentes. Coa miña estatura érame imposible chegar a velo desde onde me encontraba. Soltei a man da de miña avoa e dirixinme o lugar onde saía unha voz grave que se dirixía educadamente os presentes dicindo: "Por favor,disculpen". A clientela apartábase en silencio e eu sen saber como encontreime diante de unha figura que me impresionou: Era un home que rondaría os cincuenta anos. Vestía un fato negro e unha chambra branca. Por debaixo do chapeo asomaban uns cabelos de prata. Zapatos negros e lustrosos. No oxal da casaca levaba unha flor vermella de camelia xapónica. Este detalle foi o que máis me chamou a atención, pois no verán non florecen as camelias e ademais as vermellas sóltanse do cáliz nada máis cortalas. Sabía todo iso, pois tiñamos unha camelieira vermella na horta, polo que deducín que na illa florecían as camelias no verán.
Evidentemente, era unha personaxe singular, era un aborixe, un home como debían de ser todos os da Illa de Arousa. Esa foi a imaxe que eu conservei durante moitos anos dos habitantes da Arousa.
Na adolescencia coñecín a un xoven da miña idade (máis ou menos), chamábase, José Manuel Agra Villagarcía, estudiaba no Colexio León XIII e vivía na Casa do Director , D. Jesús Garrido. Era un rapaz espigado, semellante a outros da súa idade. Mais para mín non era igual: vivía na casa do director do colexio e o seu pai tiña un bar na planta alta da casa. Había que subir unhas dezaoito escaleiras para ver as mesas que eran de mármore branco e negro deseñando o cadro do xadrez.
Aínda que a miña percepción da Illa de Arousa tiña mudado co tempo, estas detalles que iías coñecendo seguían dándolle un toque de exotismo que me intrigaba.
Paco Sirvent, era Mestre da Illa de Arousa. Fixemos a "mili" xuntos. Un día encontreino diante do quiosco que había na central dos autobuses de Pereira e coincidiu a pasar por alí unha moza de uns vinte anos, que el me quixo presentar. Era a primeira muller da Illa que ía coñecer:
-"Maricarmen, Sito"
-Encantado.
-Encantada, desculpa, teño presa ... aínda teño que recoller uns recados e non quero perder o vapor.
Cando desapareceu entre a multitude o único que acertei a dicir foi:
-¡Que ollos máis bonitos!
Maricarmen, co tempo sería a miña compañeira e a nai dos meus fillos.
Manolo Longo, era un compañeiro, mestre, veciño tamén de Bamio. A principios de setembro de 1969 foi a unha asemblea de mestres para elixir escola. Eu non asistín, pois estaba agripado e tiña un número máis alto que o número de prazas que se ofertaban. O final aumentaron as prazas e cando me tocou o turno de elixir, o meu compañeiro Manolo escolleu por mín. Ollou para as prazas que aínda non foran tachadas da “pizarra” e decidiuse por a Illa de Arousa.
-"José Vázquez García, destinado al Colegio Torre-Isla"
Non acredito no destino; pero ás veces penso que había algo que me chamaba, que tiraba de min coma un imán, e do que non tiña consciencia.
Do que non dubido é de que tanto para a Arousa como para min, a concorrencia vai resultar determinante.
lunes 27 de julio de 2009
A FESTA DA PONTE



A dereita: resume das contas da Festa, presentado polo tesoureiro, Fernando Milleiro.





lunes 13 de julio de 2009
TRINTA ANOS DA COMISIÓN "DA PONTE"
- UNHA COMISIÓN, QUE RESULTOU SER UNHA EXCEPCIÓN
Hai un dito moi habitual entre os políticos que reza así: “cando queiras que algo non funcione crea unha comisión”. Mais os ditos, o mesmo que todas as regras, teñen tamén as súas excepcións que os confirman. É posíbel que sobre a nosa Illa exista unha lei da gravitación universal diferente, como din que sucede no Triángulo das Bermudas, na que se producen fenómenos estranos que non teñen explicación científica. Na Arousa funcionaron todas as comisións para confirmar a regra.
Presentación da Candidatura que gañaría as primeiras eleccións ó
Concello de Vilanova. Esta candidatura leva no seu programa
a segregación da Illa de Arousa do Concello
A Agrupación Independente da Illa (A M D G) gañou as primeiras eleccións democráticas ó Concello de Vilanova. No Concello non había máis diñeiro que no capítulo 1 dos orzamentos municipais, escasamente para pagar ó persoal. Desde abril de 1.979 (mes no que tomamos posesión do goberno municipal) ata xaneiro do ano seguinte tan so puidemos comprar a crédito algunhas bombillas que levaban moito tempo fundidas e algúns sacos de cemento para tapar as pozas máis fondas.
O feito de non ter diñeiro, a longo prazo resultou ser positivo. Pois como di o refrán a “fame aguza o enxeño”. Pasamos oito meses longos imaxinándonos como podíamos facer cousas sen diñeiro. Creando comisións, involucrando os veciños en iniciativas populares, que resultaron ser proveitosas.
A primeira comisión en formarse foi a Comisión da Ponte a finais do mes de maio:
O bar Ribeirán (o de Tucho), tiña un reservado onde cataban os fabricantes os productos que elaboraban de cada colleita de mariscos ou peixe, que regaban con viño do ribeiro, de aquel arreluado, case da cor do leite, que se servía en cuncas de louza branca. Á primeira cita convocada dende a Tenencia de Alcaldía acudiron todos os representantes das poucas asociacións (estabamos no comezo da democracia e aínda a sociedade se estaba vertebrando) e os membros mais representativos do que daquela se denominaban forzas vivas.
A Asociación de Veciños, a Asociación Cultural Dorna, a Asociación de Pais de Alumnos, o Pósito, en representación dos mariñeiros, tamén había representación dos productores de mexillón, dos comerciantes, dos fabricantes e ¿como non?: os sobreviventes da primeira comisión “Pro Puente”da que xa teño falado. Como non teño constancia de que ninguén se queixara por discriminación, podo dicir que estabamos todos os que tiñamos que estar reunidos arredor da mesa familiar do reservado do bar Ribeirán.
Ó remate a comisión non era máis que un cabo polo que tiraban os cinco mil veciños da Illa (os seis mil presos como dicía o reclamo, anque na realidade non chegabamos a cinco mil) arrastrando á ponte dende Madrid ata a punta do Bao. Os membros da comisión limitabámonos a controlar os esforzos e a que todos tirásemos a un tempo e na mesma dirección.
UNHA COMISIÓN DE COMISIÓNS
Aquela reunión era chocante en canto a maneiras de pensar e de enfocar o tema: Xente maior, moi escaldada por fracasos anteriores, mozos xoves que todo o vían claro e fácil e algúns, os menos, que pensabamos que a consecución do soño da ponte pasaba por un traballo serio, pensado e ben organizado. Despois de escoitar exposicións e tamén disquisicións, temperouse o debate e pasouse a valorar o que podíamos facer:
Para empezar había que conseguir diñeiro, pois o Concello estaba en bancarrota e polo propio orgullo do pobo da Arousa, que non quería que os de Vilanova nos puidesen botar na cara que viaxabamos e montabamos festas co diñeiro do Concello, decidimos crear un equipo que se encargase de arranxar diñeiro de forma digna e simpática e que o mesmo tempo axudase a publicitar a causa. Este equipo denominouse a comisión económica. Esta comisión recadou coa venta de rifas, pegatinas, bolsos, gorros, cerámica popular e consumicións na cantina da festa, máis de dous millóns de pesetas daquela época, que deron e sobraron para todas as actividades.
Tamén había que conseguir apoios políticos, pois era preciso que non se producisen fisuras entre os grupos políticos locais e presentarnos coma un bloque diante da administración. Por iso dentro de esta comisión escolléronse ós representantes dos principais partidos e a persoas de relevancia na localidade.
Esta representación é a que se entrevista en dúas ocasións co Ministro de obras públicas e que goza do visto e prace do deputado J
osé Antonio Gago Lorenzo ( que asinou co máis tarde ministro de Obras públicas, Sancho Rof, unha interpelación ó Goberno solicitando a construcción perentoria da Ponte). Foron cinco membros desta comisión os que lle escoitaron ó Ministro aquela orixinal forma de dicir que si, que teríamos ponte, cando lle mostraron a interpelación pedindo a ponte que el mesmo asinara sendo deputado: “Me habeis pillado por los huevos”
De todas maneiras o máis importante era crear na opinión pública a sensación de que a nosa reivindicación era xusta e sentida por todos os pobos da comarca. Para iso creouse unha comisión de propaganda que conseguiu que durante aquel verán do ’79 a Ponte da Illa e as actividades que se desenvolveron en torno a esa reivindicación, empezando polo slogan “A ponte unha chave para seis mil presos” que se popularizou en todas partes, pois en aquel verán non saía ninguén da Arousa sen portar unha prenda co reclamo. Os medios de comunicación tanto de Galicia como do resto do estado fixéronse eco da perentoria necesidade que tiña a Illa de unha ponte..
Esta comisión formada maioritariamente pola mocidade que se integraba na Asociación Cultural Dorna foi a verdadeira alma da campaña: Aportaban ideas e traballaban organizando actos, pintando os muros, visitando xornais e xornalistas, entrevistándose con xente da cultura e do espectáculo...
A FESTA DA PONTE
o
- O Grupo Milladoiro compuxo para a festa a peza Polca da Arousa
O domingo día 29 de Xullo de 1.979, desde moi cedo o peirao de Vilanova está cheo de xente que se arremuíña en torno as dúas motoras e o transbordador (A Barcaza) para ver de conseguir descubrir a Illa de Arousa. Máis de seis mil persoas chegaron ó Cabodeiro procedentes dos máis distintos pobos e aldeas de toda Galicia. A maioría era a primeira vez que pisaban a cuberta de un barco. ¿Cal era o motivo deste singular cruceiro? A eficacia dun slogan e un programa de festexos que convocaba os principais grupos de folk e rock de Galicia. Dende as nove e media da mañá ata altas horas da madrugada houbo festa rachada no recinto do Colexio Público. A esta festa tamén asistiron as principais autoridades políticas de Galicia: O secretario da incipiente Xunta de Galicia, o gobernador Civil, o Delegado de Obras Públicas, varios deputados, todos os alcaldes da comarca, coa excepción do de Cesures, que se foi cabreado porque un policía local o tratou de malos modos cando intentaba o imposible de conseguir, un sitio para aparcar en Vilanova...
O domingo día 29 de Xullo de 1.979, desde moi cedo o peirao de Vilanova está cheo de xente que se arremuíña en torno as dúas motoras e o transbordador (A Barcaza) para ver de conseguir descubrir a Illa de Arousa. Máis de seis mil persoas chegaron ó Cabodeiro procedentes dos máis distintos pobos e aldeas de toda Galicia. A maioría era a primeira vez que pisaban a cuberta de un barco. ¿Cal era o motivo deste singular cruceiro? A eficacia dun slogan e un programa de festexos que convocaba os principais grupos de folk e rock de Galicia. Dende as nove e media da mañá ata altas horas da madrugada houbo festa rachada no recinto do Colexio Público. A esta festa tamén asistiron as principais autoridades políticas de Galicia: O secretario da incipiente Xunta de Galicia, o gobernador Civil, o Delegado de Obras Públicas, varios deputados, todos os alcaldes da comarca, coa excepción do de Cesures, que se foi cabreado porque un policía local o tratou de malos modos cando intentaba o imposible de conseguir, un sitio para aparcar en Vilanova...


