En un tempo moi lonxano había unha illa deitada nun berce de auga con baldas de granito cubertas de prados e carballeiras.
Tapouse con un manto verde e deixou fóra as cabezas pétreas que salientaban a placidez de tan harmonioso leito.
Cando pasaban os exploradores cos seus barcos de madeira varaban nas areas das dunas que a arrodeaban a modo de colchón e bebían das súas fontes e descansaban nas sombras do seu verdor.
Eran rudos homes de mar, que cando regresaban a súa dura vida de conquistadores de terras, bautizaban a illa con un nome que a distinguía de tantas outras illas que xa coñecían e bautizaran antes e de todas aquelas outra que esperaban descubrir e bautizar máis adiante.
A illa deitada nun berce de auga sobre un colchón de dunas de douradas areas tivo moitos nomes. As veces un mesmo nome ía mudando co tempo, o último nome co que foi coñecida era o de Arousa.
Un explorador da historia, chamado Valentín Viqueira, andou percorrendo libros e vellos pergamiños para encontrar a orixe do nome perdido.
Primeiro observou que o nome de Zaragoza, tiña a mesma terminación que o da Illa do nome perdido, pois a illa noutro tempo chamouse Arouza (castelanizado como Aroza), que perdeu o zeta por ser terra de seseo.
Cando os romanos penetraron no río Iber (Ebro) fundaron unha cidade encomendada o primeiro Emperador que pasou de ser un home a ser un deus: Octavio Augusto (César Augusto). O nome con que os romanos bautizaron a capital aragonesa foi o de Cesaraugusta. O nome foise modificando co tempo ata chegar o actual Zaragoza.
Valentín Viqueira baseándose en un paralelismo semántico e na tradición de que na Illa sen nome había un altar na honra de Augusto, chegou a conclusión que o nome que os romanos lle deron foi o de Altar de Augusto: Araugusta, que nun proceso de mudanzas semellante o da capital maña acabou en Arouza (Arousa, en terras de seseo).
Ese nome máis adiante estendeuse á Ría que a acolle e lévano de apelido de distinción algunhas vilas do entorno.
Cando se perde o nome da Terra, é que se produce unha amnesia xeral do seu pobo, de tal maneira que pouco a pouco van desaparecendo os nomes dos lugares, bairros ou rueiros e seguidamente os nomes de familia ou alcumes. Tamén se perden as tradicións e ata o seu ADN pode mudar e en consecuencia converterse en calquera outra cousa.
Non somos de Vilagarcia, nin de Vilanova, nin de ningunha illa de Arousa. Somos da Arousa, que é o nome da nosa Illa.