domingo, 12 de septiembre de 2010

O SOÑO: "LUZ,TELEFONO,PONTE"

Estes días que celebramos a ponte de prata, como se fose un casamento da San Xulián da Arousa con San Miguel de Deiro, quero recordar a todos aqueles que tanto vogaron para levar a porto este soño e que hoxe non están aquí para celebralo. Son moitos para lembralos a todos, desde os pioneiros ata os membros da comisión da ponte, que xa nos deixaron, quero mostrarlles a todos o máis profundo agradecemento.






Hai cuarenta anos todo era moi distinto:

Non había traída de auga.
Non había rede de fecales. Os sumidoiros ían ó mar, ás praias e ás veces ata ó camiño directamente.
As rúas non estaban asfaltadas. As numerosa pozas que se formaban no camiño, e mesmo na estrada xeral, recheábanse de cunchas, que cando viña o bo tempo críaban moscas e mosquitos.
Non había practicante (ats)
Había oito aulas para 800 Alumnos que se turnaban. Como había separación de sexos, as alumnas recibían as clases pola mañán e os rapaces pola tarde.
Os portos eran moi pequenos e sen calado. Ó do Cabodeiro faltábanlle a metade dos adoquíns. O do Chufre, que chegaba ó lugar onde agora empeza estaba cheo de pozas, o do Campo (“O muelle de pau”) so tiña o esquelete e o do Naval estaba para o servicio das conserveiras.
Esta era a situación, e ben seguro que había outras moitas carencias que xa non tiñan o resto das poboacións da ría de semellar importancia.
Os veciños vivían alleos a estas necesidades. Nenguén as reivindicaba públicamente ( o certo era que non estaban os tempos para reivindicacións).
Calquera que se achegase á Arousa daquela nada máis chegar a Chufre encontrábase con unha pintada :”PUENTE, TELEFONO, LUZ” . Estas tres palabras eran a “santísima trindade” das reivindicacións sociais dos arousáns, entón.

LUZ
No ano 1969 xa había luz eléctrica. Era unha luz distinta moi sensible ós cambios,sobre todo ós cambios climáticos: calquera mudanza do tempo podía afectarlle. Unhas veces saltaba o automático (unha hora sen electricidade), outras veces enrolábanse os fíos ( luz intermitente ou apagón ata encontrar a avaría), outras veces rompía o cable submarino e a falta de suministro eléctrico podía demorarse varios días e ata semanas deixando ó pobo as escuras e contribuindo deste xeito ó incremento da natalidade, pois en canto caía a noite...¿que podías facer? (A Illa era o pobo coa tasa de natalidade máis alta de Galicia).
Os fabricantes (as conserveiras) tiñan os seus propios grupos electróxenos que se encendían automáticamente en canto se interrompía o suministro. Tamén chegaba este suministro as súas casas.
Había veciños (en Palmeira e no Campo) que seguían conectados ó vello xerador traído por Irving Willichs “O Alemán”. Este vello e ruídoso motor, que se encendía cando nos quedabamos sen luz, era tamén coma unha campana que nos anunciaba o feito.

Por iso pódese decir que a LUZ era unha reivindicación vixente .

TELEFONO
Había tamén teléfono. Era un emisor de radio que conectaba coa liña telefónica a través de un receptor. De maneira que quen tivese un sintonizador coa frecuencia que emitía podía “pinchar” o teléfono sen permiso xudicial. E decir dispoñíamos de un teléfono público no mais amplo sentido da palabra.
Daquela había pouco mais de un cento de teléfonos instalados, que pertencían ós fabricantes de conservas, pequenos negocios e comerciantes.
A fronte da “Centralita” estaba Francisco Rojas, coñecido por todos como “Pancho”, que era un home chegado de Extremadura que pronto se adaptou a idiosincrasia insular e chegou a crear unha lingua peculiar entre o extremeño e o galego. Era o home mellor informado da Arousa. Cando polas interferencias da radio (que eran frecuentes) non comprendías o que che dicía o interlocutor milagrosamente colábase a voz de Pancho que chegaba nítida ó auricular para aclararche: ...”Ni que estuvieras sordo, carallo: te dice que la pandereta de mejillones del Campaneiro es más barata y que están vendiendo a maso”
“Gracias, Pancho.¿A como a vende?”
“A quince y vosotros a diecisiete”
Pancho nunca foi acusado de espionaxe industrial e todos lle estabamos moi agradecidos, sabendo que tíñamos un asistente telefónico gratis, para aqueles momentos nos que o precisásemos.

Dotada a pequena burguesía deste medio, para o resto do pobo non era xa unha reivindicación importante. Por iso o color das pintadas foise desvaíndo onde poñía TELEFONO.


A PONTE.

A comunicación co “continente” establecíase básicamente a través da “motora” Ganges III, que unía a Illa con Vilanova e que tiña un horario de nove da mañán ás oito da tarde no verán e que se reducía no inverno.

A “motora” dividíase en tres partes:

A Cabina reservada para o timonel e para as forzas vivas: Os fabricantes de conservas (cando coincidían dous ou máis, algún ficaba fora, pois non tiñan boas relacións entre eles), o cura (D. Olimpio) pois había outro cura (D.Tomás,o capellán) que viaxaba co resto dos pasaxeiros, expulsado do reino dos ceos por apoiar algunha reivindacacións sociais do pobo. Tamén tiñan o honor de poder subirse ó “puente” D. Cándido, mestre, ex-alcalde e secretario do Pósito e o empregado do Concello que atendía a Tenencia de Alcaldía. Os demáis mortais podían escoller entre ir en Cubierta, sentados na borda ou na cámara cuberta que dispoñía dun asiento a un correr a babor e a estribor.

“O Marita” era o barco de vapor que facía a liña de Vilagarcía. Facía unha viaxe pola mañán e outra pola tarde.

Era un espectáculo asistir á chegada do vapor ós martes (día de mercado en Vilagarcía). Toda a poboación se mobilizaba. Uns como actores e outros como espectadores afanábanse en descargar as súas pertenencias nun caos de hortalizas, berzas, polos, sacas de fariña, galiñas, porcos, mobiliario, todo tipo de provisións alimentarias, roupa…Os dous motocarros que se dedicaban a facer o reparto estaban a espera ocupando un lugar preferente no cantil do peirao para ser os primeiros en cargar. Tamén había, en contadas ocasións un carro debois (ou de vacas,non recordo o sexo). Nun segundo plano situabanse os carriños de man que maioritariamente conducían (tiraban deles) os rapaces e xente xoven anque tamén había xente maior como María (María a Retrera), que arredor do seu carro sempre tiña un coro escoitando as súas peculiares interpretacións da vida dos conveciños.

Estes carriños de man tiveron unha gran aceptación na Illa. Non había casa que non tivese o seu. Os dous ferreiros non daban a mans para atender tanta demanda, demorándose a entrega en meses. Ademáis foi tal o suceso que ata tiveron pedidos do exterior.

Os martes ás dúas da tarde o Chufre era unha romaría , que se tornaba nuha frenética algaravía nas vispras das festas do Patrón ou do Carmen


Tamén había un vapor que facía a liña de Ribeira a Vilagarcía, facendo escala na Illa. O vapor de Ribeira.

As letras da reivindicación da Ponte seguían relucindo en cor azulón nos muros e fachadas.

Era o soño de todo un pobo.

Anque as veces o mellor do soño é o propio soño.
 
(A foto do carro foi baixada  da Illa dos Carcamáns,Gracias.)

No hay comentarios: