Hai uns dous anos encontreime con Juan Ramón Lojo, no xardín de diante da Igrexa parroquial de Vilagarcía.
Viña de revelar unhas fotografías de uns fondos mariños de sorprendente beleza e de unha difícil realización técnica. Rutilantes formas de intensas cores, que me lembraron outras fotos,que tiña visto, dos fondos dos mares tropicais.
-Vacacións no Caribe?
-Vacacións na Illa de Arousa.
-Non é posible.
-Fixémolas Rodrigo (o seu fillo) e máis eu entre o Faro e o Con de tres Pes.
-Estas fotos telas que mostrar. Tes que facer unha exposición con elas.
Cando quería presumir con algún forasteiro da beleza dos fondos que rodean á Arousa levábao ó Restaurante do Faro ó atardecer para que pasmasen coa paisaxe e coas fotografías que abusando da confianza me prestaban os propietarios (Juan Ramón ou Rodrigo).
Fun mestre do pai e máis do fillo; pero a J.R. téñolle unha especial querenza, non só pola súa curiosidade, sempre quixo vivir novas experiencias.
Ese nexo vai máis alá do razoable e entra no eido do emocional. Con Juan Ramón houben de tomar a decisión máis difícil da miña vida.
Estábamos de vacacións de fin de curso no Algarve (Sur de Portugal) e Juan Ramón (tería uns 14 anos) levaba uns días mal. Lévoo ó hospital e diagnostícanlle unha peritonite aguda. É cuestión de horas, hai que intervir inmediatamente. Era o ano 1976 e as comunicacións eran difíciles. Non logro falar cós seus pais. A operación non se pode demorar. No Algarve non había cirurxián, tería que desprazarse un de Lisboa. Dada a urxencia precisaba unha avioneta particular. Pasei por moitos momentos nos que houben de tomar decisións difíciles, pero ningunha tan perigosa como esta.
Que pasaría si as cousas se torceran?
Todo saíu ben.
Desde entón para min foi algo máis que un ex-alumno. El tenme demostrado que eu para el tamén son algo máis que un profesor.
O día 31 de maio remata a exposición que durante dous meses estivo aberta ó público no Multiusos da Arousa. Hei de dicir que as imaxes ó ser ampliadas perderon resolución, pero aínda así mostraban gran parte de esa beleza que xa coñecía. A montaxe, disposición de fotografías e citas é acertada e profunda en cuanto ós contidos, un canto á vida mariña, ós océanos, á natureza, á insoportable insignificancia da vida humana.
Si non a vistes déixate caer pola sala de exposicións do Multiusos.
Vas a gozar
Juan Ramón e Rodrigo, recibide a miña felicitación.
En esa exposición hai máis que fotografías, hai sentimentos, hai poesía, hai mensaxe...
Grazas polo momento tan grato que pasei.