O pasado venres día 10 de decembro foi presentada no Museo da Conserva da Arousa o libro “Anecdotario de la Conserva”. Escrito por D. Juan Fernández Casal.
O Sr. Casal, como se lle coñece na Arousa foi durante a década dos cincuenta (1950-1960) Xefe de fábrica de Conservas Goday.
Ó acto de presentación acudiron moitas das mulleres traballadoras que aínda viven, achegados e curiosos, membros do goberno municipal e o director de Caixanova, entidade que xunto co Concello patrocinou a edición.
O Alcalde fixo a presentación do autor e dou lectura a unhas palabras que se recollen no prólogo do libro, na que se valora positivamente este aporte como complemento a historia do noso pobo. Tamén resaltou o valor paradigmático que representa a dureza da vida de aquela época para a xuventude de hoxe.
O autor do libro, con unha vitalidade sorprendente para un home de 87 anos fixo en un moi bo galego unha emotiva retrospectiva da época, moi sinxela e evocadora e unha xustificación das razóns polas que se inclinou por a lingua “castellana” a hora de redactar o libro.
Tiven ocasión de ler o texto meses antes da súa publicación. Un libro ben documentado, cheo de anécdotas, das condicións técnicas das conserveiras da época, de todo o mundo que xiraba arredor de esas altas chemineas, baseadas na excelente memoria do autor e de un traballo de investigación no que colaboraron as traballadoras e de maneira especial Juan Dios Chaves (Juan da Morena), testemuña fundamental da Arousa dos anos cincuenta.
Unha vez lido o libro considerei que o mesmo era un excelente paseo primaveral por o complicado mundo das conserveiras de mediados do século pasado.
Digo Paseo primaveral, pois o autor non afonda nas condicións persoais que se vivían dentro dos muros das fábricas, onde as mulleres eran maltratadas, asoballadas e sufrían continuos acosos e abusos e as condicións de traballo eran infrahumanas. Estes aspectos escabrosos son ignorados ou simplemente insinuados.
Antes de facer o presente comentario revisei o libro publicado e vin que se engadiran algúns capítulos e varias fotografías que non figuraban no orixinal ó que tiven acceso. Valen máis cen palabras de menos que unha de máis, téñolle oído dicir os vellos de antes. Este consello non o debía coñecer o Sr. Casal.
Estas novas fotos e estes comentarios sobraban, están fora de contexto e non fan máis que devalar unha obra digna, que con estes novos ingredientes parece buscar o agrado de determinadas persoas ou familias.
Polo demais agradecer ó Concello e a Caixanova a publicación de esta testemuña e o autor de este estupendo retrato de un tempo en que as fábricas cheiraban a saín e a humidade e que el fai que arrecendan a rosas e xasmín.