martes, 27 de abril de 2010

O CABREO DO PASEO

Coa chegada da primavera, os días tórnanse agradables e convidan a saír os vellos a pasear. Na Arousa temos moitos lugares polos que facelo e de gozar da compañía de preciosas vistas e do rechouchío dos paxaros.

Non teño preferencia por ningún lugar en particular. Pero debido a súa accesibilidade frecuento máis o paseo que vai do Vao a Carreirón.
Trátase de un camiño de xabre premido, que bordea as praias do leste. Para a construción deste carreiro, "Costas", xestionou a cesión gratuíta de terreos particulares que chegaban á mallante. Uns foron máis espléndidos, outros menos, como se pode adiviñar polas sinuosidades da senda.
Visto con bos ollos hasta ten o seu encanto ver as curvas como se arriman a praia, para logo colarse os muros dos terreos particulares.

Se fas este percorrido e non queres anoxarte non debes ollar cara o interior da Illa, pois entre as construcións que afean e degradan a paisaxe, as talas dos pinos que se están facendo (eu non sei quen outorga eses permisos de maneira ilegal) e outras actuacións inquietantes, pódenche fastidiar o lúdico exercicio de camiñar.
Así que trato de ollar cara ó leste: araos, gaivotas, garzas, corre limos, patos, algún muxe saltando...alégranme o paseo e esquézome do que está a pasar na outra banda.
Pero cando chego ó fin do camiño, ó valado de Carreiron e dou a volta e me encaro, con un sibilino intento de apropiación de un sobrante, que inexplicablemente, o menos para min, queda entre o carreiro é unha propiedade particular, lévame o demo.
O camiño vai sempre arrimadiño ós muros, máis en este caso ábrese, deixando entre o terreo privado é o sendeiro unha cuña na que había unha poza poboada de salgueiros.
Digo había unha poza, pois xa non a hai. Pola Semana Santa botaron uns camións de terra, que permaneceron amontoados durante varios días e logo estendéronos nivelando o terreo a altura do privado.

Aínda que xa teño anos para pensar mal de estas actuacións, optei por pensar ben: "Posiblemente Costas ou o Concello, teñan previsto montar uns bancos para que os paseantes se poidan tomar un respiro a unha das poucas sombras que van ficando no paseo."

Pero cando vexo que este terreo está posteado e con malla de arame en partes, recordo aquel refán que di: "pensa mal e acertarás".


Non sei quen ten que defender este terreo de unha enigmática usurpación.
¿Costas, Montes, o Concello, un alzamento popular?

Non o sei.
A miña dignidade e a dos verdadeiros arousáns, non queren pasar por esta ignominia.

Quero acabar o paseo sen cabreo.