Non é o que parece. As aparencias enganan. É certo que 4.999 máis se semella ó prezo de unha promoción ou a un décimo de lotería que ó número que rexistra o Padrón de habitantes de Arousa segundo declaracións os medios de comunicación feitas polos voceiros do Partido Popular.
Cando pedíamos a chave para os 6.000 presos, sabíamos (pois xa existía o padrón municipal) que non eramos tantos “os presos”, pero como previsión e tendo en conta os incrementos na produción e na reprodución, pensabamos que para cando tivésemos ponte xa podíamos ter os seis mil habitantes.
Cando se fan cálculos hai que contar con todas as variables e en este caso non se contou que a luz eléctrica, ou mellor dito a falta de ela era un factor determinante no crecemento demográfico da nosa illa. Cando se producía un corte de máis de unha semana, nove meses despois o rexistro municipal pegaba un importante pulo. En este sentido foi un erro da comisión da luz xestionar un novo cabo submarino.
A calquera que saiba do que vai o asunto, sexa ou non sexa do Partido Popular tenlle que dar que desconfiar esta cifra. Como todo licenciado en aritméticas sabe: 4.999, son cinco mil menos un.
O único que perdemos é diñeiro. Pois o Concello o ter máis de 5.000 habitantes pasaría de ser de terceira categoría a ser de segunda e como consecuencia recibiría da facenda do estado un maior aporte por cabeza.
Velaí que todos debéramos estar interesados en encontrar a ese habitante que nos falta.
O padrón municipal que se elabora nos concellos pasa a unha comisión provincial que o analiza e o depura. Cando o concello non está de acordo pode facer as alegacións que estime oportunas.
Estou convencido que o goberno municipal terá feitas estas xestións. De non ser así tería culpa o equipo de goberno e entendería que a oposición os criticase por neglixencia. Pero criticalos, como os critican, por non facer nada, paréceme unha intrusión na vida privada e unha incitación a procreación.
Mesmo esta crítica non é xusta, pois dos seis concelleiros do Partido Socialista, dous están xubilados, supoño que este estado tamén afecta a procreación, e dos catro restantes, dous foron pais en esta lexislatura. Están, pois, por encima da media, señores do PP. Deberan considerar que son humanos, que non son coellos.
¿Ou acaso saben algunha cousa que os demais ignoramos ?
¿Algún de estes concelleiros socialistas, non rexistrou ó seu fillo no noso Concello?
En este suposto caso, eu pediríalle a ese concelleiro que que abandone inmediatamente o barco.
Non se pode estar dicindo que se está loitando por un pobo cando se está defraudando.
Sres. do Partido Popular. Si é isto certo deben desenmascarar ó farsante e esixir a súa pronta dimisión.
No caso contrario é falar por falar.