miércoles, 20 de octubre de 2010

4.999

Non é o que parece. As aparencias enganan. É certo que 4.999 máis se semella ó prezo de unha promoción ou a un décimo de lotería que ó número que rexistra o Padrón de habitantes de Arousa segundo declaracións os medios de comunicación feitas polos voceiros do Partido Popular.

Cando pedíamos a chave para os 6.000 presos, sabíamos (pois xa existía o padrón municipal) que non eramos tantos “os presos”, pero como previsión e tendo en conta os incrementos na produción e na reprodución, pensabamos que para cando tivésemos ponte xa podíamos ter os seis mil habitantes.

Cando se fan cálculos hai que contar con todas as variables e en este caso non se contou que a luz eléctrica, ou mellor dito a falta de ela era un factor determinante no crecemento demográfico da nosa illa. Cando se producía un corte de máis de unha semana, nove meses despois o rexistro municipal pegaba un importante pulo. En este sentido foi un erro da comisión da luz xestionar un novo cabo submarino.

A calquera que saiba do que vai o asunto, sexa ou non sexa do Partido Popular tenlle que dar que desconfiar esta cifra. Como todo licenciado en aritméticas sabe: 4.999, son cinco mil menos un.

E si non somos cinco mil que?. Perdemos a honra?. Que diferencia hai entre cinco mil menos un e cinco mil e un?

O único que perdemos é diñeiro. Pois o Concello o ter máis de 5.000 habitantes pasaría de ser de terceira categoría a ser de segunda e como consecuencia recibiría da facenda do estado un maior aporte por cabeza.

Velaí que todos debéramos estar interesados en encontrar a ese habitante que nos falta.

O padrón municipal que se elabora nos concellos pasa a unha comisión provincial que o analiza e o depura. Cando o concello non está de acordo pode facer as alegacións que estime oportunas.

Estou convencido que o goberno municipal terá feitas estas xestións. De non ser así tería culpa o equipo de goberno e entendería que a oposición os criticase por neglixencia. Pero criticalos, como os critican, por non facer nada, paréceme unha intrusión na vida privada e unha incitación a procreación.

Mesmo esta crítica non é xusta, pois dos seis concelleiros do Partido Socialista, dous están xubilados, supoño que este estado tamén afecta a procreación, e dos catro restantes, dous foron pais en esta lexislatura. Están, pois, por encima da media, señores do PP.  Deberan considerar que son humanos, que non son coellos.

¿Ou acaso saben algunha cousa que os demais ignoramos ?

¿Algún de estes concelleiros socialistas, non rexistrou ó seu fillo no noso Concello?

En este suposto caso, eu pediríalle a ese concelleiro que que abandone inmediatamente o barco.

Non se pode estar dicindo que se está loitando por un pobo cando se está defraudando.

Sres. do Partido Popular. Si é isto certo deben desenmascarar ó farsante e esixir a súa pronta dimisión.
No caso contrario é falar por falar.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Descoñezo o tema e os motivos de fondo da polémica. Volvo a estar en desacordo contigo, no fondo do asunto, xa che digo que os detalles da polémica ignóroos. En catro anos poden pasar moitas cousas que xustifiquen que teñas que empadroar a un fillo noutro concello e sen embargo non a túa dimisión. Vou poñer un exemplo, concelleiro home, solteiro, ten un fillo, a súa parella non quer nin casar nin vivir na Arousa e decide empadroar ao cativo no leste. Poderíanse poñer moitos exemplos, tantos coma situacións persoais se poidan dar. Penso que estas son razóns que afectan exclusivamente á esfera privada das persoas e non debemos entrar nelas. Outra cousa é a legalidade, e aí si que hai que esixir o seu cumprimento, debes estar empadroado onde residas, e se resides en varios lugares, onde residas a maior parte do ano.

Xa falando do Concello, si podía e debería ter levado a cabo políticas activas que fomentasen o incremento do empadroamento. Probabelmente na Arousa, dende fai tempo, vivan máis de cinco mil veciños, e non me estou a referir aos estacionais. Cando che quedan poucos para cambiar de categoría ben paga a pena o esforzo, o incremento orzamentario froito da maior participación nos fondos estatais é importante, non lembro agora a cantidade, pero para un Concello coma o noso era unha cantidade importante. A maiores hai que sumarlle as axudas que tamén se gradúan en función do número de habitantes, e que son maiores para concellos con máis de cinco mil, por exemplo na dotación de instalacións municipais das que tan escasos andamos, pavillón de deportes, piscina, etc. Outra cousa sería cambiar a lei, pero isto xa é de maior calado, e no lugar de ter en conta só os habitantes, ter en conta os núcleos de poboación, e a Arousa ten case 5000 nun só núcleo. A maiores poderiamos falar da singularidade, que aquí tamén tería moito que ver, pero claro, deixamos todo nas mans do "urbanismo", que tivo ocupados ao concello e algúns dos seus membros, e así nos foi.

O dito, o padrón é sumar e restar, e si a capacidade administrativa do Concello non chega para resolver algo tan sinxelo, apaga e vámonos, máis tendo en conta o montante co capítulo 1.

Antes da segregación xa se fixera fincapé neste asunto, coma sempre, as prioridades foron outras, solución, poñerse a traballar xa. Entre as políticas activas eu por exemplo discriminaría nos tributos municipais en función de quen sexa veciño e quen non, ou por exemplo, si nos faltan 50, premiar aos novos 50 veciños con algunha cousa, ou facerlles unha festa aos novos veciños, pagárllelos libros do colexio aos fillos durante algún ano, agora que xa non son de balde..., en fin que as opcións son moitas, pero os feitos poucos.

E agora, si che tiran das orellas, pois que queredes que vos diga, igual os argumentos non son os máis axeitados, pero motivos hai dabondo. Hai declaracións públicas dalgún concelleiro, antes da segregación, dicindo que este tema estaba resolto. Xa choveu.

Saúde.

sito vazquez dijo...

Esta entrada pretendía levar unha dose de retranca, e non pretendía afondar nos alicerces do problema. Desde ese punto de vista estou de acordo contigo, anque discrepe nas solucións, que non son tan simples. Xa sei que son exemplos que che viñeron á cabeza no momento de escribir.
En canto a liberdade de un concelleiro de empadroar ó seu fillo en onde lle pareza, só cando se dan determinadas circunstancias, como ti mesmo expós. No caso contrario sería ilegal.
E xa falei bastante, que en tirarme da lingua non hai quen che gañe.
Saúdos.

Anónimo dijo...

Ta ben. A ver se me informo.

Saúde.