Chegaron na motora das cinco da tarde, que como levaba ós mestres que vivían “fóra”, arribaba no Cabodeiro, para facilitárllelo regreso. Varios membros da Asociación cultural Dorna estabamos a súa espera con carriños de man para cargar os aparellos da obra de teatro que ía representar o grupo vigués que dirixía “Yayo”, fermento de tantas iniciativas culturais que se ían desenvolver na cidade da oliveira máis tarde, durante os anos oitenta. Entre os asombrados actores, que non daban crédito a tal recibimento, que os liberaba de transportar a equipaxe ás costas estaba un adolescente de cabelo louro e rizado, que eu asociei coa imaxe de Xoán o Evanxelista, posiblemente por a similitude que o seu xefe tiña coas imaxes que nos transmitiron da figura de Xesucristo.
Este mociño era o Cándido Pazó nos anos setenta e tantos. Era un rapaz que xa de aquela apuntaba maneiras de actor.
Nos trinta e cinco anos que van alá desde entón tiven ocasión de o ver representar novos papeis, asumindo e superando os riscos impostos pola complexidade das personaxes ás que lle daba vida na escena.
O sábado 30 de outubro non puiden asistir ó "MULTIUSOS" á presentación da versión dramatizada que el mesmo fixo da entrañable novela de Neira Vilas, “Memorias de un neno labrego”.
Puiden asistir o pasado venres a un pase matinal que fixo para os alumnos do instituto de Vilanova.
Hei de recoñecer que había moito tempo que non sentía esas sensacións que se entullan no peito e che fan revivir tempos imperfectos, coma os de un verbo, pero cheos de evocacións e tenruras, que che provocan un saluco contido e a muiñeira de unhas bágoas nos ollos.
A adaptación non desmerece en nada a novela.
A interpretación, chea de frescura e intuición, con un único protagonista que narra e interpreta de forma maxistral os diálogos, e un simple decorado con axeitados efectos de luz e son, logran unha posta en escena redonda.
Parabéns para Cándido e o seu equipo.
E GRACIAS. Gracias por facerme sentir o son da gaita nunha cidade de exilio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario