Mostrando entradas con la etiqueta CULTURA. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta CULTURA. Mostrar todas las entradas

lunes, 8 de noviembre de 2010

CÁNDIDO PAZÓ E AS MEMORIAS DE UN NENO LABREGO

 Chegaron na motora das cinco da tarde, que como levaba ós mestres que vivían “fóra”, arribaba no Cabodeiro, para facilitárllelo regreso. Varios membros da Asociación cultural Dorna estabamos a súa espera con carriños de man para cargar os aparellos da obra de teatro que ía representar o grupo vigués que dirixía “Yayo”, fermento de tantas iniciativas culturais que se ían desenvolver na cidade da oliveira máis tarde, durante os anos oitenta. Entre os asombrados actores, que non daban crédito a tal recibimento, que os liberaba de transportar a equipaxe ás costas estaba un adolescente de cabelo louro e rizado, que eu asociei coa imaxe de Xoán o Evanxelista, posiblemente por a similitude que o seu xefe tiña coas imaxes que nos transmitiron da figura de Xesucristo.
Este mociño era o Cándido Pazó nos anos setenta e tantos. Era un rapaz que xa de aquela apuntaba maneiras de actor.
Nos trinta e cinco anos que van alá desde entón tiven ocasión de o ver representar novos papeis, asumindo e superando os riscos impostos pola complexidade das personaxes ás que lle daba vida na escena.
O sábado 30 de outubro non puiden asistir ó "MULTIUSOS" á presentación da versión dramatizada que el mesmo fixo da entrañable novela de Neira Vilas, “Memorias de un neno labrego”.
Puiden asistir o pasado venres a un pase matinal que fixo para os alumnos do instituto de Vilanova.
Hei de recoñecer que había moito tempo que non sentía esas sensacións que se entullan no peito e che fan revivir tempos imperfectos, coma os de un verbo, pero cheos de evocacións e tenruras, que che provocan un saluco contido e a muiñeira de unhas bágoas nos ollos.

A adaptación non desmerece en nada a novela.
A interpretación, chea de frescura e intuición, con un único protagonista que narra e interpreta de forma maxistral os diálogos, e un simple decorado con axeitados efectos de luz e son, logran unha posta en escena redonda.

Parabéns para Cándido e o seu equipo.
E GRACIAS. Gracias por facerme sentir o son da gaita nunha cidade de exilio.

miércoles, 29 de abril de 2009

OS BOLECHAS NA ILLA DE AROUSA





O recoñecido deseñador gráfico PEPE CARREIRO, autor da colección de libros infantís os "Bolechas van de viaxe" adícalle un libriño a Illa de Arousa co título de O CON DA ILLA DE AROUSA ( Publicado por edicións A NOSA TERRA).

O libro recolle coa habitual mestría do autor deseños dos recunchos máis singulares e lindos da nosa Illa:
A ponte, O pairao de pau, os cons máis vistosos ( Con Serrado, Con de Tres Pes, Con da Abella), o muiño de mareas das Aceñas, o museo da conserva, o faro, esculturas de Camilo Otero, o mirador do con do Forno,o paseo da area da Secada, o muiño do vento, o moderno edificio do concello e o centro sociocultural.


O Concello da Illa de Arousa contribuiu a esta edición coa adquisición de dous mil exemplares para as bibliotecas escolares e para a biblioteca pública.