lunes, 13 de septiembre de 2010

UN BRINDIS, NO 25 ANIVERSARIO.

O canón número 3
Non hai moito, Manolo Abuín, contoume esta historia real, que lle aconteceu a un carpinteiro amigo seu e que vou resumir:
Pedro Rubio era un andaluz, de Motril, que loitou na Guerra Civil no bando republicano. Perdida a guerra andou a tombos polo mundo ata que por fin recalou en Venezuela, onde casou e sentou raíces. Como outros moitos republicanos, fixo a promesa de non volver a España ata que morrese o ditador.
A pouco de morrer Franco, veu a España, concretamente a Galicia, pois estaba casado con unha galega, Francisca, inmigrante, nacida no Porriño.
Un mércores, con outros parentes da muller, decidiron ir a Portugal, á feira de Valença co pretexto de comprar unhas toallas.
Pedro non tiña o pasaporte arranxado, faltáballe un visado, para pasar a fronteira, e os “gardiñas da alfándega” non lle permitiron a entrada. Non lle valeron os pregos nin os sutiis intentos de suborno, tan habitual na policía venezolana.
A familia acordou regresar a casa; pero Pedro, que non coñecía a vila de Tui, convenceunos do contrario e decidiu pasar o tempo recorrendo a cidade.
Cansado do paseo entrou nunha taberna a tomar unha cervexa. A taberna estaba atendida por un home da súa idade, uns sesenta e pico. Como non había máis clientes e o andaluz era de verba fácil, pronto iniciaron unha conversa:
Contoulle as trabas que lle puxeran na fronteira, que non tiña pasaporte español, pois loitara no bando republicano, que tivo que exiliarse e que agora tiña nacionalidade venezolana... Para seguir ca conversa preguntoulle ó taberneiro, si lle pasaba algo, pois víao triste.
O galego laiouse da dureza da vida que lle tocou.
-Estibe na Guerra.

-Yo también.
-Pero eu loitei no bando republicano.
-Yo también.
.Xa! Pero eu servín na Marina
-Yo también.
-Paseinas putas no destructor José Luis Diez.
-Yo también.
Pedro Rubio ó ver que o galego comezaba a a desconfiar de tantas coincidencias, preguntoulle: -¿Que hacías en el José Luis Diez?

-Cargaba o cañón número 3.
-Yo era el que disparaba... Es decir que tú eres Piñeiro.

-Son Manuel Piñeiro e ti es Pedro...Pedro Rubio.
O andaluz entrou a detrás do mostrador e pegoulle un abrazo ó sorprendido Manuel Piñeiro.
Sen mediar palabra, Manuel subiu a súa vivenda que estaba encima do bar e baixou con unha fotografía envolvida en un papel roxeado de xornal: alí estaban os dous Manuel cargando e Pedro disparando o canón número 3.

Hai coincidencias inexplicables que parecen de fábula. Pero habelas haias. 

 O DESTINO PAREU UNHA PONTE.
Cando a bolboreta moveu as asas, provocou un furacán no outro cabo do mundo.
A principios da década dos cincuenta, creouse na Arousa unha comisión de iniciativas co cometido de conseguir facer realidade os tres “pilares” que colocaran a illa nunha situación de igualdade de cara a un futuro semellante ó das outras vilas da ría:

A luz eléctrica, o teléfono e a ponte eran a xuízo de esta comisión, os alicerces do progreso arousán.
A comisión estaba formada polas chamadas “forzas vivas” composta por fabricantes (conserveiros), armadores, comerciantes, falanxistas e outros que gañaron diñeiro e prestixio social con actividades pouco recomendables.
A principio dos cincuenta esta comisión logrou que o daquela subsecretario do ministerio de obras públicas, Rivero de Aguilar, ligado á burguesía da comarca, visitase a Arousa e desde o balcón do café Moderno prometese ó entusiasmado pobo da illa a construción de unha “carretera-puente”, que uniría en matrimonio a San Xulián de Arousa con San Miguel de Deiro.
O subsecretario encargou en xaneiro de 1952 a redacción de un proxecto á xefatura provincial de obras públicas. No mes de decembro o proxecto estaba terminado.
O proxecto contemplaba básicamente un recheo do Terrón ó Bao, en terraplén e mampostería, con unha ponte de cinco ollos de 35 metros de van na parte central. O orzamento estimado era de 27.000.000.- de ptas. da época.
Visto desde unha perspectiva actual o proxecto era inviable, pois cortaba a navegación e ocasionaría graves alteracións na ría,coa mudanzas das correntes.
O pouco tempo foi cesado o subsecretario, e a obra ficou sen valedor. O proxecto foi amarelando co po nos estantes de algún despacho da administración de obras públicas.


Nos anos sesenta unha emisora de radio “La voz de Arosa”, resucita o tema e inicia unha serie de emisións, onde se relataban traxedias reais con perdas de vidas humanas, na procura de apoios para retomar o esquecido proxecto da “carretera-puente”, a illa de Arousa.
O programa despertou un enorme interese na comarca. Foron tantos os apoios populares e institucionais que conseguiu a emisora (todas as confrarías de pescadores de Galicia, cámaras de comercio, sindicato vertical, asociacións de todo tipo, outras entidades como concellos e deputación de Pontevedra, e personaxes da cultura) que con todos eles elaborouse un voluminoso dossier que foi entregado ó gobernador civil da provincia.
A administración denegou a petición co pretexto do seu elevado coste.
En esta época xa se desintegrara a comisión por discrepancias entre os membros tras a fuxida do presidente perseguido por a xustiza. Inda que varios dos antigos membros participaron como convidados en algún dos programas da radio. Entón pasaron a chamarse membros da Comisión Pro Puente de la Isla de Arosa.


Nos anos setenta, na Arousa prodúcese un estoupido popular. Unha xeración de mozos que acceden a universidade e outra de mestres mozos e outros profesionais como médicos, oficinistas, mariñeiros instruídos e algúns vellos socialistas unidos todos pola argamasa do antifascismo van facer de illa un pobo estruturado democraticamente e reivindicativo.
Créanse dúas asociacións xuvenís, unha asociación de pais de alumnos, unha asociación de veciños, unha asociación cultural (Dorna), un cine club, un sindicato do mar (Comisións Mariñeiras) unha asociación de produtores de mexillón e penétrase nas entidades franquistas (O Pósito).
A illa de Arousa é sen dúbida o pobo da ría mellor preparado para afrontar as mudanzas que nos trae a transición da ditadura a democracia.
A medida que estas organizacións ían conseguindo os seus propósito, aumentaba a autoestima dos arousáns. Os veciños da illa estaban orgullosos do seu pobo.
Toda esta xente foi a que promoveu a candidatura independente (AMDG) ó concello de Vilanova nas primeiras eleccións democráticas, que conseguiría sentar a un dos seus na cadeira da alcaldía.
O programa presentado ós veciños resumíase en tres liñas:
Comezar os trámites para a segregación da Arousa do concello de Vilanova.
Comisión para a ponte. (Comisión da ponte)
Comisión para un novo cabo submarino para evitar os frecuentes cortes de enerxía eléctrica.
Democratizar todas as institucións e apoialas no que demandaran.

En xuño de 1977, prodúcense as eleccións para a formación das Cortes Constituíntes que gaña a UCD.
Dous deputados de este partido pola provincia de Pontevedra, José Antonio Gago Lorenzo e Jesús Sancho Rof, fan unha interpelación o Presidente do Congreso dos Deputados, para que lla traslade ó goberno e en concreto ó ministro de Obras Públicas.


Na interpelación interésanse polo vello proxecto esquecido de “carretera-puente”. Fan un excelente traballo de documentación e dramatizan sobre as penurias que pasamos os arousáns por a carencia de comunicación coa península.
A conclusión final di textualmente:
“La población de la isla, hasta hoy abandonada a su suerte, exige que de manera urgente se dicten las disposiciones necesarias para que se lleve a cabo inmediatamente la ejecución de la carretera-puente. La proyección económico-social, que esta obra representaría, es de una dimensión tal, que nos atreveríamos a calificar de extraordinaria, y su costo sería mínimo si lo comparamos con los beneficios que a todo un pueblo reportaría”.
O deputado Gago Lorenzo fixo campaña prometendo que traería a ponte. Pero o ministerio contestoulle negativamente, aínda que eran conscientes da necesidade e que encargaría a redacción de un estudio informativo.
O certo é que para as eleccións municipais a única candidatura que prometeu loitar pola consecución dunha ponte foi a candidatura da Arousa ( AMDG). Ademais, estou convencido, de que todos descoñecían este documento publicado en abril de 1978 no diario das Cortes.


O ano 1979, vai ser esencial, na consecución da ponte:
Tras gañar as eleccións do 3 de abril, o Alcalde crea a Comisión da ponte. Na constitución das subcomisións que se forman hai un especial coidado en colocar en postos de responsabilidade a persoas con capacidade de xestión demostrada, procurando abranguer todas as sensibilidades sociais e políticas.
Esta comisión ten o obxectivo de mover á opinión pública en prol da necesidade da ponte, pero sabe que o eco ten que chegar a Madrid, que é onde se toman as decisións. Velaí que o maior esforzo se fixo en facerse presente nos medios da capital e xerar ó mesmo tempo unha corrente de simpatía no entorno máis próximo.
Tres días máis tarde de gañar as eleccións municipais, é dicir o 6 de abril, o Presidente do Goberno Adolfo Suárez, cesa o Ministro de Obras Joaquin Garrigues e nombra no seu lugar ó Deputado Jesús Sancho Rof.
En maio a Comisión da Ponte acorda facer unha festa popular e convidar a todas as autoridades locais, provinciais, autonómicas e nacionais.
Para lograr a súa asistencia desprégase o aparato de propaganda que ten unha moi favorable acollida nos medio locais. Pero había que chegar a capital do reino. Entramos en contacto con periodistas galegos con man nos xornais madrileños, que apoiaron con reportaxes e entrevistas a iniciativa.
Unha representación da comisión, acompañada por o Deputado Gago Lorenzo entrevistase co novo ministro, para expoñerlle os nosos propósitos, pedirlle a súa implicación como deputado pola provincia compañeiro de Gago Lorenzo, que na campaña prometera a ponte e tamén convidalo a festa popular a celebrar o día 29 de Xullo.
O ministro mostrouse agradable, acolleu a proposta con simpatía “es una de mis proiridades, pero hay que justificar el gasto y eso puede resultar complicado”. Por razóns de axenda declinou acudir a Festa da Ponte.
A representación arousán quedou gratamente impresionada polas palabras do ministro. Pero o deputado Gago Lorenzo e máis eu comentamos nun aparte a necesidade de acentuar a presión, pois das palabras do ministro desprendíase unha amable e sentida negativa.


Despois do éxito da festa da ponte e da campaña publicitaria (unha chave para 6.000 presos), en plena euforia popular solicitamos unha nova entrevista con Sancho Rof. A través de un deputado do Partido Comunista souben da existencia da interpelación presentada por o actual ministro e Gago Lorenzo no Parlamento (entón Cortes). Comenteillo a Gago Lorenzo, con quen tiña unha relación de complicidade, pois el estaba tan interesado coma min no éxito da empresa: Estrañoulle que soubese dese documento interno do parlamento, pero facilitoume unha copia da interpelación e pediume que non llo comentara a ninguén, pois temía que puidera non gustarlle ó ministro.
Na segunda entrevista que teñen os representantes da comisión co ministro é cando despois das cerimonias protocolarias  lle presento a fotocopia da interpelación parlamentaria asinada por el mesmo recitándolle a frase:”...el coste sería mínimo si lo comparamos con los beneficios”.
Ollou para o documento, penso que sen escoitarme, soltou unha risada e dixo a frase que para a comisión era o recoñecemento de que teríamos ponte:
-”Me habeis pillado por los huevos”

1982: Treboada sobre a ponte.

 A principio dos anos oitenta comézanse os trámites para a construción da ponte. Estudios, informes, proxecto, orzamentos, lévanos a que a colocación da primeira pedra demorase ata outubro de 1982.
En febreiro de 1981 Sancho Rof muda de carteira ministerial, pasa a ser ministro de traballo logrando o primeiro acordo nacional de emprego entre sindicatos e patronal. O novo Ministro de Obras Públicas Luis Ortiz González, respecta os compromiso do anterior ministro.
Cando se colocou a primeira, Sancho Rof xa non formaba parte do gabinete de goberno, pois vírase obrigado a dimitir como consecuencia do chamado síndrome tóxico, provocado por o aceite de colza adulterado.
Inda así asistiu á colocación da primeira pedra acompañando ó seu sucesor. Tampouco faltou o deputado Gago Lorenzo e outros dirixentes da UCD.
A colocación da primeira pedra coincide coa precampaña para as eleccións xerais do 20 de Novembro.
A situación interna do partido do goberno mostraba signos de inminente descomposición. Desde fora Alianza Popular e en menor medida o Partido Socialista chiscábanlle o ollo os disidentes, diante da previsible desbandada post- electoral.
Uns meses antes, en xuño a Xunta de Galicia asume as competencias en materia de obras públicas. O presidente Fernández Albor nomea conselleiro da COTOP a Angel Mario Carreño.
O 29 de setembro o conselleiro fai unhas declaracións denunciando o carácter electoralista do acto de colocación da primeira pedra, reclama o traspaso de competencias da obra da ponte e anuncia que
“Antes las carreteras que el puente de la Isla de Arousa”.O conselleiro non se quedou de brazos cruzados e intentou por todos os medios dispoñer dos 1.500 millóns de pesetas, para investir en outras obras.Teño dito en moitas ocasións que a consecución da ponte da Arousa débese a que todos os santos estaban a favor.

Esta vez Santa Bárbara e os demáis santos progresistas, amigos de San Xulián da Arousa fixeron o milagre de que o PSOE gañase as eleccións (malia que os socialistas son, na súa maioría, laicos ou agnósticos). O compromiso que tiñan con san Xulián, esixíalles esquecerse da disciplina de voto para facer realidade a ponte.
O PSOE non tiña candidato á alcaldía de Vilanova para as eleccións municipais de abril de 1983.
Andaban facéndome as veiras para que presidise a súa lista de candidatos. De esta maneira puiden ter información do que se estaba cocendo entre a Xunta e o Goberno Central e a suficiente influencia para abortar as manobras do Conselleiro da COTOP.

 
Vento e marea estaban a favor. Houbo un timoneiro que marcou o ritmo e o rumbo e un práctico de portos que marcou a ruta da entrada nos sempre perigosos baixos do peirao da administración de Obras Públicas. Pero todo isto non sería posible sen o espectacular traballo da Comisión e o apoio de un pobo unido, que demostraron que cando existe esa unidade non hai nada imposible.
Só este pobo y esta Comisión merecen o recoñecemento de este importante logro

Un brindis polo que queda de aquel maravilloso pobo!



(Ver fotos nas páxinas de Sito Vázquez en Facebook)

domingo, 12 de septiembre de 2010

O SOÑO: "LUZ,TELEFONO,PONTE"

Estes días que celebramos a ponte de prata, como se fose un casamento da San Xulián da Arousa con San Miguel de Deiro, quero recordar a todos aqueles que tanto vogaron para levar a porto este soño e que hoxe non están aquí para celebralo. Son moitos para lembralos a todos, desde os pioneiros ata os membros da comisión da ponte, que xa nos deixaron, quero mostrarlles a todos o máis profundo agradecemento.






Hai cuarenta anos todo era moi distinto:

Non había traída de auga.
Non había rede de fecales. Os sumidoiros ían ó mar, ás praias e ás veces ata ó camiño directamente.
As rúas non estaban asfaltadas. As numerosa pozas que se formaban no camiño, e mesmo na estrada xeral, recheábanse de cunchas, que cando viña o bo tempo críaban moscas e mosquitos.
Non había practicante (ats)
Había oito aulas para 800 Alumnos que se turnaban. Como había separación de sexos, as alumnas recibían as clases pola mañán e os rapaces pola tarde.
Os portos eran moi pequenos e sen calado. Ó do Cabodeiro faltábanlle a metade dos adoquíns. O do Chufre, que chegaba ó lugar onde agora empeza estaba cheo de pozas, o do Campo (“O muelle de pau”) so tiña o esquelete e o do Naval estaba para o servicio das conserveiras.
Esta era a situación, e ben seguro que había outras moitas carencias que xa non tiñan o resto das poboacións da ría de semellar importancia.
Os veciños vivían alleos a estas necesidades. Nenguén as reivindicaba públicamente ( o certo era que non estaban os tempos para reivindicacións).
Calquera que se achegase á Arousa daquela nada máis chegar a Chufre encontrábase con unha pintada :”PUENTE, TELEFONO, LUZ” . Estas tres palabras eran a “santísima trindade” das reivindicacións sociais dos arousáns, entón.

LUZ
No ano 1969 xa había luz eléctrica. Era unha luz distinta moi sensible ós cambios,sobre todo ós cambios climáticos: calquera mudanza do tempo podía afectarlle. Unhas veces saltaba o automático (unha hora sen electricidade), outras veces enrolábanse os fíos ( luz intermitente ou apagón ata encontrar a avaría), outras veces rompía o cable submarino e a falta de suministro eléctrico podía demorarse varios días e ata semanas deixando ó pobo as escuras e contribuindo deste xeito ó incremento da natalidade, pois en canto caía a noite...¿que podías facer? (A Illa era o pobo coa tasa de natalidade máis alta de Galicia).
Os fabricantes (as conserveiras) tiñan os seus propios grupos electróxenos que se encendían automáticamente en canto se interrompía o suministro. Tamén chegaba este suministro as súas casas.
Había veciños (en Palmeira e no Campo) que seguían conectados ó vello xerador traído por Irving Willichs “O Alemán”. Este vello e ruídoso motor, que se encendía cando nos quedabamos sen luz, era tamén coma unha campana que nos anunciaba o feito.

Por iso pódese decir que a LUZ era unha reivindicación vixente .

TELEFONO
Había tamén teléfono. Era un emisor de radio que conectaba coa liña telefónica a través de un receptor. De maneira que quen tivese un sintonizador coa frecuencia que emitía podía “pinchar” o teléfono sen permiso xudicial. E decir dispoñíamos de un teléfono público no mais amplo sentido da palabra.
Daquela había pouco mais de un cento de teléfonos instalados, que pertencían ós fabricantes de conservas, pequenos negocios e comerciantes.
A fronte da “Centralita” estaba Francisco Rojas, coñecido por todos como “Pancho”, que era un home chegado de Extremadura que pronto se adaptou a idiosincrasia insular e chegou a crear unha lingua peculiar entre o extremeño e o galego. Era o home mellor informado da Arousa. Cando polas interferencias da radio (que eran frecuentes) non comprendías o que che dicía o interlocutor milagrosamente colábase a voz de Pancho que chegaba nítida ó auricular para aclararche: ...”Ni que estuvieras sordo, carallo: te dice que la pandereta de mejillones del Campaneiro es más barata y que están vendiendo a maso”
“Gracias, Pancho.¿A como a vende?”
“A quince y vosotros a diecisiete”
Pancho nunca foi acusado de espionaxe industrial e todos lle estabamos moi agradecidos, sabendo que tíñamos un asistente telefónico gratis, para aqueles momentos nos que o precisásemos.

Dotada a pequena burguesía deste medio, para o resto do pobo non era xa unha reivindicación importante. Por iso o color das pintadas foise desvaíndo onde poñía TELEFONO.


A PONTE.

A comunicación co “continente” establecíase básicamente a través da “motora” Ganges III, que unía a Illa con Vilanova e que tiña un horario de nove da mañán ás oito da tarde no verán e que se reducía no inverno.

A “motora” dividíase en tres partes:

A Cabina reservada para o timonel e para as forzas vivas: Os fabricantes de conservas (cando coincidían dous ou máis, algún ficaba fora, pois non tiñan boas relacións entre eles), o cura (D. Olimpio) pois había outro cura (D.Tomás,o capellán) que viaxaba co resto dos pasaxeiros, expulsado do reino dos ceos por apoiar algunha reivindacacións sociais do pobo. Tamén tiñan o honor de poder subirse ó “puente” D. Cándido, mestre, ex-alcalde e secretario do Pósito e o empregado do Concello que atendía a Tenencia de Alcaldía. Os demáis mortais podían escoller entre ir en Cubierta, sentados na borda ou na cámara cuberta que dispoñía dun asiento a un correr a babor e a estribor.

“O Marita” era o barco de vapor que facía a liña de Vilagarcía. Facía unha viaxe pola mañán e outra pola tarde.

Era un espectáculo asistir á chegada do vapor ós martes (día de mercado en Vilagarcía). Toda a poboación se mobilizaba. Uns como actores e outros como espectadores afanábanse en descargar as súas pertenencias nun caos de hortalizas, berzas, polos, sacas de fariña, galiñas, porcos, mobiliario, todo tipo de provisións alimentarias, roupa…Os dous motocarros que se dedicaban a facer o reparto estaban a espera ocupando un lugar preferente no cantil do peirao para ser os primeiros en cargar. Tamén había, en contadas ocasións un carro debois (ou de vacas,non recordo o sexo). Nun segundo plano situabanse os carriños de man que maioritariamente conducían (tiraban deles) os rapaces e xente xoven anque tamén había xente maior como María (María a Retrera), que arredor do seu carro sempre tiña un coro escoitando as súas peculiares interpretacións da vida dos conveciños.

Estes carriños de man tiveron unha gran aceptación na Illa. Non había casa que non tivese o seu. Os dous ferreiros non daban a mans para atender tanta demanda, demorándose a entrega en meses. Ademáis foi tal o suceso que ata tiveron pedidos do exterior.

Os martes ás dúas da tarde o Chufre era unha romaría , que se tornaba nuha frenética algaravía nas vispras das festas do Patrón ou do Carmen


Tamén había un vapor que facía a liña de Ribeira a Vilagarcía, facendo escala na Illa. O vapor de Ribeira.

As letras da reivindicación da Ponte seguían relucindo en cor azulón nos muros e fachadas.

Era o soño de todo un pobo.

Anque as veces o mellor do soño é o propio soño.
 
(A foto do carro foi baixada  da Illa dos Carcamáns,Gracias.)