Hai un par de anos publiquei este traballo para a Revista da Asociación Cultural Dorna.
Algúns lectores pedíronme que a subise ó blog para poder acceder e gardar con facilidade o seu contido.
Dado que por imponderables do tempo levo máis de un mes de sequía.
Velaí vaí:
NO CUMIO DO CON DO FORNO
Unha tarde aproveitando estes días de primavera alegreime a vista sentado no cumio do Con do Forno: A Arousa ós meus pés, a Ría coma un prato , a unha banda o Salnés cos seus vales suaves e soleados, pola outra banda o Barbanza , coma unha restra sombría de montañas azuis que se entullen no mar, entre unha banda e a outra, deitadas no espello da ría, as Illas de Cortegada, Sálvora, Vionta, Rúa, Areoso, As Malveiras ...Unha paisaxe non moi distinta (salvo o queimado no verán e algunhas construccións que afean a costa) da que se podía ver hai dez, vinte ou trinta anos...da que puideron ver nosos pais, nosos avós...
Tamén reparei que o lazo do sete da figura da Arousa prolongábase sutilmente coma unha anguía máis para alá da praia do Bao, coma un cordón umbilical que une a
Illa co Continente.
Esta observación fíxome reflexionar sobre as mudanzas que a construcción da Ponte supuxo para a poboación, para os seus hábitos ancestrais, para as súas tradicións...
Pensei na Illa como se estivese pensando en min mesmo sobre a miña vida e reparei que na vida das persoas hai feitos que nos marcan, que determinan o noso futuro: o territorio, a familia, os amigos, a escola, o traballo, a parella que escollas, os fillos ... Pensei que na vida dos pobos, tamén había feitos que marcan a súa historia.
Parei a pensar nos feitos máis importantes que ocorreron na Arousa e que marcaron a maneira de ser das súas xentes:
Anque é sabido que na Idade Antiga os romanos e na Idade Media os normandos atracaron na Illa (posiblemente tamén gregos e fenicios, anteriormente) a súa pegada non perdurou, pois non se estableceron. Foron relacións prematrimoniais que non deron froito.
Podemos dicir que a Illa, como pobo, naceu cando chegaron os lendarios trece veciños, servos do prior do mosteiro de San Martiño do Sar (San Martín Pinario), que comezaron a amansar as terras. Criaban gando e cultivaban verduras, centeo e trigo, que en boa medida ían parar ás despensas do convento, conforme ás tradicións feudais.
Os labradores eran da terra e as terras do señor (neste caso do prior) . Era a maneira cristián de xustificar a escravitude. Non se compraban e vendías persoas, comprábanse e vendíanse terras, coas súas árbores e cos seus servos.
Durante máis de seiscentos anos pasaron moitas cousas no mundo ( caeu Constantinopla no poder dos turcos, xurdiron as Universidades, descubriuse América, o Renacemento, os estados modernos, o absolutismo, a Revolución Francesa...) Pero nada cambiou na Arousa. Os campesiños seguiron traballando as terras e pagando os foros ó Convento. Tamén pagaban a décima o cura ( en latín: o coidador), que era quen se encargaba de coidar das almas e da facenda do mosteiro, amén da súa parte.
CHEGAN NOVAS IDEAS
As ideas da Revolución Francesa de liberdade, igualdade e fraternidade chegaron a Illa cando, xa foran sufocadas no resto de Europa e maior era a súa persecución no Reino de España, por parte do Rei absolutista Fernando VII. O alcume (a moita honra) que nos puxeron de Carcamáns, era o nome desprezativo que daban os conservadores ós liberais ou defensores dos principios da Revolución Francesa .
¿Como chegaron esas ideas de progreso social a unha illa habitada por campesiños analfabetos, que de feito tiñan a condición de servos, illados do resto do mundo civilizado?
Cando os revolucionarios franceses tomaron a península, a principios do século XIX, non lograron impoñer o seu ideario liberal, pois encontráronse coa resistencia do pobo, manipulado polas castas privilexiadas (altos mandos do exército, a fidalguía e a igrexa), que temían perder o seu poder. Levantaron a bandeira do patriotismo e da defensa dos valores cristiáns e mandaron ó pobo a loitar contra os “gabachos”. Foron máis de seis anos de guerra e cónstanos que as levas de mozos da Illa participaran nas “guerrillas ou escaramuzas” da chamada guerra da Independencia.
A tarde caía coma un leve pano de tule que suavizaba as cores. A paisaxe resplandecía con un halo de bruma dourado. Eu, seguía sentado no cumio do Con do Forno reflexionando sobre a maneira na que a xente da Illa abriu os ollos a realidade e acordou ollando o mundo de outra maneira. Aqueles principios tradicionais de Deus, Patria, Rei (Por Dios, por la Patria y el Rey pelearon nuestros padres/ por Dios por la Patria y el Rey lucharemos nosotros también), vanse ir diluíndo, para dar paso a unha nova sociedade que olla cara adiante, cara a un mundo máis xusto e máis libre.
Despois da desafortunada campaña de Rusia, onde o exército francés sufriu grandes perdas debido á dureza do inverno, a presencia das tropas de Napoleón na península minguaron, pois moitos dos soldados tiveron que irse para defender o fronte oriental do imperio napoleónico (Napoleón foi coroado emperador no ano 1.804 polo entonces Papa Pío VII, na catedral de Nosa Señora de París). A resistencia na península fíxose mais forte e as tropas francesas fóronse repregando.
Os exércitos de Napoleón atravesaron definitivamente os Perineos no ano 1.814.
Fernando VII, sendo príncipe do reino de España, levantouse en armas contra seu pai Carlos IV e o seu primeiro ministro Godoy, en marzo do ano 1.808. Este levantamento coñecido co nome de Motín de Aranjuez, foi apoiado polos sectores mais autoritarios e reaccionarios da sociedade de entonces, que desconfiaban do excesivo poder do valido Godoy e da debilidade do Rei Cornudo (Goday era o amante da Raíña María Luísa de Parma). O rei Carlos IV vese obrigado a abdicar da coroa no seu fillo Fernando.
Fernando VII é chamado a Francia por Napoleón e el acude pensando en conseguir o apoio do home máis forte de Europa.
Mais non lle saíron as contas. O resultado foi xusto o contrario: Napoleón obrigouno a renunciar a coroa. Napoleón nomeou rei de España a seu irmán José Bonaparte.
Durante os máis de cinco anos (1.808-1814) que durou o reinado de “Pepe Botella”, despectivo polo que era coñecido o rei José Bonaparte, libráronse dúas batallas simultáneas no reino español: Unha era de carácter bélico contra a invasión das tropas francesas, na que a inmensa maioría concordaba, e outra de carácter ideolóxico contrapoñendo as vellas ideas do antigo réxime ás novas, saídas da revolución francesa. Esta era unha batalla interna que nos levou a varios enfrontamentos civís- as dúas Españas- con centos de miles de mortos (Guerras Carlistas, Guerra Civil), durante todo o século XIX e boa parte do século XX. Aínda hoxe, 218 anos despois da Revolución , quedan en España moitos cavernícolas, nostálxicos de sistemas autoritarios e reaccionarios que seguen a súa propia guerra civil nos medios de comunicación intoxicando e considerándose os donos da patria e do seu destino.
Durante a Guerra da Independencia contra o exército francés, a parte liberada era gobernada dende Cádiz por un Consello de Rexencia, onde a Resistencia española establecera a Corte. Era unha corte dominada maioritariamente por intelectuais liberais e comerciantes burgueses da periferia. Estas Cortes elaboraron a primeira Constitución Española. Era unha Constitución liberal apoiada nas ideas da Revolución Francesa: A Constitución de Cádiz, promulgada o 19 de Marzo de 1.812, que por ser o día de san Xosé, tamén se coñece co nome da “Pepa”. De aí ven a expresión “¡Viva la Pepa!”, que utilizaban os liberais para darse a coñecer e reivindicar os seus principios cando eran perseguidos.
Os franceses fóronse, mais as súas ideas ficaron. Cando o Rei Fernando VII regresa a España encóntrase con un goberno organizado en torno a unha constitución que limita o seu poder, establece a soberanía nacional (o poder reside no pobo), suprime a inquisición, defende a igualdade de todos os cidadáns diante da lei, suprime os foros, outorga liberdade individual e de prensa, consagra a separación dos tres poderes, e recoñece o dereito de propiedade, o sufraxio universal (para homes de máis de 25 anos)...
Fernando VII regresa a España en marzo de 1.814. Esta constitución non é do agrado do reposto rei. Aínda non pasaran dous meses cando este vai procurar o apoio da fidalguía campesiña e sectores máis reaccionarios da Igrexa e do Exército, para dar un golpe de estado e establecer un réxime absolutista. Todo o poder reside no rei que dispón que a nobreza e a igrexa recobren os vellos privilexios.
Moitos españois que tanto desexaron o regreso de Fernando VII (el Deseado), non aceitaron a afronta, de desprezar a Constitución, que por primeira vez os españois nos tiñamos dado.
Durante seis anos o rei reprimiu ós principais lideres liberais (afrancesados) e permitiu que os señores e os altos cargos locais depurasen as malas herbas nacidas no esterco das ideas da revolución.
A Arousa era un bo lugar para fuxir da persecución, non había máis autoridade que o crego. Por esas datas comezaron a establecerse os primeiros liberais na Illa de Arousa. Eran moi poucos e amansaron as peores terras, na ladeira do Monte e nas Aceñas. Tamén se alimentaban de peixe e marisco que collían no devalar da marea. As cunchas deitábanas detrás da casa (os cuncheiros), pois comer marisco daquela era un certificado de absoluta pobreza.
A gran invasión de liberais na Illa prodúcese a partir do ano 1.922.
O poder económico das colonias españolas de América estaba nas mans dos indianos (burgueses de orixe español). Os que estaban en idade de loitar viñeron a España a defendela dos invasores franceses. Cando regresaron levaban na cabeza as ideas da revolución francesa, que lles conviñan ós seus intereses. Cando Fernando VII restableceu o absolutismo moitos dos militares que estiveran en España levantáronse en armas contra o rei e pediron a independencia de aquelas terras.
O exército español estaba dividido a producíronse varios pronunciamentos (todos eles sufocados) en favor da Constitución de Cádiz, esta división era agravada pola situación das colonias en América onde tiñan que intervir as tropas contra antigos compañeiros militares do mesmo exército que agora loitaban por outra independencia..
No ano 1.820 prodúcese o pronunciamento do Xeneral del Riego, que se nega a partir coas tropas para América, esixindo que se restableza a Constitución de Cádiz. Fernando VII vese obrigado a aceitar a Constitución.
A maioría dos españois apoiaba os principios que defendía a Constitución, agás as vellas castes privilexiadas, que non deixaron de intrigar contra o sistema constitucional. Por outra banda despois da caída de Napoleón (1815) todos os reinos de Europa tornaron ó absolutismo e aliáronse para defender o seu ideario alí onde fose preciso, formando o que se chamou a Santa Alianza.
Vista a situación, as esperanzas de vixencia da Constitución eran escasas. Aínda así o experimento durou máis de dous anos. De feito, houbo un goberno liberal e o rei someteuse a Constitución de Cádiz. A experiencia non se borrou xamais da memoria dos progresistas (O Himno de Riego é o himno oficial da República Española)
A “Santa Alianza” decidiu intervir alentando a rebelión interior e enviando un exército de cen mil homes, maioritariamente franceses, que se coñece co nome dos “Cen mil fillos de San Luís”. Nome dado en honor de San Luís (rei de Francia, fillo dunha española). Este exército acabou co que se coñece co nome de Bienio Liberal (Trienio para algúns historiadores).
Imposto de novo o absolutismo e imbuído de todo o seu poder o monarca comeza unha cacería de liberais: Os principais dirixentes foron condenados a morte coma o propio xeneral Riego, Juan Martín el Empecinado ( O Guerrilleiro invicto), Torrijos e os seus compañeiros, Mariana Peneda...e milleiros máis. Algúns conseguiron fuxir para o estranxeiro, tal foi o caso do pintor Goya e outros botáronse ó monte onde contaban coa colaboración dos montañeses, pois habitualmente roubaban ós ricos para repartir entre os pobres. Eran os coñecidos como bandoleros. En gran parte de Galicia chámaselles Carcamáns.
Foron tantos os que se refuxiaron na Illa que o cura envíalle unha carta ó bispo de Santiago pedindo axuda contra tanta inmoralidade (vivían en concubinato e non bautizaban os fillos). En este escrito utilízase por primeira vez a palabra Carcamán para definir a estes veciños da Illa de Arousa.
Neste punto vai caendo a tarde e levántase unha brisa fresca do norte. Baixo as escadas do Con do Forno, ollo a silueta da Illa , e encho os pulmóns co orgullo de un pobo que foi o piorno da semente da liberdade e da xustiza. Co orgullo de un Carcamán.
NOTA DO AUTOR: Ollo coas palabras, pois co tempo os mesmo que as maldicían antes agora aprópianse delas como se fosen súas de sempre. E o caso da palabra liberal , que hoxe hai sectores da sociedade que a reivindican , sendo conservadores. Son liberais só no económico, é dicir, queren as liberdades que lles permitan facer negocios impunemente. A palabra que hoxe mellor definiría a un liberal de aquela época sería a de liberal -progresista
1 comentario:
as revistas da ACD Dorna som acessíveis no blog da Asociaçom:
http://acddorna.org/blog/static_page.php?id=4
Publicar un comentario