Nenos xogando no casco antigo
No período de un mes tiven ocasión de volver a visitar dúas cidades moi distintas entre si, pero tamén con moitas semellanzas.Había máis de vinte anos que non visitaba Sevilla.
Sevilla está preciosa, creceu con bo criterio e o centro humanizouse convertido en peonil.
Sevilla sempre foi, e non mudou, unha cidade que sabe vivir.
Había máis de vintecinco anos que non visitaba Vitoria, daquela era unha capital de provincia que acababa de converterse en capital de Euskadi. Era unha pequena cidade, con xente acolledora e familiar para ó visitante, pero con un centro histórico bastante deteriorado, un tráfico entullado nas congostras das rúas antigas que non daba vagar para ver a beleza de algúns dos seus monumentos. Un clima extremo, e un crecemento desordenado facilitado por algunhas industrias multinacionais que se estableceran na súa área, facían de Vitoria unha cidade desagradable. Podíamos dicir que era unha cidade para fuxir.
Agora sen deixar de ser a mesma, en canto ó trato da súa xente, transformouse en unha cidade onde todo está pensado para que te sintas como na túa casa. Vitoria é unha cidade para vivir.
Premio European Green Capital 2012
Vitoria acaba de conseguir en Estocolmo o premio "Nobel" das cidades comprometidas co medio ambiente o título Europeo Cidade Verde 2012 (European Green Capital).Paseando estes días polas rúas do centro da capital alavesa, lembrábame continuamente da Arousa de hai trinta anos, cando podías ir a comprar o xornal ó "Cachopo" e lelo paseando polo medio da rúa ata chegar á casa sen máis perigo que o golpe de algún pelotazo rubricado por os rapaces que xogaban o fútbol no camiño.
No casco antigo de Vitoria as rúas son dos cidadáns, os nenos xogan, os maiores relaciónanse, mistúranse, beben, comen, discuten,cantan...viven. Tal como era antes a nosa Arousa.
Estamos nunhas datas de precampaña para as Eleccións Municipais e vexo que os nosos candidatos falan do pasado (para ben ou para mal, dependendo da cor) e cando falan do futuro prométennos obras que non entendemos en canto nos van a beneficiar na calidade da nosa vida.
Pediríalles que nos definiran o futuro, que nos dixeran, que nos debuxaran a Arousa que pretenden facer e cal é a súa proposta de camiño para chegar a esa Arousa soñada.
Centro Cívico de unha urbanización periférica
Vitoria mudou para ben por unhas políticas deseñadas desde o Concello, que perseguían unha cidade humanizada,unha cidade onde fose agradábel vivir, unha cidade onde houbo que facer traumáticas expropiacións e draconianas leis urbanísticas para conseguir que os edificios non rebasen as cinco alturas e as rúas sexan verdadeiros xardíns con paseos, carril bici, parques infantís cada cen metros, centros cívicos en cada urbanización,escolas, centros de atención, aparcamentos en todos os edificios e todo o que un veciño precise.
Para evitar a concentración de tráfico no centro idearon unha rede de autobuses urbanos que funcionan coma o metro das grandes cidades, con enlaces periféricos que permiten en dez minutos ir a calquera parte da cidade.
Parabéns para Vitoria e para os vitorianos, que sigan gozando de esa marabillosa cidade que lograron facer, para envexa de algúns, como é o meu caso, que me trae saudades de cando a Arousa era das persoas.
Unha rúa da moderna Vitoria
Tamén me agradaría convidar os candidatos á Alcaldía do Concello da Illa de Arousa, a que fagan as súas propostas pensando no que hai que facer para humanizar a vila e non só no que hai que facer para gañar as eleccións.
No hay comentarios:
Publicar un comentario