martes, 8 de marzo de 2011

AS MIÑAS DISCULPAS A BENITO IGLESIAS.

En unha entrada en este mesmo blog na data do 19 de outubro de 2.010, comentaba a singular reciclaxe que Benito Oubiña facía das bolsas de plástico converténdoas en obras de arte. Eu sempre o coñecín por Benito e non reparei que confundira o apelido. O seu verdadeiro apelido é Iglesias. A memoria en algunhas ocasións xóganos malas pasadas. En canto o interesado me fixo reparar no erro, decateime cal era o seu apelido. 
Benito, prégoche que aceites as miñas máis sinceras desculpas.

Por outra banda anímote a seguir co proxecto, pois estou convencido que vas a ter éxito, anque vas a ter que loitar para conseguilo.

Aproveitando a ocasión, co teu permiso, voume a permitir colgar algunha das túas innovadoras propostas:


jueves, 10 de febrero de 2011

A MEDIA LUZ

Y todo a media luz...
Que brujo es el amor
A media luz los besos
A media luz los dos

Y todo a media luz…,
Crepúsculo interior
Que suave terciopelo
La media luz de amor.

Foto Voz de Galicia
Así acaba o popular tango, que tan ben retrata á clase media acomodada nos felices anos vinte do século pasado das ribeiras do mar da Plata.
Esa media luz,de suave terciopelo, que incita ó amor,é unha luz austral, que se da no outro hemisferio.
No noso hemisferio, e nestes tempos que corren, as medias luces parece ser que se aproveitan máis para apuñalar polas costas,que para os arrumacos amorosos, anque non coñeza ningunha canción que de fe do que insinúo.

A Ponte da Illa, coma o tango, está a media luz.

Van alá case catro anos que a Xunta (no goberno do bipartito) aprobou unhas obras de mellora da Ponte. Un proxecto que mellorou as condicións de uso con paseos de bicicleta e peatonais e sobre todo as condicións estéticas, pois logrouse transformar unha obra pesada e triste en unha obra lixeira, aberta e nada chocante.

O actual goberno, obrigado a realizar estas melloras, foinas dilatando (penso eu, se cadra, erroneamente) para facer coincidir o fin coa campaña das eleccións locais previstas para o mes de maio, e vir o Conselleiro ou o Presidente co seu séquito a vendernos a herdanza que nos deixaron outros.

A ponte ten luz no occidente, que lle corresponde ó Concello de Arousa e está a escuras polo nacente, que lle corresponde o Concello de Vilanova, conforme dispuxo a Xunta nas estipulacións do trato da segregación.

O alcalde de Vilanova é un "populisto" en contra da opinión de algúns que o consideran un "popuparvo". Sosteño que é un político listo, porque foi capaz de gañar catro eleccións vendéndolle o pobo fume. En dezaseis anos de xestión non conseguiu facer un investimento semellante ó que se fixo no Concello nos difíciles anos oitenta. O Alcalde de Vilanova sabe que se gañan máis votos acudindo os enterros e festas, casamentos e bautizos e unha palmadiña no lombo dos paisanos,que pedichando polas consellerías e os ministerios. Tamén sabe que manter a vella confrontación entre Vilanova é a illa de Arousa, da votos (¡Que se fodan os da Illa!).

E agora, si se me permite un consello para o señor alcalde de Vilanova:
 Estas dúas localidades cada vez están máis próximas non só pola construción da ponte, tamén o están por moitas outras relacións familiares e de amistade que a ponte xerou.  Moitos vilanoveses aman a Arousa e disfrútana e outros añoran os seus logros.
 Poida que esta vez o tiro lle saia pola culata.
Voz de Galicia

martes, 18 de enero de 2011

AROUSA, SINGULARIDADE.

Porta con gateira

Cando collo nas mans o xornal "La Voz de Galicia" vou dereito ás páxinas de Arousa, e o primeiro que leo é o pequeno comentario,"Entre Líneas" que asina Xurxo Melchor. Esas reflexións que teñen algo de parábola e un belisco de metáfora son algo así como esas gateiras que tiñan as portas das casas de aldea, que permitían que por elas so entraran os gatos deixando ós cans ladrando fora e espantando ós ratos do interior.
Hoxe co,seu permiso, vou reproducir, un escrito sobre o recoñecemento que fai a Xunta sobre a singularidade da illa de Arousa:


Xa somos oficialmente singulares:
Que quer dicir na linguaxe da política o termo singular?
O dicionario di que singular é un adxectivo con varios significados:
Que non hai outro igual, que non ten comparación, que é moi pouco común ou habitual, que chama a atención... Todo moi lindo se ollamos desde o lado positivo.
Hai uns días que un coñecido referíndose a un parente con quen tiña des encontros e considerábao noxento e raro, para cualificalo empregou eufemisticamente o termo singular. 
Non descubro nada se sosteño que unha mesma palabra pode servir para significar unha cousa ou a contraria. Depende do contexto.
E velaí a miña preocupación. 
Que a Xunta chegase a descubrir  esta singular pedra filosofal, non significa que nos vaia a cubrir de ouro.
Como o cualificativo non veña acompañado de verdadeiras medidas encamiñadas a manter unha singularidade positiva, este recoñecemento oficial non vale para nada.
Xa que conseguimos este recoñecemento, esixámoslle ás autoridades que o enchan de contidos. 
No caso contrario, se cadra, pódese aproveitar para unha campaña promocional semellante a aquela tan costosa como pouco fructifera de Galicia calidade substituíndoa por
Arousa, singularidade.


sábado, 1 de enero de 2011

UN BRINDIS POR UN MELLOR 2.011!

Non hai sorte que non se acabe, nen mal que cen anos dure. Moitas familias e moitos pequenos comerciantes da Arousa levan dous anos pasandoo mal. 
Esperemos que este novo ano rompa a "mala racha" e todo se vaia compoñendo.
Se non podemos facer nada por mellorar a economía, fagamos o que estea nas nosas mans por mellorar a Natureza.

Por un mundo máis limpo! (en todos os sentidos)

Feliz 2.011!




Empecemos pola nosa Illa.

domingo, 12 de diciembre de 2010

"ANECDOTARIO DE LA CONSERVA"

O pasado venres día 10 de decembro foi presentada no Museo da Conserva da Arousa o libro “Anecdotario de la Conserva”. Escrito por D. Juan Fernández Casal.
O Sr. Casal, como se lle coñece na Arousa foi durante a década dos cincuenta (1950-1960) Xefe de fábrica de Conservas Goday.
Ó acto de presentación acudiron moitas das mulleres traballadoras que aínda viven, achegados e curiosos, membros do goberno municipal e o director de Caixanova, entidade que xunto co Concello patrocinou a edición.
O Alcalde fixo a presentación do autor e dou lectura a unhas palabras que se recollen no prólogo do libro, na que se valora positivamente este aporte como complemento a historia do noso pobo. Tamén resaltou o valor paradigmático que representa a dureza da vida de aquela época para a xuventude de hoxe.
O autor do libro, con unha vitalidade sorprendente para un home de 87 anos fixo en un moi bo galego unha emotiva retrospectiva da época, moi sinxela e evocadora e unha xustificación das razóns polas que se inclinou por a lingua “castellana” a hora de redactar o libro.

Tiven ocasión de ler o texto meses antes da súa publicación. Un libro ben documentado, cheo de anécdotas, das condicións técnicas das conserveiras da época, de todo o mundo que xiraba arredor de esas altas chemineas, baseadas na excelente memoria do autor e de un traballo de investigación no que colaboraron as traballadoras e de maneira especial Juan Dios Chaves (Juan da Morena), testemuña fundamental da Arousa dos anos cincuenta.
Unha vez lido o libro considerei que o mesmo era un excelente paseo primaveral por o complicado mundo das conserveiras de mediados do século pasado.
Digo Paseo primaveral, pois o autor non afonda nas condicións persoais que se vivían dentro dos muros das fábricas, onde as mulleres eran maltratadas, asoballadas e sufrían continuos acosos e abusos e as condicións de traballo eran infrahumanas. Estes aspectos escabrosos son ignorados ou simplemente insinuados.

Antes de facer o presente comentario revisei o libro publicado e vin que se engadiran algúns capítulos e varias fotografías que non figuraban no orixinal ó que tiven acceso. Valen máis cen palabras de menos que unha de máis, téñolle oído dicir os vellos de antes. Este consello non o debía coñecer o Sr. Casal.
Estas novas fotos e estes comentarios sobraban, están fora de contexto e non fan máis que devalar unha obra digna, que con estes novos ingredientes parece buscar o agrado de determinadas persoas ou familias.

Polo demais agradecer ó Concello e a Caixanova a publicación de esta testemuña e o autor de este estupendo retrato de un tempo en que as fábricas cheiraban a saín e a humidade e que el fai que arrecendan a rosas e xasmín.

martes, 16 de noviembre de 2010

POR UN PRATO DE LENTELLAS

Dí a Biblia (Génesis capítulo 25) que Xacob fillo de Isaac, neto de Abraám, comproulle os dereitos da primoxenitura a seu irmán Esaú por un prato de lentellas, aproveitándose da ocasión de que este último regresaba de unha batida de caza famento.
Os dereitos de primoxenitura significaban que ía herdar o título de sacerdote do pai e os dous terzos dos seus bens, ademais de outros privilexios.
Xacob é o Patriarca fundador do pobo israelita, os seus doce fillos dan orixe as doce tribos do pobo de Israel.

Cando de rapaz tiña que estudar as sagradas escrituras non comprendía esa avaricia de Xacob e as miñas simpatías eran para Esaú, aínda que nas ilustracións aparecese feo e peludo en contraposición coa beleza feminina con que debuxaban nos libros da historia sagrada ó seu irmán.
O que menos comprendía era que o propio deus dos xudeus (xehová) premiase con tantas bendicións a un aproveitado e miserable Xacob.

O PRECIO DE UNHA CONCIENCIA.

O pai téñame en moita estima e anque a decisión non lle correspondía a el considerou oportuno tomar consello comigo.
_” Levo máis de oito días sen poder pegar ollo. Ti sabes como penso e que non son un trocabandeiras. Pero... os fillos son os fillos...”
_”Ben que o digas. - contestei por dicir algo ó ver que se atascaba – Fillos criados traballos dobrados.”
Custábame créelo pois todos os seus fillos eran moi sensatos comprometidos e intelixentes pero pensei para min que Melito, o fillo máis novo, que había dous anos que acabara a carreira e non encontraba traballo o engatasen na mafia da droga ou que mesmo caera no consumo de estupefacientes.
_”Os fillos doen e non sabes canto...Cando os ves camiño dos trinta sen traballo, sen posibilidades de formar unha familia éntrache unha angustia, unha pena que te afunde que che pesa coma unha pedra no peito...”.
_”Desafógate, que non vai ser por iso polo que leves unha semana sen durmir. Cal é o problema?
_” A muller xa me dixo que te deixase tranquilo, que era cousa da familia, pero o Milito insistiu en que quería saber a túa opinión.”
Estaba falando con unha persoa de trato moi directo, por o que me chocaban tantos rodeos.
_”Cando mo contou eu opúxenme rotundamente -proseguiu- pero pouco a pouco fun amolecendo e agora son eu quen máis o anima. E que non quero que o día de mañá poida pensar que lle cortei as asas antes de empezar a voar.”
_”Non alcanzo a saber de que me falas. Pero sexa do que sexa, o teu fillo ten unha formación e unha experiencia da vida que non tiñamos nin ti nin eu os seus anos.”
_”Pero tiñamos traballo!. Ese é o problema, o traballo!... Ó rapaz ofrecéronlle un traballo na Deputación e non sabe que facer.”
_”Sen máis, coma quen che ofrece un café”- Díxenlle con certa sorpresa.
_” Viñeron pola casa para que fose nas listas das municipais e que si aceptaba lle daban un traballo. Non dan puntada sen fío.”
Diante do meu mutismo pediume opinión:
_”Ti que opinas?”.
_” Opino que diga o que diga vaise a resentir a nosa relación. Tiña razón a túa muller é un problema de familia.

O Milito era nacionalista, os pais eran socialistas e todos me tiñan en moita estima.
A crise tamén devala as consciencias.

O que menos comprendía era que o propio deus dos xudeus (xehová) premiase con tantas bendicións a un aproveitado e miserable Xacob.



Máis sobre deputacións en AROUSA A DEBATE http://arousadebate.blogspot.com/

lunes, 8 de noviembre de 2010

CÁNDIDO PAZÓ E AS MEMORIAS DE UN NENO LABREGO

 Chegaron na motora das cinco da tarde, que como levaba ós mestres que vivían “fóra”, arribaba no Cabodeiro, para facilitárllelo regreso. Varios membros da Asociación cultural Dorna estabamos a súa espera con carriños de man para cargar os aparellos da obra de teatro que ía representar o grupo vigués que dirixía “Yayo”, fermento de tantas iniciativas culturais que se ían desenvolver na cidade da oliveira máis tarde, durante os anos oitenta. Entre os asombrados actores, que non daban crédito a tal recibimento, que os liberaba de transportar a equipaxe ás costas estaba un adolescente de cabelo louro e rizado, que eu asociei coa imaxe de Xoán o Evanxelista, posiblemente por a similitude que o seu xefe tiña coas imaxes que nos transmitiron da figura de Xesucristo.
Este mociño era o Cándido Pazó nos anos setenta e tantos. Era un rapaz que xa de aquela apuntaba maneiras de actor.
Nos trinta e cinco anos que van alá desde entón tiven ocasión de o ver representar novos papeis, asumindo e superando os riscos impostos pola complexidade das personaxes ás que lle daba vida na escena.
O sábado 30 de outubro non puiden asistir ó "MULTIUSOS" á presentación da versión dramatizada que el mesmo fixo da entrañable novela de Neira Vilas, “Memorias de un neno labrego”.
Puiden asistir o pasado venres a un pase matinal que fixo para os alumnos do instituto de Vilanova.
Hei de recoñecer que había moito tempo que non sentía esas sensacións que se entullan no peito e che fan revivir tempos imperfectos, coma os de un verbo, pero cheos de evocacións e tenruras, que che provocan un saluco contido e a muiñeira de unhas bágoas nos ollos.

A adaptación non desmerece en nada a novela.
A interpretación, chea de frescura e intuición, con un único protagonista que narra e interpreta de forma maxistral os diálogos, e un simple decorado con axeitados efectos de luz e son, logran unha posta en escena redonda.

Parabéns para Cándido e o seu equipo.
E GRACIAS. Gracias por facerme sentir o son da gaita nunha cidade de exilio.

miércoles, 20 de octubre de 2010

4.999

Non é o que parece. As aparencias enganan. É certo que 4.999 máis se semella ó prezo de unha promoción ou a un décimo de lotería que ó número que rexistra o Padrón de habitantes de Arousa segundo declaracións os medios de comunicación feitas polos voceiros do Partido Popular.

Cando pedíamos a chave para os 6.000 presos, sabíamos (pois xa existía o padrón municipal) que non eramos tantos “os presos”, pero como previsión e tendo en conta os incrementos na produción e na reprodución, pensabamos que para cando tivésemos ponte xa podíamos ter os seis mil habitantes.

Cando se fan cálculos hai que contar con todas as variables e en este caso non se contou que a luz eléctrica, ou mellor dito a falta de ela era un factor determinante no crecemento demográfico da nosa illa. Cando se producía un corte de máis de unha semana, nove meses despois o rexistro municipal pegaba un importante pulo. En este sentido foi un erro da comisión da luz xestionar un novo cabo submarino.

A calquera que saiba do que vai o asunto, sexa ou non sexa do Partido Popular tenlle que dar que desconfiar esta cifra. Como todo licenciado en aritméticas sabe: 4.999, son cinco mil menos un.

E si non somos cinco mil que?. Perdemos a honra?. Que diferencia hai entre cinco mil menos un e cinco mil e un?

O único que perdemos é diñeiro. Pois o Concello o ter máis de 5.000 habitantes pasaría de ser de terceira categoría a ser de segunda e como consecuencia recibiría da facenda do estado un maior aporte por cabeza.

Velaí que todos debéramos estar interesados en encontrar a ese habitante que nos falta.

O padrón municipal que se elabora nos concellos pasa a unha comisión provincial que o analiza e o depura. Cando o concello non está de acordo pode facer as alegacións que estime oportunas.

Estou convencido que o goberno municipal terá feitas estas xestións. De non ser así tería culpa o equipo de goberno e entendería que a oposición os criticase por neglixencia. Pero criticalos, como os critican, por non facer nada, paréceme unha intrusión na vida privada e unha incitación a procreación.

Mesmo esta crítica non é xusta, pois dos seis concelleiros do Partido Socialista, dous están xubilados, supoño que este estado tamén afecta a procreación, e dos catro restantes, dous foron pais en esta lexislatura. Están, pois, por encima da media, señores do PP.  Deberan considerar que son humanos, que non son coellos.

¿Ou acaso saben algunha cousa que os demais ignoramos ?

¿Algún de estes concelleiros socialistas, non rexistrou ó seu fillo no noso Concello?

En este suposto caso, eu pediríalle a ese concelleiro que que abandone inmediatamente o barco.

Non se pode estar dicindo que se está loitando por un pobo cando se está defraudando.

Sres. do Partido Popular. Si é isto certo deben desenmascarar ó farsante e esixir a súa pronta dimisión.
No caso contrario é falar por falar.

martes, 19 de octubre de 2010

BENITO IGLESIAS, O ARTISTA PLÁSTICO DO PLÁSTICO

Co paso dos anos xa non encontras cousas que te chamen a atención por novidosas. Xa so te podes sorprender no eido das novas tecnoloxías.


O mes pasado cando entrei na casa do Concello de Arousa, esa sinxela, singular e funcional obra de Manolo Gallego, reparei en un mural que había exposto ó longo da parede da entrada á sala de sesións. Non podía pasar desapercibido, pois ó abrir a porta fíxome un chisco de luces cos reflexos producidos por o ar na súa ondeante superficie. O mural representaba unha dorna navegando con dous mariñeiros a bordo e un faro que os guiaba. Sopraba un ventiño do norte que fixo que as ondas se moveran e a dorna avanzase. Ó pecharse a porta e calmarse o mar puiden observar, que se trataba de un mural feito con bolsas do lixo de plástico.

Cando preguntei polo autor, e me dixeron que era obra de Benito Iglesias, non me fixo falta preguntar de que Benito Iglesias se trataba ( coñezo máis de un“Benito Iglesias”). Inmediatamente me foi a cabeza para Benito Iglesias o “da Chavola”. Pois sendo meu alumno xa me tiña demostrado a súa orixinal curiosidade.

Hai uns días tiven ocasión de falar con el e de interesarme pola súa vida e pola súa obra:
Benito reside en León e colabora na montaxe da escenografía de obras de teatro de varios grupos aficionados do barrio. Utiliza para o seu traballo material “non utilizable”, ou dificilmente reutilizable, especialmente bolsas de plástico.

O resultado é cando menos sorprendente, por tratarse de un material ó que el sabe sacarlle partido e ademais, xoga coas moitas posibilidades que este soporte ofrece.

Espero que a iniciativa vaia máis alá, que teña continuidade e que Benito sexa recoñecido como o artista plástico do plástico.

Un exemplo máis da creatividade e da orixinalidade da xente da Arousa.

Gracias, Benito.

Espero e desexo que a túa obra,esa maneira artística de reciclar, sexa valorada como se merece.


viernes, 8 de octubre de 2010

SUBEN AS AUGAS

Dentro de uns anos, cando comecen a fundirse os témpanos dos Círculos Polares e os glaciares, o aspecto das praias e dos paseos marítimos de Arousa pode ser semellante ás fotografías que se mostran. Pero sen volver a devalar.
Peirao do Chufre




En esta ocasión xa me asegurei de que baixaba a marea antes de colgar estas fotos que foron obtidas esta mesma tarde, na que varios factores climatolóxicos, se puxeron de acordo para anegar as praias.



 


Así, que, como dicía o científico, primo de un "dirixente político", non hai que ter medo ó cambio climático.

Medo hai que terllo a quen tal cousa afirma.


Paseo do Cantiño






Paseo do Vao











Comeza a devalar.Os patiños volven o mar


domingo, 3 de octubre de 2010

O FERRO DE OURO

O PUCHEIRO DE “FERRO” FUNDIDO.

O pucheiro é un recipiente fondo barrigudo de boca grande con paredes de barro groso, que se usa para cociñar e manter o calor do cociñado durante tempo.
Pucheiro tamén se lle chama a unha comida que se cociña en ese utensilio no que se cocen distintos víveres dos que poidas botar man en un momento de apuro (verzas, patacas, chourizo, touciño, garavanzos, unto, fabas, etc.)
Un pucheiro tamén servía de urna nas eleccións que se celebraron durante o século XIX e principios do XX, cando os dous partidos bendicidos pola coroa real (Conservadores e Liberais), se repartían o poder as costas do pobo.
De este “pucheiro” onde se cocía a política de aquela época ven a palabra “pucheirazo”. Que consistía en cambiar o pucheiro dos votos emitidos por outro previamente preparado escondido debaixo da mesa.
Tamén teño oído que nas fundicións de Alamparte, en Carril, ademais de potes se fundían pucheiros de ferro.

Son contadas as cidades que poidan presumir de ter un campión do mundo. E moito menos si se trata de pequenas vilas coma a de Arousa. O recoñecemento que se merece por parte dos seus veciños debe manifestarse de unha maneira pública na que se debe involucrar o Concello que nos representa a todos. Pois o noso campión, Ramón Ferro, é de todos.
Este título é o resultado do seu esforzo, da súa tenacidade, do seu saber; pero tamén do apoio de un pobo, que lle facilitou unhas instalacións, uns medios, que sen eles seríalle máis difícil ou se cadra imposible conseguir ser o as do canoísmo na categoría C-2.
Non debemos esquecer que o club de piragüismo foi fundado pola Confraría, sendo Patrón Maior Arturo Otero Iglesias, entón militante da UCD. As instalacións de que dispón xestionounas o Concello, sendo o que subscribe Alcalde, conculcando os seus propios principios é os establecidos pola Lei de Costas,que non permitía construír en fangueiras, por considerar os dirixentes do club que ese era o lugar axeitado. Os arquitectos irmáns Hermo foron os encargados do proxecto simulando a estrutura de unha fábrica de Conservas, para racionalizar o impacto ambiental. Desde entón son varias as institucións e particulares que o sosteñen economicamente. Entre elas, como non podía ser de outra maneira, de unha forma especial está o Concello.
É certo que o Concello perdeu a ocasión de brindarnos ó pobo de Arousa a alegría, a festa de recibir nas súas instalacións ó noso Campión. Sei que os concelleiros que os foron a recibir con ramos de flores, foron ignorados. (O Alcalde estaba de viaxe institucional)

O FERRO DE OURO

Ramón é de todos os arousáns (é non teño dúbida de que ese é o seu desexo). A súa vitoria non pode nin debe ser emborreada polo protagonismo de un partido político, e menos que teñamos que escoitar a alguén “de fora” dicirnos que foi a deputación do PP a única que remou en solitario para que lles colgasen as medallas a Ferro e a Graña.
Ese indigno acto partidista celebrado o luns no club de piragüismo, foi un pucheirazo coma os do século XIX, cambiándonos a un Ferro de todos, a un Ferro arousán, a un Ferro de Ouro, orgullo de este pobo, por un “ferrancho”, ferramenta electoral do Partido Popular.




.

lunes, 27 de septiembre de 2010

PIRAGÜISMO: FERRO E GRAÑA CAMPIONS DO MUNDO DE MARATÓN

Inda non hai quince días que me encontrei con Ramón Ferro e pregunteille si non se recuperara totalmente, pois víalle os ollos fundidos.
Contestoume que estaba ben, que estaba magro debido a que estaba forzando a posta a punto de cara o campionato do mundo de piragüismo que se celebrou este fin de semana en Banyoles.

Ramón Ferro e o pontevedrés Óscar Graña, gañaron o campionato do mundo da súa modalidade C-2.

Nada nos sorprende do mellor deportista da nosa Illa. Ferro e Graña xa conseguiran demostrar con tantos títulos que eran os mellores do mundo.
En Banyoles 2010, certificárono.

Unha vez máis temos que agradecer a Ramón o orgullo que nos brinda de sentirnos arousáns e o inestimable exemplo que á xuventude arousán lle transmite co seu calado e sufrido esforzo e coa humildade dos verdadeiros campións.

Vale máis un comportamento exemplar, que mil palabras de louvanzas.

Ramón, non o esquezas, es a bandeira dos mozos da Arousa.

Parabéns.


martes, 21 de septiembre de 2010

A DESMEMORIA DO SR. CARREÑO.


O pasado día 16 de Septembro, apareceu publicado na sección de cartas ó director no xornal FARO DE VIGO un escrito asinado polo Ex conselleiro da COTOP, D. Angel Mario Carreño, no que se verten unhas declaracións que ademáis de inexactas, proxectan unha sombra sobre o civismo dos veciños da Arousa que protagonizamos a inauguración popularda ponte.
Enviei unha carta o director do referido xornal, que foi publicada,en parte, nas páxinas locais.
A constestación íntegra é a que se ofrece a continuación (vai en castelán, para que a poida entender o Sr. Carreño, que é asturiano):


Sr Director de Faro de Vigo.:
Ante las inexactitudes que según el Sr. Angel Mario Carreño, ex conselleiro de la COTOP, publica ese Diario en en atículo sobre el 25 aniversario del puente de Arousa, le agradecería que en las páginas de “cartas al Director,” me permitiese comentar algunas de sus opiniones, que sin ánimo de polemizar me gustaría matizar:


D. Angel Maria Carreño tiene razón; pero no la tiene toda y además la que tiene no es de la buena (que diría un portugués)
Me explico:
Es verdad que desde el momento en que le fue transferida la obra en la primavera de 1983, estas se llevaron a cabo a un buen ritmo, acabándose en poco más de dos años.
Pero también es cierto que el día 28 de octubre de 1982 (unos días antes de la colocación de la primera piedra), el señor conselleiro, reclamaba en Madrid el traspaso de competencias para destinar los 1.500 millones de pesetas de presupuesto de la obra a carreteras. “Antes las carreteras que el puente de Arousa (Adjunto fotocopia de la noticia aparecida en Faro de Vigo con fecha 29 de setiembre de1982).
También es verdad, que el Ministro D. Luis Ortiz, no accedió a sus peticiones y que las transferencias las hizo el primer gobierno del PSOE, cuando ya era irreversible la revocación.
También es cierto que hubo dos inauguraciones. Una oficial, fría, diría casi como una comitiva fúnebre, por la mañana y otra popular, alegre, festiva por la tarde.
La Comisión da Ponte, que me honraba presidir, insistentemente intentó llegar a un acuerdo con la Xunta para  hacer de la inauguración una verdadera fiesta popular, como lo había sido “A festa da Ponte” en 1979. Habíamos llegado a un pre-acuerdo con Susana Posse, encargada de los actos protocolarios de Presidencia de la Xunta. El presidente Fernández Albor y al matrimonio de mayor edad de Arousa cortarían la cinta y luego se haría una fiesta popular.

Dos días antes de la inauguración, la encargada de los actos nos llama, anunciándonos que la celebración se haría conforme al protocolo diseñado por la Xunta, es decir desdeñando la invitación de la Comisión y del pueblo.
La Comisión, en  una asamblea, se lo comunicó a los vecinos, que acordaron hacer una inauguración popular, con una fiesta, como había empezado su gestión.
Nadie intentó boicotear el acto oficial, a pesar de la provocación que supuso el desprecio a la invitación popular. 
Si el Sr. Carreño y el Sr. Fraga huyeron en barco, las demás autoridades regresaron por el puente sin sufrir ningún percance de lamentar. El miedo es libre y ellos sabrán por que lo han hecho.

En cuanto a los lamentables daños “causados al magnífico traje de seda estrenado para la ocasión por el presidente de Ferrovial, Rafael del Pino, regado con una botella de aguardiente” le diré lo siguiente:

Los marineros, pobres ignorantes, no saben de esas sutilezas, de la magnificencia de la seda natural. Todo lo más saben lo que es un sedal.
Segundo, el aguardiente no mancha y entre nosotros se utiliza para limpiar o desinfectar.
Y para terminar, lo más increíble es que un marinero desperdiciase una botella de aguardiente de semejante manera.
Sinceramente, Sr. Carreño: ¿No lo habrá soñado?
Atentamente:
Sito Vázquez
(Presidente de la Comisión y ex alcalde de Vilanova)

lunes, 13 de septiembre de 2010

UN BRINDIS, NO 25 ANIVERSARIO.

O canón número 3
Non hai moito, Manolo Abuín, contoume esta historia real, que lle aconteceu a un carpinteiro amigo seu e que vou resumir:
Pedro Rubio era un andaluz, de Motril, que loitou na Guerra Civil no bando republicano. Perdida a guerra andou a tombos polo mundo ata que por fin recalou en Venezuela, onde casou e sentou raíces. Como outros moitos republicanos, fixo a promesa de non volver a España ata que morrese o ditador.
A pouco de morrer Franco, veu a España, concretamente a Galicia, pois estaba casado con unha galega, Francisca, inmigrante, nacida no Porriño.
Un mércores, con outros parentes da muller, decidiron ir a Portugal, á feira de Valença co pretexto de comprar unhas toallas.
Pedro non tiña o pasaporte arranxado, faltáballe un visado, para pasar a fronteira, e os “gardiñas da alfándega” non lle permitiron a entrada. Non lle valeron os pregos nin os sutiis intentos de suborno, tan habitual na policía venezolana.
A familia acordou regresar a casa; pero Pedro, que non coñecía a vila de Tui, convenceunos do contrario e decidiu pasar o tempo recorrendo a cidade.
Cansado do paseo entrou nunha taberna a tomar unha cervexa. A taberna estaba atendida por un home da súa idade, uns sesenta e pico. Como non había máis clientes e o andaluz era de verba fácil, pronto iniciaron unha conversa:
Contoulle as trabas que lle puxeran na fronteira, que non tiña pasaporte español, pois loitara no bando republicano, que tivo que exiliarse e que agora tiña nacionalidade venezolana... Para seguir ca conversa preguntoulle ó taberneiro, si lle pasaba algo, pois víao triste.
O galego laiouse da dureza da vida que lle tocou.
-Estibe na Guerra.

-Yo también.
-Pero eu loitei no bando republicano.
-Yo también.
.Xa! Pero eu servín na Marina
-Yo también.
-Paseinas putas no destructor José Luis Diez.
-Yo también.
Pedro Rubio ó ver que o galego comezaba a a desconfiar de tantas coincidencias, preguntoulle: -¿Que hacías en el José Luis Diez?

-Cargaba o cañón número 3.
-Yo era el que disparaba... Es decir que tú eres Piñeiro.

-Son Manuel Piñeiro e ti es Pedro...Pedro Rubio.
O andaluz entrou a detrás do mostrador e pegoulle un abrazo ó sorprendido Manuel Piñeiro.
Sen mediar palabra, Manuel subiu a súa vivenda que estaba encima do bar e baixou con unha fotografía envolvida en un papel roxeado de xornal: alí estaban os dous Manuel cargando e Pedro disparando o canón número 3.

Hai coincidencias inexplicables que parecen de fábula. Pero habelas haias. 

 O DESTINO PAREU UNHA PONTE.
Cando a bolboreta moveu as asas, provocou un furacán no outro cabo do mundo.
A principios da década dos cincuenta, creouse na Arousa unha comisión de iniciativas co cometido de conseguir facer realidade os tres “pilares” que colocaran a illa nunha situación de igualdade de cara a un futuro semellante ó das outras vilas da ría:

A luz eléctrica, o teléfono e a ponte eran a xuízo de esta comisión, os alicerces do progreso arousán.
A comisión estaba formada polas chamadas “forzas vivas” composta por fabricantes (conserveiros), armadores, comerciantes, falanxistas e outros que gañaron diñeiro e prestixio social con actividades pouco recomendables.
A principio dos cincuenta esta comisión logrou que o daquela subsecretario do ministerio de obras públicas, Rivero de Aguilar, ligado á burguesía da comarca, visitase a Arousa e desde o balcón do café Moderno prometese ó entusiasmado pobo da illa a construción de unha “carretera-puente”, que uniría en matrimonio a San Xulián de Arousa con San Miguel de Deiro.
O subsecretario encargou en xaneiro de 1952 a redacción de un proxecto á xefatura provincial de obras públicas. No mes de decembro o proxecto estaba terminado.
O proxecto contemplaba básicamente un recheo do Terrón ó Bao, en terraplén e mampostería, con unha ponte de cinco ollos de 35 metros de van na parte central. O orzamento estimado era de 27.000.000.- de ptas. da época.
Visto desde unha perspectiva actual o proxecto era inviable, pois cortaba a navegación e ocasionaría graves alteracións na ría,coa mudanzas das correntes.
O pouco tempo foi cesado o subsecretario, e a obra ficou sen valedor. O proxecto foi amarelando co po nos estantes de algún despacho da administración de obras públicas.


Nos anos sesenta unha emisora de radio “La voz de Arosa”, resucita o tema e inicia unha serie de emisións, onde se relataban traxedias reais con perdas de vidas humanas, na procura de apoios para retomar o esquecido proxecto da “carretera-puente”, a illa de Arousa.
O programa despertou un enorme interese na comarca. Foron tantos os apoios populares e institucionais que conseguiu a emisora (todas as confrarías de pescadores de Galicia, cámaras de comercio, sindicato vertical, asociacións de todo tipo, outras entidades como concellos e deputación de Pontevedra, e personaxes da cultura) que con todos eles elaborouse un voluminoso dossier que foi entregado ó gobernador civil da provincia.
A administración denegou a petición co pretexto do seu elevado coste.
En esta época xa se desintegrara a comisión por discrepancias entre os membros tras a fuxida do presidente perseguido por a xustiza. Inda que varios dos antigos membros participaron como convidados en algún dos programas da radio. Entón pasaron a chamarse membros da Comisión Pro Puente de la Isla de Arosa.


Nos anos setenta, na Arousa prodúcese un estoupido popular. Unha xeración de mozos que acceden a universidade e outra de mestres mozos e outros profesionais como médicos, oficinistas, mariñeiros instruídos e algúns vellos socialistas unidos todos pola argamasa do antifascismo van facer de illa un pobo estruturado democraticamente e reivindicativo.
Créanse dúas asociacións xuvenís, unha asociación de pais de alumnos, unha asociación de veciños, unha asociación cultural (Dorna), un cine club, un sindicato do mar (Comisións Mariñeiras) unha asociación de produtores de mexillón e penétrase nas entidades franquistas (O Pósito).
A illa de Arousa é sen dúbida o pobo da ría mellor preparado para afrontar as mudanzas que nos trae a transición da ditadura a democracia.
A medida que estas organizacións ían conseguindo os seus propósito, aumentaba a autoestima dos arousáns. Os veciños da illa estaban orgullosos do seu pobo.
Toda esta xente foi a que promoveu a candidatura independente (AMDG) ó concello de Vilanova nas primeiras eleccións democráticas, que conseguiría sentar a un dos seus na cadeira da alcaldía.
O programa presentado ós veciños resumíase en tres liñas:
Comezar os trámites para a segregación da Arousa do concello de Vilanova.
Comisión para a ponte. (Comisión da ponte)
Comisión para un novo cabo submarino para evitar os frecuentes cortes de enerxía eléctrica.
Democratizar todas as institucións e apoialas no que demandaran.

En xuño de 1977, prodúcense as eleccións para a formación das Cortes Constituíntes que gaña a UCD.
Dous deputados de este partido pola provincia de Pontevedra, José Antonio Gago Lorenzo e Jesús Sancho Rof, fan unha interpelación o Presidente do Congreso dos Deputados, para que lla traslade ó goberno e en concreto ó ministro de Obras Públicas.


Na interpelación interésanse polo vello proxecto esquecido de “carretera-puente”. Fan un excelente traballo de documentación e dramatizan sobre as penurias que pasamos os arousáns por a carencia de comunicación coa península.
A conclusión final di textualmente:
“La población de la isla, hasta hoy abandonada a su suerte, exige que de manera urgente se dicten las disposiciones necesarias para que se lleve a cabo inmediatamente la ejecución de la carretera-puente. La proyección económico-social, que esta obra representaría, es de una dimensión tal, que nos atreveríamos a calificar de extraordinaria, y su costo sería mínimo si lo comparamos con los beneficios que a todo un pueblo reportaría”.
O deputado Gago Lorenzo fixo campaña prometendo que traería a ponte. Pero o ministerio contestoulle negativamente, aínda que eran conscientes da necesidade e que encargaría a redacción de un estudio informativo.
O certo é que para as eleccións municipais a única candidatura que prometeu loitar pola consecución dunha ponte foi a candidatura da Arousa ( AMDG). Ademais, estou convencido, de que todos descoñecían este documento publicado en abril de 1978 no diario das Cortes.


O ano 1979, vai ser esencial, na consecución da ponte:
Tras gañar as eleccións do 3 de abril, o Alcalde crea a Comisión da ponte. Na constitución das subcomisións que se forman hai un especial coidado en colocar en postos de responsabilidade a persoas con capacidade de xestión demostrada, procurando abranguer todas as sensibilidades sociais e políticas.
Esta comisión ten o obxectivo de mover á opinión pública en prol da necesidade da ponte, pero sabe que o eco ten que chegar a Madrid, que é onde se toman as decisións. Velaí que o maior esforzo se fixo en facerse presente nos medios da capital e xerar ó mesmo tempo unha corrente de simpatía no entorno máis próximo.
Tres días máis tarde de gañar as eleccións municipais, é dicir o 6 de abril, o Presidente do Goberno Adolfo Suárez, cesa o Ministro de Obras Joaquin Garrigues e nombra no seu lugar ó Deputado Jesús Sancho Rof.
En maio a Comisión da Ponte acorda facer unha festa popular e convidar a todas as autoridades locais, provinciais, autonómicas e nacionais.
Para lograr a súa asistencia desprégase o aparato de propaganda que ten unha moi favorable acollida nos medio locais. Pero había que chegar a capital do reino. Entramos en contacto con periodistas galegos con man nos xornais madrileños, que apoiaron con reportaxes e entrevistas a iniciativa.
Unha representación da comisión, acompañada por o Deputado Gago Lorenzo entrevistase co novo ministro, para expoñerlle os nosos propósitos, pedirlle a súa implicación como deputado pola provincia compañeiro de Gago Lorenzo, que na campaña prometera a ponte e tamén convidalo a festa popular a celebrar o día 29 de Xullo.
O ministro mostrouse agradable, acolleu a proposta con simpatía “es una de mis proiridades, pero hay que justificar el gasto y eso puede resultar complicado”. Por razóns de axenda declinou acudir a Festa da Ponte.
A representación arousán quedou gratamente impresionada polas palabras do ministro. Pero o deputado Gago Lorenzo e máis eu comentamos nun aparte a necesidade de acentuar a presión, pois das palabras do ministro desprendíase unha amable e sentida negativa.


Despois do éxito da festa da ponte e da campaña publicitaria (unha chave para 6.000 presos), en plena euforia popular solicitamos unha nova entrevista con Sancho Rof. A través de un deputado do Partido Comunista souben da existencia da interpelación presentada por o actual ministro e Gago Lorenzo no Parlamento (entón Cortes). Comenteillo a Gago Lorenzo, con quen tiña unha relación de complicidade, pois el estaba tan interesado coma min no éxito da empresa: Estrañoulle que soubese dese documento interno do parlamento, pero facilitoume unha copia da interpelación e pediume que non llo comentara a ninguén, pois temía que puidera non gustarlle ó ministro.
Na segunda entrevista que teñen os representantes da comisión co ministro é cando despois das cerimonias protocolarias  lle presento a fotocopia da interpelación parlamentaria asinada por el mesmo recitándolle a frase:”...el coste sería mínimo si lo comparamos con los beneficios”.
Ollou para o documento, penso que sen escoitarme, soltou unha risada e dixo a frase que para a comisión era o recoñecemento de que teríamos ponte:
-”Me habeis pillado por los huevos”

1982: Treboada sobre a ponte.

 A principio dos anos oitenta comézanse os trámites para a construción da ponte. Estudios, informes, proxecto, orzamentos, lévanos a que a colocación da primeira pedra demorase ata outubro de 1982.
En febreiro de 1981 Sancho Rof muda de carteira ministerial, pasa a ser ministro de traballo logrando o primeiro acordo nacional de emprego entre sindicatos e patronal. O novo Ministro de Obras Públicas Luis Ortiz González, respecta os compromiso do anterior ministro.
Cando se colocou a primeira, Sancho Rof xa non formaba parte do gabinete de goberno, pois vírase obrigado a dimitir como consecuencia do chamado síndrome tóxico, provocado por o aceite de colza adulterado.
Inda así asistiu á colocación da primeira pedra acompañando ó seu sucesor. Tampouco faltou o deputado Gago Lorenzo e outros dirixentes da UCD.
A colocación da primeira pedra coincide coa precampaña para as eleccións xerais do 20 de Novembro.
A situación interna do partido do goberno mostraba signos de inminente descomposición. Desde fora Alianza Popular e en menor medida o Partido Socialista chiscábanlle o ollo os disidentes, diante da previsible desbandada post- electoral.
Uns meses antes, en xuño a Xunta de Galicia asume as competencias en materia de obras públicas. O presidente Fernández Albor nomea conselleiro da COTOP a Angel Mario Carreño.
O 29 de setembro o conselleiro fai unhas declaracións denunciando o carácter electoralista do acto de colocación da primeira pedra, reclama o traspaso de competencias da obra da ponte e anuncia que
“Antes las carreteras que el puente de la Isla de Arousa”.O conselleiro non se quedou de brazos cruzados e intentou por todos os medios dispoñer dos 1.500 millóns de pesetas, para investir en outras obras.Teño dito en moitas ocasións que a consecución da ponte da Arousa débese a que todos os santos estaban a favor.

Esta vez Santa Bárbara e os demáis santos progresistas, amigos de San Xulián da Arousa fixeron o milagre de que o PSOE gañase as eleccións (malia que os socialistas son, na súa maioría, laicos ou agnósticos). O compromiso que tiñan con san Xulián, esixíalles esquecerse da disciplina de voto para facer realidade a ponte.
O PSOE non tiña candidato á alcaldía de Vilanova para as eleccións municipais de abril de 1983.
Andaban facéndome as veiras para que presidise a súa lista de candidatos. De esta maneira puiden ter información do que se estaba cocendo entre a Xunta e o Goberno Central e a suficiente influencia para abortar as manobras do Conselleiro da COTOP.

 
Vento e marea estaban a favor. Houbo un timoneiro que marcou o ritmo e o rumbo e un práctico de portos que marcou a ruta da entrada nos sempre perigosos baixos do peirao da administración de Obras Públicas. Pero todo isto non sería posible sen o espectacular traballo da Comisión e o apoio de un pobo unido, que demostraron que cando existe esa unidade non hai nada imposible.
Só este pobo y esta Comisión merecen o recoñecemento de este importante logro

Un brindis polo que queda de aquel maravilloso pobo!



(Ver fotos nas páxinas de Sito Vázquez en Facebook)