sábado, 9 de noviembre de 2013

O MENCIÑEIRO A FORZA (1972)

No ano 1972, os rapaces de 8º curso da E.X.B. do " C.N. de Isla de Arosa" (así se chamaba daquela o Colexio Público) representaron unha versión adaptada ó medio e ós tempos da coñecida comedia de Molière Le mèdicin malgré lui, co título de O MENCIÑEIRO A FORZA.
Foi todo un suceso na Arousa, que atá chegou a facer popular entre os rapaces a frase de Lucas
(Juan Ramón): "Cálate nena!".

Con todo este feito non tería máis trascendencia que a anecdótica, de non ser que esta obra foi fruto de unha situación especial dada por ter  chegado ó 8º curso, por primeira vez na historia do centro, media ducia de rapazas. Non había aula e menos profesora. Así que estas adolescentes houberon de asistir a unha clase de rapaces, coa debida aprobación da Inspección do Ensino, pois non debemos esquecernos que os alunos por aqueles tempos estaban separados por sexos. Escolas de nenos, co seu mestre e escolas de nenas, coa súa mestra.
De esta fornada saíron as primeiras mulleres da Arousa que da escola pública chegaron a universidade e fixeron  carreira.
Foi esta un fornada de mozas/os que co tempo diseñarían o futuro do noso pobo.

viernes, 21 de diciembre de 2012

FRESCO, DEPURADO E A BO PREZO


-É unha desgracia que na Arousa non se poida comprar un quilo de camaróns!
Cantas veces non teremos oído, a propios e a alleos, esta mesma sonata?
Un día son os camaróns, outro as nécoras, outro as ameixas, outro os mexillóns ou os chopos...
Os veciños salvamos o problema encargándollos a un amigo ou coñecido, que nos fai o favor saltándose a normativa de pasar todo o peixe ou marisco pola lonxa.
Isto non está ben.
Sen pretendelo empuxamos a un veciño a que cometa un fraude.
A veces téñome encontrado con forasteiros (no verán moitas veces) que quería levar algún marisco da Arousa.
Cando me preguntaban como podían conseguilo ou onde podían compralo non sabía que responderlles. Non quería envialos ás depuradoras pois da o mesmo as da Arousa que as de Cambados.

Dito o dito, penso que sería un gran acerto por parte da Confraría de Pescadores que procedese a instalación de unha pequena depuradora na lonxa (ou na vella) onde se puidesen vender ós visitantes todos os produtos que se poxan e tamén mexillón.
Lonxa vella
Sería un gusto poder oír:
-Na lonxa da Arousa tes de todo fresco, depurado e a bo prezo.

miércoles, 17 de octubre de 2012

CARRILLO DEBATE CON MODESTO NA PRAZA DO REGUEIRO

Que lle estará explicando Modesto a Santiago Carrillo?

Apagado o rebumbio mediático.
A desaparición de Santiago Carrillo fixo correr ríos de tinta.
Durante este último mes amigos, inimigos e críticos rivalizaron en pintarnos da cor que lle conviña a este personaxe que deambulou comprometido polo último século da historia de España.
Non serei eu quen faga unha nova valoración.
Teño a miña opinión baseada na miña relación con este personaxe e a través de coñecidos comúns (amigos e inimigos), que é a que importa.
Desde o maior dos respectos a súa memoria fágome esta pregunta:

De que estarían tratando no acalorado debate que se traían na praza do Regueiro da Arousa, en presencia do histórico Santiago Álvarez, Santiago Carrillo e Modesto ó da Mexona, en aquel inverno de 1980

viernes, 18 de mayo de 2012

CAMARÓN QUE SE DUERME


Non nos faltaban problemas, pero agora sucede que pariu a aboa.

Hai políticos especialistas en crear problemas. Xusto o contrario do que deberían facer.
Un exemplo do que estou dicindo é a decisión da Consellería de Pesca de prohibir a captura do camarón nas bateas.

Desde que se montaron aqueles primeiros artefactos pendurados do casco de un barco vello, hai máis de cincuenta anos, os trueleiros, veñen pescando camarón nas bateas. Teñen un dereito adquirido. Ese dereito non se pode rescindir sen máis. As bateas son concesións administrativas, con un fin produtivo, que non exclúe outras actividades.

A pesca do camarón non prexudica ó cultivo do mexillón. Só os nosos dirixentes da Xunta ven un prexuízo agora, que non se dou en máis de medio século. Ganas de líala ou de meterse cos trueleiros da Arousa.
Honestamente non sei que procuran, como non sexa cabrear os mariñeiros.

En realidade é un abuso que están cometendo con unha disposición arbitraria que para min roza a ilegalidade.
Os trueleiros teñen un dereito adquirido (consuetudinario), que lle permite o recurso a esta arbitraria disposición.

A Confraría debería interpoñer un recurso xudicial contra a disposición da Consellería en defensa de un dereito adquirido.


jueves, 29 de septiembre de 2011

MESTRES

Esta mesma semana un empregado de banca queixábase de que cada vez lles esixían maiores responsabilidades, elevábanllelos obxectivos e tiñan que facer máis horas de traballo. Vivía en unha tensión constante que o bloqueaba. Lonxe de render máis rendía menos. Na última hora de traballo era tal o cúmulo de operacións que tiña por rematar que cando se vía obrigado a atender a un cliente, facíao con desgana, con evidente desagrado. Cónstame que este empregado era un excelente profesional, pero o cansazo e a presión eran superiores a súa vontade.

A este empregado dábanlle envexa os profesores, que tendo dous ou tres meses de vacacións e un posto de traballo asegurado de por vida, andaban manifestándose porque lles poñían unhas horas máis de traballo.

Todo é unha cuestión de perspectiva. Depende desde onde o vexas e tamén como queiras velo”.


Durante corenta anos exercín no ensino e sei que os profesores non están a pedir menos horas de traballo porque sexan uns nugalláns, que pretenden vivir sen dar pancada. Por a experiencia que me tocou vivir podo garantir que na profesión hai de todo; pero que a inmensa maioría son profesionais moi preocupados e concienciados co seu transcendental cometido. Queren un horario que lles permita desempeñar con garantías a enorme responsabilidade de amolecer e moldear as corras que formarán o cesto do futuro do país.

Non é o mesmo impartir unha clase cando chagas fresco e con ilusión á primeira hora que cando xa levas a tensión e o cansazo de catro horas lidando con vintetantos alumnos. A calidade da exposición e inferior, que se traduce en unha inferior calidade do ensino. Tampouco e o mesmo preparar dúas clases que preparar catro.
Non e preciso incidir en que cantas máis horas imparta un profesor, menor é o seu rendemento.

O que pretende a administración non é optimizar o rendemento. Pretende aforrar uns miles de euros para destinalos ó ensino privado.
Pero como iso non se pode defender, ménteselle ó pobo e enfróntanse a dous colectivos que teñen que estar unidos para lograr un único obxectivo: unha cooperación entre pais e mestres, complemento indispensable na formación do individuo.
Unha escola pública conflitiva, mingua en calidade e constitúe un cheque de viaxe para a privada.
Pero a escola privada non está ó alcance de todas as faldriqueiras.

Este escenario condúcenos a dous tipos de escolas, unha para ricos e outra para pobres, de modo que os fillos dos acomodados, á marxe da súa capacidade intelectual, terán unha formación en centros de elite que os capacite para dirixentes e os fillos dos simples traballadores que estuden en unha escola pública devalada acabarán mendigando un traballo mal remunerado.

A confrontación entre Mestres e Pais e o principio da dexeneración do Ensino Publico.
A Administración que provoca estes invistes é reaccionaria e busca o mantemento dos privilexios dos chamados poderes fácticos.

Desde esta columna quero felicitar os país dos alumnos dos centros públicos da Arousa que souberon estar a altura das circunstancias na defensa da calidade do Ensino Público.

Ainda que o problema é de maior calado, tal como manifestei hai unhas semanas no blog “Atalaya de Arousa”http://vazquezsito.blogspot.com/2011/09/funcionarios-del-mundo-unios-la.html

lunes, 15 de agosto de 2011

NA ILLA. GRACIAS!

Desde o momento no que lin a sinxela despedida do"Blog NA ILLA", embárgame un vacuo desasosego, semellante a cando esqueces algo que non acertas a saber; pero que intúes que é algo importante.

Son un habitual seguidor de este blog pioneiro, desde a súa aparición. Sempre me marabillou o traballo de este colectivo que foi capaz de implicar a moitos arousáns interesados nas peculiaridades que nos diferencian, na nosa particular historia, nas nosas singularidades léxicas, nos nosos imaxinativos alcumes, etc. Estas páxinas de aportes populares son o mellor tratado de etnografía, que se podía escribir sobre o noso pobo.
Tamén foi un informador imparcial dos aconteceres cotiáns da Arousa, que nos poñía ó día sobre os feitos culturais, sociais, deportivos e políticos.

NA ILLA, foi sen dúbida un revulsivo que enganchou a todos os mozos (e algúns non tan mozos) inquedos do noso pobo, para converterse co paso do tempo en un fenómeno social dentro da Arousa. Chegou a ser unha referencia obrigada de quen quixera seguir as noticias e o pulso da opinión, seguindo os seus comentarios.

Descoñezo as razóns polas que despois de cinco anos de traballo desinteresado pero ben valorado por os veciños este equipo pon punto e final a este blog de tanto éxito. É posible que non concordasen coa deriva que tomaron no último ano os comentarios, nos que anónimos integristas descerebrados utilizaron as páxinas de este medio para insultar, ameazar, mentir e descualificar, desvirtuando o merecido prestixio que se gañou co traballo de tantos anos, e supoño que tamén valorarían o dano que inflixían ó nivel sociocultural da nosa illa diante de nós mesmos e sobre todo diante dos lectores forasteiros.
En este último suposto animaría ó equipo a que proseguira, limitando os comentarios insultantes e as informacións sen contrastar. Catro "cafres" non poden silenciar a intelixencia de un pobo!

Fosen as que foran as razóns, o traballo esta aí.
Gracias a Helena, gracias a Susi, gracias a Manuel e a todo o equipo de colaboradores e comentaristas que despertaron o interese polas nosas cousas dentro e fóra da Arousa.
Podedes sentirvos orgullosos. Este aporte fai historia.

martes, 9 de agosto de 2011

"O CHIRINGUITO"

 CONTRATACIÓN DA DEMOLICIÓN DAS OBRAS DE INSTALACIÓN DUNHA CASA PREFABRICADA E ROULOTTE, CONSTRUCIÓN DE ASEO E PORCHE, PLACA DE FORMIGÓN, SÓTO E CERRE DE PARCELA NO LUGAR DE CON CERRADO, TERMO MUNICIPAL DA ILLA DE AROUSA 



Prantas invasoras na praia de Lavanqueira

No mes de Abril publicouse na páxina da Axencia de Legalidade Urbanística a contratación da demolición de un "Chiringuito" nas inmediacións da praia de Lavanqueira.
E a primeira actuación na Arousa de este novo órgano administrativo.


Esta pasada semana executouse o derribo da construción ilegal. 


Era hora de que se comezase a poñer orde nas edificacións que proliferaron nos últimos anos en algunhas zonas reservadas.


Só quero poñer un reparo a esta actuación, que non se dediquen a pisar as formigas unicamente, pois hai animais que, como as moscas, voan máis alto e molestan máis.


Esperemos que este "chiringuito", vaia máis alá de ser de novo a popular canción do verán. 

miércoles, 27 de julio de 2011

“O MARITA” de JOSÉ MARÍA

Hai corenta e tantos anos, cando cheguei a Arousa, paraba na pensión da “Siña Pepa a Xila” ó carón da farmacia de Dª. Santa Marra, fronte o tombo do Cantiño. Todas as madrugadas as oito menos un minuto, invariablemente, despertaba expectante até escoitar o bruído da brúa do vapor de Vilagarcía, “O Marita”, que mesmo semellaba que soaba debaixo da cama. Antes de acabar o ruído xa roncaba. Eran uns segundos que o vapor lle roubaba o meu sono.
Un día non saíu “O Marita”, non me lembro da causa, pero lembrareime sempre de que acordei e o pouco tempo invadiume unha sensación rara de que algo me faltaba, de un desasosego baleiro que non me permitiu pegar no sono. Erguinme nervioso coma un drogadicto ó que lle faltase a dose de droga.

O Marita xa é historia.

Os xubilados teñen que encher o tempo entreténdose en facer algo: paseos, partidas, cafés, cervexas, chiquitas, misas, novenas, ler, bailes, pescar, cultivar a horta, recados, viaxes...Pero hai quen aproveita parte de ese tempo para facer algo creativo.
A semana pasada, encontreime na porta do Museo da Conserva con José María González, o fontaneiro, que viña de doar ó museo unha maqueta moi precisa do Marita.
É unha riqueza que os vellos fagamos algo por recuperar o noso pasado. Non todos temos a maña de José María para facer unhas marabillosas maquetas, pero hai moita xente que sabe facer apeiros de artes desaparecidas, que sería unha pena que se perderan. Tamén se poden facer debuxos ou escribir sobre outras épocas. Pode ser unha forma divertida de pasar o tempo e de paso enriquecer o noso legado histórico.

Agradézolle a José María, no meu nome e no de todos aqueles que nos sentimos orgullosos do pasado da Arousa ese aporte, que espero que non sexa o último.

Para a próxima falaremos do Museo da Conserva.

jueves, 7 de julio de 2011

CONCELLO DE AROUSA, XA.


.

Cada vez son menos os veciños dunha banda ou da outra da ría que se refiren a nós como da Arousa. Somos da Illa.
De que illa?.
 Para os de Bueu os da Illa son os de Ons, para os de Cádiz os de San Fernado, para os de Carril eran os de Cortegada (antes de regalarlla á Coroa).
Desde a Malveira ate Groenlandia todas as illas ademáis de selo teñen un nome, que é o seu propio.
Isto preocúpame. Pero preocúpame máis cando somos nos mesmos, os veciños da Arousa os que collemos o todo pola parte e referímonos o noso territorio como a Illa.
"Son da Illa"
"Xa hai tempo que non te vexo pola Illa".
Estas ou outras frases parecidas son normais na mocidade e cada vez máis habituais nos maiores.
En pouco tempo Arousa pasará a ser un adorno da ILLA, que será o nome que se impoña.
Xa teño escrito en varias ocasións sobre o tema (A ILLA QUE PERDEU O NOME e CONCELLO DE AROUSA). Hoxe quería ir un paso máis alá.
Por iso promovo a solicitude ó Alcalde de un Pleno para que o concello pase a denominarse oficialmente Concello de AROUSA.
Si estás de acordo cubre a solicitude que figura na cabeceira de esta páxina e envíaa a esta dirección de correo alcaldia@ailladearousa.es

Gracias.
Entre todos podemos.

sábado, 11 de junio de 2011

TRAIDOR!

Quen é un traidor?.
Traidor é aquela persoa que vende ós seus, ós seus principios, ou conculca as súas propias ideas (traidor a si mesmo).

Falando de política:
Quen son os seus?
Son os seus compañeiros de partido, son os seus votantes manifestos (non os anónimos).
Cales son os seus principios, as súas ideas?
Son as do seu ideario político, é dicir, as do seu partido, polas que se presenta e defende.
Se alguén na Arousa votou o B.N.G., coa idea de mudar un alcalde socialista por un popular, foi porque quixo enganarse a si mesmo, pois tiña a posibilidade de votar directamente ó candidato do P.P. Si se dese ese improbable caso, non ten dereito a chamarlle traidor a ninguén. En todo caso debe facer un acto de contrición (se é de dereitas) ou de autocrítica (se é de esquerdas) e empezar por chamarse a si mesmo inocente, parvo ou idiota, axeitando o adxectivo ó grao de rabia que o corroia.

Sería un traidor ás súas ideas e os seus votantes se permitise que un partido conservador (por moderado que pareza ser o candidato) gobernase o seu pobo, que na súa maioría votou progresista.
Inda que rexeitaría igualmente a quen llo chamase.

REPÍTESE O CONTO: Carapuchiña Vermella, salvada polo leñador.


Hai contos vellos, que nunca morren e está ben de cando en vez , recordalos.
Carapuchiña Vermella era e segue sendo, pois as personaxes dos contos non medran, unha meniña inocente, crédula e obediente, que facía con ilusión e cariño os recados que lle encomendaba súa nai.
A súa aboa é unha muller rara que dorme con cofia e mora soia no medio e medio de un perigoso bosque.
Alá se dirixía, unha vez máis, Carapuchiña Vermella cantando, collendo flores ou perseguindo bolboretas da abraiante foresta; no brazo un cestiño con un ramo de rosquillas de Santa Rita que lle encargou súa nai levar á aboa.
Súa nai é unha boa muller, pero tamén inocente e insensata. Nunca vai aprender que no bosque acóchanse moitos riscos para os nenos.
O maior dos perigos represéntao o lobo.
O lobo é o lobo, o malo de todos os contos. O seu instinto natural lévao a matar e devorar.
O leñador é un home do lugar, que coñece o medio no que traballa. Cando o lobo ataca, sabe que ten que salvar a meniña, aínda que teña que matar ó lobo.

Xa van tres veces nas que o leñador salva a Carapuchiña Vermella.

Sabendo que a nai é unha boa muller e el é un home traballador e sensato, ven podían compartir o mesmo teito e así Carapuchiña cando tivese que ir a casa da aboa non correría riscos no bosque, pois o leñador, protexeríaa do “malvado lobo”.

lunes, 30 de mayo de 2011

FONDOS MARIÑOS DA AROUSA (JUAN RAMÓN E RODRIGO LOJO)


Hai uns dous anos encontreime con Juan Ramón Lojo, no xardín de diante da Igrexa parroquial de Vilagarcía.
Viña de revelar unhas fotografías de uns fondos mariños de sorprendente beleza e de unha difícil realización técnica. Rutilantes formas de intensas cores, que me lembraron outras fotos,que tiña visto, dos fondos dos mares tropicais.
-Vacacións no Caribe?
-Vacacións na Illa de Arousa.
-Non é posible.
-Fixémolas Rodrigo (o seu fillo) e máis eu entre o Faro e o Con de tres Pes.
-Estas fotos telas que mostrar. Tes que facer unha exposición con elas.

Cando quería presumir con algún forasteiro da beleza dos fondos que rodean á Arousa levábao ó Restaurante do Faro ó atardecer para que pasmasen coa paisaxe e coas fotografías que abusando da confianza me prestaban os propietarios (Juan Ramón ou Rodrigo).


Fun mestre do pai e máis do fillo; pero a J.R. téñolle unha especial querenza, non só pola súa curiosidade, sempre quixo vivir novas experiencias.
Ese nexo vai máis alá do razoable e entra no eido do emocional. Con Juan Ramón houben de tomar a decisión máis difícil da miña vida.
Estábamos de vacacións de fin de curso no Algarve (Sur de Portugal) e Juan Ramón (tería uns 14 anos) levaba uns días mal. Lévoo ó hospital e diagnostícanlle unha peritonite aguda. É cuestión de horas, hai que intervir inmediatamente. Era o ano 1976 e as comunicacións eran difíciles. Non logro falar cós seus pais. A operación non se pode demorar. No Algarve non había cirurxián, tería que desprazarse un de Lisboa. Dada a urxencia precisaba unha avioneta particular. Pasei por moitos momentos nos que houben de tomar decisións difíciles, pero ningunha tan perigosa como esta.
Que pasaría si as cousas se torceran?
Todo saíu ben.
Desde entón para min foi algo máis que un ex-alumno. El tenme demostrado que eu para el tamén son algo máis que un profesor.

O día 31 de maio remata a exposición que durante dous meses estivo aberta ó público no Multiusos da Arousa. Hei de dicir que as imaxes ó ser ampliadas perderon resolución, pero aínda así mostraban gran parte de esa beleza que xa coñecía. A montaxe, disposición de fotografías e citas é acertada e profunda en cuanto ós contidos, un canto á vida mariña, ós océanos, á natureza, á insoportable insignificancia da vida humana.
Si non a vistes déixate caer pola sala de exposicións do Multiusos.
Vas a gozar

Juan Ramón e Rodrigo, recibide a miña felicitación.

En esa exposición hai máis que fotografías, hai sentimentos, hai poesía, hai mensaxe...
Grazas polo momento tan grato que pasei.

miércoles, 25 de mayo de 2011

CARCAMÁN, EMPRESARIO DE EXCELÊNCIA

O fundador da petrolífera portuguesa Galp foi Manuel Cordo Boullosa, tamén era galego, nacido en Caritel (Pontecaldelas), magnate da vila emigrado a Lisboa, que comezou repartindo petróleo polas casas da cidade para converterse no home máis rico de Portugal e de recoñecido éxito no mundo dos negocios e das finanzas de toda Europa.

Hoxe vou falar de outro galego, un arousán, vinculado O País Irmão.

Era intelixente pero por encima de todo provocador.
Os trece anos tiña un corpachón, que impoñía.
Era meu alumno.
 En unha ocasión, con motivo de unhas vacacións, mandeilles  a todos os alumnos da clase facer  en cartolina de cores os poliedros regulares (tetraedro, octaedro, dodecaedro, icosaedro) e tamén os irregulares (un par de prismas e un par de pirámides). A volta das vacacións entraron todos os compañeiros con unha caixiña de zapatos ou unha bolsa na man que portaba os traballos encomendados. Todos menos un. Sorprendentemente era un alumno que sempre facía os deberes.
-¿Esquecécheste de traer os traballos?- Pregunteille, dándolle a opción de desculparse.
Lanzoume un reto:
-Non, é que non os fixen.
-¿Pódese saber por que non os fixeches?.-Requirín deixándolle unha porta aberta a unha desculpa.
Non quixo aproveitar a ocasión ou considerou a miña precaución como debilidade, e votoume un pulso:
-Porque non quixen.
Estaba en esa idade tan difícil da adolescencia, na que necesitan reafirmarse, pero como profesor non podía permitirlle que minase a miña autoridade diante do resto da clase.
-¡Séntate!...E esta tarde non intentes entrar en esta aula sen os deberes.
Cando recapacitei, considerei que era imposible que os puidera ter feitos para a tarde. Eran oito pezas e algunha de elas de difícil execución.
Xa estaba dito agora tiña que manter a ameaza.
De aquela (estou falando de principios dos anos setenta) formábase unha ringleira antes de entrar. Cando soou o timbre ás tres da tarde o primeiro da fila era el. Non levaba nada nas mans, pero estaba tranquilo, case desafíante.
Entraba cada profesor  seguido dos seus alumnos e parábase no marco da porta onde recibía o saúdo de cada un.
-"Buenastardescomostausté..."
- Ponte aquí de pé a miña beira.- díxenlle mentres se foron acomodando os demais compañeiros. -¡Sentádevos!.- autoricei ós expectantes compañeiros, como era habitual.
-José Manuel Cores Otero. Que lle dixen eu esta mañá?...
-Que tiña que traer os poliedros ou que non viñese a escola-. Díxome con toda a súa cara lavada.
-Pois ti mesmo, colle o bolso que tés no pupitre e vaite.
-¿Por que teño que irme?
-Porque non podemos mandar todos e aquí fai-se o que eu diga.
Baixou a cabeza, meteu unha man no bolso do pantalón e rosmou.
-É unha inxustiza.
-Que é unha inxustiza?-requirinlle.
-Que me bote sen preguntarme por o traballo.
Desconcertado, díxenlle:
-Que che preguntei, logo?
-Preguntoume que me dixo esta mañá.
-E pódesme dicir que diferencia hai.
Non replicou, sacou do bolso do pantalón, na cunca da man, todos os poliedros, feitos en cartolina, perfectos, de un tamaño mínimo, coas arestas de un centímetro. Analicei un por un cada poliedro e non deixaba de admirarme que con aquelas mans tan grandes, con aqueles dedos gordos, fose capaz de facer un traballo tan perfecto e en tan pouco tempo.

Era un dos mellores alumnos da clase.
Pero foi preciso que fixese esa demostración para que descubrise ese diamante que tiña entre os meus alumnos.
Desde entón colaborou comigo en moitos proxectos como a creación do Club Xuvenil Scorpio 73, na fundación da Asociación Cultural Dorna, no sindicato de Comisións Mariñeiras, e no Concello de Vilanova con 22 anos era meu primeiro tenente de alcalde.

Seus pais tiñan bateas de mexillón (seu aboo materno foi un dos primeiros en poñer "artefactos" na ría de Arousa e o primeiro da Illa de Arousa), pero José Manuel herdeiro de unha dinastía pioneira, rachou coa tradición, vendeu as bateas e montou un negocio que o levou a Portugal.
De ser un negocio familiar, pasou a ser unha das empresas "leader" de Portugal e no ano pasado conseguiu entrar no selecto grupo de "Empresas de Excelência".

José Manuel Cores, non é Amancio Ortega, pero en moitas cousas ten algo de parecido, como é a súa discreción como empresario. Todas as empresas de Excelência mostran ós seus dirixentes engravatados nas páxinas das súas webs ou en actos promocionais. A Cores non é posible encontralo en toda a rede, nin con garabata nin sen ela.

Non tiña escrito sobre José Manuel Cores, por a estreita, aínda que a veces convulsa, relación que nos une. Pero teño a certeza de que así como eu me sinto orgulloso dos seus éxitos non só como amigo, tamén como veciño da Arousa, considero que hai moitos arousáns que se sentirán igualmente orgullosos de que un dos seus reciba o recoñecemento de maior prestixio empresarial do "País Irmâo".

Parabéns.

lunes, 23 de mayo de 2011

RESACA

Datos de las 22:27 del 22 de Mayo de 2011 Escrutado 100% Concejales a elegir en 2011: 11 Concejales elegidos en 2007: 11

2011
Total votantes 3425 83,50%
Abstención 677 16,50%
Votos nulos 61 1,78%
Votos en blanco 37 1,10%
Distribución de concejales Concejales a elegir: 11

Candidaturas Votos Concejales

PP 1573 46,76% 5

PSdG-PSOE 1321 39,27% 5

BNG 433 12,87% 1
© Ministerio del Interior - Subsecretaría Dirección General de Política Interior - 2011









O mal sabor de boca do despertar do día seguinte a unha festa, tamén se coñece como resaca.
Hoxe, o día despois das eleccións municipais todos os participantes da festa gañaron, pero todos se erguen co corpo molido.

O PP a piques de alcanzar a maioría absoluta non o logrou e aínda que estará moi satisfeito polos resultados, sabe que lle vai ser imposible gobernar, pois o BNG está obrigado a pactar co PSOE,
para conseguir o apoio dos socialistas en outras alcaldías onde os precisan.

O PSOE baixa por primeira vez, na Arousa do 40%, son os peores resultados da democracia para este partido; pero pode manter a Alcaldía.

O BNG consegue uns resultados similares ós do 2.007; pero agora ten a chave do goberno da illa nas mans. Posiblemente a Carlos, que non ten moita química co actual alcalde lle pida o corpo a abstención para que poida gobernar o PP, pero o partido vaille a esixir que cumpra cos pactos.
Velaí que todos teñan algo porque alegrarse pero sen lograr disipar a amargura das enxivas.

Facendo unha análise a primeira vista dos resultados, temos que preguntarnos porque un alcalde que fixo unha máis que aceptable xestión (en contadas ocasións un alcalde consegue cumprir integramente o seu programa), perde tanto apoio popular. As razóns son varias e non poden xustificarse unicamente polo efecto da marea azul. Aquí o paro é relativamente baixo (8% o máis baixo da comarca) e as medidas que afectan negativamente tanto ós mexilloeiros como ás mariscadoras foron tomadas polo goberno autonómico, é dicir, polo PP.

As razóns foron outras:
Empezarei dicindo que nos concellos pequenos os alcaldes quéimanse por pequenas cousas, como unha descortesía, unha multa “inxusta”, un agravio comparativo, un traballo “que lle deron a outro que era máis amigo”, un “solar” no que non podo edificar, etc., feitos, que no caso da Arousa lévanse a nivel familiar. Esta foi unha das razóns da abstención ou do cambio do sentido do voto de moitos votantes socialistas.
Algúns alcaldes de pequenas vilas que conseguen reiteradas maiorías (Catoira-PSOE ou Vilanova-PP) levan unha política de estar nos pequenos detalles, cerca dos veciños, atentos ás necesidades e felicitando ou dando o pésame cando corresponde, con ramo de flores incluído.
Ese distanciamento de Manel co pobo tamén lle pasou factura, pois podía amortizar os efectos dos magoados ou resentidos.

En canto o PP, hai que salientar que levando unha candidatura débil, soubo vender a moderación e a cara de boa persoa de Juan José para conseguir os mellores resultados da súa historia.



sábado, 21 de mayo de 2011

REFLEXIONANDO

Hoxe é día de reflexión.

Hai quen o dedica a outros menestreis igualmente transcendentais como facer footing ou xantar cos amigos e hai quen se pasa todo a xornada desfollando a margarida.

Tamén os hai que xa levan tempo meditando.
Poño por exemplo aquel veciño de Bueu, que o mércores pasado estaba no dilema de a quen votar. Tiña a carteira ó lado, porque esas decisións tómanse moitas veces, ollando para a carteira.
En un descoido veu unha gaivota e rouboulle a carteira.

O atinado cidadán denunciou o caso á policía, que logrou recuperar a carteira, pero non puido apañar á gaivota.
Son moi parecidas e encóbrense entre elas.
Foi un aviso da providencia.
http://www.farodevigo.es/portada-o-morrazo/2011/05/20/vecin

domingo, 24 de abril de 2011

MARCOS NINE DE NOVO MESTRE MATEO.


Teño entendido que o piso de Marcos non é moi grande.



Xa non é unha noticia que lle concedan o Mestre Mateo a Marcos Nine, a noticia sería que non llo concederan.
Nos últimos anos non deixou de subir ó estrado, en ningún dos certames.
En esta ocasión co documental "Radiografía de un autor de 
tebeos", tráenos  a pantalla  como se sente o autor de BD, David Rubín, no momento en que a súa vida está a ser gravada para un documental.

A realización baseada na simbiose entre o audiovisual e o comic, a través da visión creadora,e rachadora do autor provoca as emocións de David Rubín,que acaba denudándose diante dos seus personaxes.

Unha vez máis, parabéns para Marcos, que ano tras ano, traballo tras traballo, nos enche de pracer ós que gustamos dos documentais e a todos os arousáns que compartimos os seus éxitos.




viernes, 25 de marzo de 2011

"OVERBOOKING" DE INAUGURACIÓNS

A medida que se vai achegando a data na que por proximidade das eleccións entra a prohibición de inauguracións de obras públicas por os políticos, esta actividade entra en efervescencia, os políticos multiplícanse para estar en un  día en tres ou catro lugares a vez e ler as "chuletas" que lle teñen preparadas tratando de non confundilas. Semellan ter o don da ubicuidade.

Os xornais non teñen espazo para cubrir tanta demanda informativa, así que os que viaxan en clase turística figuran en lista de espera pois nas aeroliñas da información hai "overbooking" e so hai sitio para os que pagan billete de primeira clase.

Todo é inaugurable:











Esta mesma mañá o Presidente da "Generalitat" Valenciana e o seu correlixionario, o presidente da Deputación Provincial de Castellón inauguraron un aeroporto, que non ten licencia de voos, e dicir que de momento non vai a ter uso en varios meses, ou cando menos o uso para o que se destinaron máis de 150 millóns de euros. A xustificación douna o presidente da Deputación:
"...Algunos dicen que estamos locos por inaugurar un aeropuerto sin aviones. Este es un aeropuerto para personas, para Castellón, para que cualquier ciuadano que lo desee pueda visitar esta terminal o caminar por las pistas de aterrizaje..."

Na nosa Illa, na Arousa, acontece todo o contrario, temos unha estrada terminada (a tan necesaria do Chufre), e non se espera que ninguén veña a inaugurala, cando menos antes das eleccións, pois podían magoar sensibilidades que lles son proclives ós inauguradores. Velaí, que os cidadáns a utilicen para camiñar, sen que os molesten os ruídos dos coches. 

Non hai mal que por ben non veña, nin mentira que cen anos dure.

jueves, 24 de marzo de 2011

A ILLA DE AROUSA, UN PERCORRIDO NO TEMPO.

Se, como di o proverbio, unha imaxe vale máis que mil palabras, o álbum de fotografías presentado onte na lonxa do peixe de Arousa, literariamente non tería prezo.

En primeiro lugar hai que recoñecer que a calidade da edición é esmerada e que non se escatimaron medios para realzar este mérito.
En segundo lugar quería apuntar que se perdeu unha ocasión de ouro para facer unha breve historia das fotografías, convertendo o que é so un álbum en un libro formativo ou cando menos informativo.
Tamén se bota de menos que as fotos non  seguisen ó menos unha cronoloxía, dentro da propia temática.

En outro orde de cousas quero resaltar a orixinalidade do lugar da presentación, pois para presentar un álbum de fotografías, coa pretensión de libro é cando menos chocante que se faga na lonxa do peixe. Tal como está hoxe a cultura e o marisco, se cadra pretendían dar máis aprecio á cultura. Na illa hai moitos lugares máis ligados ós libros que a lonxa; ainda que, tamén hai que recoñecer que posiblemente o lugar fose o indicado para ofrecer libros á pillota.

Agradecer á Deputación este libro que como arousáns nos estimula a autoestima, anque non vai a mudar as nosas perspectivas económicas ou culturais. Todas estas fotos proceden casi exclusivamente do fondo da Asociación Cultural Dorna.
 E todo este investimento podía dar mellores froitos.

miércoles, 16 de marzo de 2011

VITORIA GASTEIZ, UNHA CIDADE PARA VIVIR.

Nenos xogando no casco antigo
 No período de un mes tiven ocasión de volver a visitar dúas cidades moi distintas entre si, pero tamén con moitas semellanzas.
Había máis de vinte anos que non visitaba Sevilla.
 Sevilla está preciosa, creceu con bo criterio e o centro humanizouse convertido en peonil.
 Sevilla sempre foi, e non mudou, unha cidade que sabe vivir.


Había máis de vintecinco anos que non visitaba Vitoria, daquela era unha capital de provincia que acababa de converterse en capital de Euskadi. Era unha pequena cidade, con xente acolledora e familiar para ó visitante, pero con un centro histórico bastante deteriorado, un tráfico entullado nas congostras das rúas antigas que non daba vagar para ver a beleza de algúns dos seus monumentos. Un clima extremo, e un crecemento desordenado facilitado por algunhas industrias multinacionais que se estableceran na súa área, facían de Vitoria unha cidade desagradable. Podíamos dicir que era unha cidade para fuxir.
 Agora sen deixar de ser a mesma, en canto ó trato da súa xente, transformouse en unha cidade onde todo está pensado para que te sintas como na túa casa. Vitoria é unha cidade para vivir.
Premio European Green Capital 2012 
Vitoria acaba de conseguir en Estocolmo o premio "Nobel" das cidades comprometidas co medio ambiente o título Europeo Cidade Verde 2012 (European Green Capital).


Paseando estes días polas rúas do centro da capital alavesa, lembrábame continuamente da Arousa de hai trinta anos, cando podías ir a comprar o xornal ó "Cachopo" e lelo paseando polo medio da rúa ata chegar á casa sen máis perigo que o golpe de algún pelotazo rubricado por os rapaces que xogaban o fútbol no camiño.
No casco antigo de Vitoria as rúas son dos cidadáns, os nenos xogan, os maiores relaciónanse, mistúranse, beben, comen, discuten,cantan...viven. Tal como era antes a nosa Arousa. 




Estamos nunhas datas de precampaña para as Eleccións Municipais e vexo que os nosos candidatos falan do pasado (para ben ou para mal, dependendo da cor) e cando falan do futuro prométennos obras que non entendemos en canto nos van a beneficiar na calidade da nosa vida.
Pediríalles que nos definiran o futuro, que nos dixeran, que nos debuxaran a Arousa que pretenden facer e cal é a súa proposta de camiño para chegar a esa Arousa soñada.
 Centro Cívico de unha urbanización periférica


Vitoria mudou para ben por unhas políticas deseñadas desde o Concello, que perseguían unha cidade humanizada,unha cidade onde fose agradábel vivir, unha cidade onde houbo que facer traumáticas expropiacións e draconianas leis urbanísticas para conseguir que os edificios non rebasen as cinco alturas e as rúas sexan verdadeiros xardíns con paseos, carril bici, parques infantís cada cen metros, centros cívicos en cada urbanización,escolas, centros de atención, aparcamentos en todos os edificios e todo o que un veciño precise.
Para evitar a concentración de tráfico no centro idearon unha rede de autobuses urbanos que funcionan coma o metro das grandes cidades, con enlaces periféricos que permiten en dez minutos ir a calquera parte da cidade. 


Parabéns para Vitoria e para os vitorianos, que sigan gozando de esa marabillosa cidade que lograron facer, para envexa de algúns, como é o meu caso, que me trae saudades de cando a Arousa era das persoas.


Unha rúa da moderna Vitoria
Tamén me agradaría convidar os candidatos á Alcaldía do Concello da Illa de Arousa, a que fagan as súas propostas pensando no que hai que facer para humanizar a vila e non só no que hai que facer para gañar as eleccións.