O fundador da petrolífera portuguesa Galp foi Manuel Cordo Boullosa, tamén era galego, nacido en Caritel (Pontecaldelas), magnate da vila emigrado a Lisboa, que comezou repartindo petróleo polas casas da cidade para converterse no home máis rico de Portugal e de recoñecido éxito no mundo dos negocios e das finanzas de toda Europa.
Hoxe vou falar de outro galego, un arousán, vinculado O País Irmão.
Era intelixente pero por encima de todo provocador.
Os trece anos tiña un corpachón, que impoñía.
Era meu alumno.
En unha ocasión, con motivo de unhas vacacións, mandeilles a todos os alumnos da clase facer en cartolina de cores os poliedros regulares (tetraedro, octaedro, dodecaedro, icosaedro) e tamén os irregulares (un par de prismas e un par de pirámides). A volta das vacacións entraron todos os compañeiros con unha caixiña de zapatos ou unha bolsa na man que portaba os traballos encomendados. Todos menos un. Sorprendentemente era un alumno que sempre facía os deberes.
-¿Esquecécheste de traer os traballos?- Pregunteille, dándolle a opción de desculparse.
Lanzoume un reto:
-Non, é que non os fixen.
-¿Pódese saber por que non os fixeches?.-Requirín deixándolle unha porta aberta a unha desculpa.
Non quixo aproveitar a ocasión ou considerou a miña precaución como debilidade, e votoume un pulso:
-Porque non quixen.
Estaba en esa idade tan difícil da adolescencia, na que necesitan reafirmarse, pero como profesor non podía permitirlle que minase a miña autoridade diante do resto da clase.
-¡Séntate!...E esta tarde non intentes entrar en esta aula sen os deberes.
Cando recapacitei, considerei que era imposible que os puidera ter feitos para a tarde. Eran oito pezas e algunha de elas de difícil execución.
Xa estaba dito agora tiña que manter a ameaza.
De aquela (estou falando de principios dos anos setenta) formábase unha ringleira antes de entrar. Cando soou o timbre ás tres da tarde o primeiro da fila era el. Non levaba nada nas mans, pero estaba tranquilo, case desafíante.
Entraba cada profesor seguido dos seus alumnos e parábase no marco da porta onde recibía o saúdo de cada un.
-"Buenastardescomostausté..."
- Ponte aquí de pé a miña beira.- díxenlle mentres se foron acomodando os demais compañeiros. -¡Sentádevos!.- autoricei ós expectantes compañeiros, como era habitual.
-José Manuel Cores Otero. Que lle dixen eu esta mañá?...
-Que tiña que traer os poliedros ou que non viñese a escola-. Díxome con toda a súa cara lavada.
-Pois ti mesmo, colle o bolso que tés no pupitre e vaite.
-¿Por que teño que irme?
-Porque non podemos mandar todos e aquí fai-se o que eu diga.
Baixou a cabeza, meteu unha man no bolso do pantalón e rosmou.
-É unha inxustiza.
-Que é unha inxustiza?-requirinlle.
-Que me bote sen preguntarme por o traballo.
Desconcertado, díxenlle:
-Que che preguntei, logo?
-Preguntoume que me dixo esta mañá.
-E pódesme dicir que diferencia hai.
Non replicou, sacou do bolso do pantalón, na cunca da man, todos os poliedros, feitos en cartolina, perfectos, de un tamaño mínimo, coas arestas de un centímetro. Analicei un por un cada poliedro e non deixaba de admirarme que con aquelas mans tan grandes, con aqueles dedos gordos, fose capaz de facer un traballo tan perfecto e en tan pouco tempo.
Era un dos mellores alumnos da clase.
Pero foi preciso que fixese esa demostración para que descubrise ese diamante que tiña entre os meus alumnos.
Desde entón colaborou comigo en moitos proxectos como a creación do Club Xuvenil Scorpio 73, na fundación da Asociación Cultural Dorna, no sindicato de Comisións Mariñeiras, e no Concello de Vilanova con 22 anos era meu primeiro tenente de alcalde.
Seus pais tiñan bateas de mexillón (seu aboo materno foi un dos primeiros en poñer "artefactos" na ría de Arousa e o primeiro da Illa de Arousa), pero José Manuel herdeiro de unha dinastía pioneira, rachou coa tradición, vendeu as bateas e montou un negocio que o levou a Portugal.
De ser un negocio familiar, pasou a ser unha das empresas "leader" de Portugal e no ano pasado conseguiu entrar no selecto grupo de "Empresas de Excelência".
José Manuel Cores, non é Amancio Ortega, pero en moitas cousas ten algo de parecido, como é a súa discreción como empresario. Todas as empresas de Excelência mostran ós seus dirixentes engravatados nas páxinas das súas webs ou en actos promocionais. A Cores non é posible encontralo en toda a rede, nin con garabata nin sen ela.
Non tiña escrito sobre José Manuel Cores, por a estreita, aínda que a veces convulsa, relación que nos une. Pero teño a certeza de que así como eu me sinto orgulloso dos seus éxitos non só como amigo, tamén como veciño da Arousa, considero que hai moitos arousáns que se sentirán igualmente orgullosos de que un dos seus reciba o recoñecemento de maior prestixio empresarial do "País Irmâo".
Parabéns.
No hay comentarios:
Publicar un comentario