Desde o momento no que lin a sinxela despedida do"Blog NA ILLA", embárgame un vacuo desasosego, semellante a cando esqueces algo que non acertas a saber; pero que intúes que é algo importante.
Son un habitual seguidor de este blog pioneiro, desde a súa aparición. Sempre me marabillou o traballo de este colectivo que foi capaz de implicar a moitos arousáns interesados nas peculiaridades que nos diferencian, na nosa particular historia, nas nosas singularidades léxicas, nos nosos imaxinativos alcumes, etc. Estas páxinas de aportes populares son o mellor tratado de etnografía, que se podía escribir sobre o noso pobo.
Tamén foi un informador imparcial dos aconteceres cotiáns da Arousa, que nos poñía ó día sobre os feitos culturais, sociais, deportivos e políticos.
NA ILLA, foi sen dúbida un revulsivo que enganchou a todos os mozos (e algúns non tan mozos) inquedos do noso pobo, para converterse co paso do tempo en un fenómeno social dentro da Arousa. Chegou a ser unha referencia obrigada de quen quixera seguir as noticias e o pulso da opinión, seguindo os seus comentarios.
Descoñezo as razóns polas que despois de cinco anos de traballo desinteresado pero ben valorado por os veciños este equipo pon punto e final a este blog de tanto éxito. É posible que non concordasen coa deriva que tomaron no último ano os comentarios, nos que anónimos integristas descerebrados utilizaron as páxinas de este medio para insultar, ameazar, mentir e descualificar, desvirtuando o merecido prestixio que se gañou co traballo de tantos anos, e supoño que tamén valorarían o dano que inflixían ó nivel sociocultural da nosa illa diante de nós mesmos e sobre todo diante dos lectores forasteiros.
En este último suposto animaría ó equipo a que proseguira, limitando os comentarios insultantes e as informacións sen contrastar. Catro "cafres" non poden silenciar a intelixencia de un pobo!
Fosen as que foran as razóns, o traballo esta aí.
Gracias a Helena, gracias a Susi, gracias a Manuel e a todo o equipo de colaboradores e comentaristas que despertaron o interese polas nosas cousas dentro e fóra da Arousa.
Podedes sentirvos orgullosos. Este aporte fai historia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario