miércoles, 27 de julio de 2011

“O MARITA” de JOSÉ MARÍA

Hai corenta e tantos anos, cando cheguei a Arousa, paraba na pensión da “Siña Pepa a Xila” ó carón da farmacia de Dª. Santa Marra, fronte o tombo do Cantiño. Todas as madrugadas as oito menos un minuto, invariablemente, despertaba expectante até escoitar o bruído da brúa do vapor de Vilagarcía, “O Marita”, que mesmo semellaba que soaba debaixo da cama. Antes de acabar o ruído xa roncaba. Eran uns segundos que o vapor lle roubaba o meu sono.
Un día non saíu “O Marita”, non me lembro da causa, pero lembrareime sempre de que acordei e o pouco tempo invadiume unha sensación rara de que algo me faltaba, de un desasosego baleiro que non me permitiu pegar no sono. Erguinme nervioso coma un drogadicto ó que lle faltase a dose de droga.

O Marita xa é historia.

Os xubilados teñen que encher o tempo entreténdose en facer algo: paseos, partidas, cafés, cervexas, chiquitas, misas, novenas, ler, bailes, pescar, cultivar a horta, recados, viaxes...Pero hai quen aproveita parte de ese tempo para facer algo creativo.
A semana pasada, encontreime na porta do Museo da Conserva con José María González, o fontaneiro, que viña de doar ó museo unha maqueta moi precisa do Marita.
É unha riqueza que os vellos fagamos algo por recuperar o noso pasado. Non todos temos a maña de José María para facer unhas marabillosas maquetas, pero hai moita xente que sabe facer apeiros de artes desaparecidas, que sería unha pena que se perderan. Tamén se poden facer debuxos ou escribir sobre outras épocas. Pode ser unha forma divertida de pasar o tempo e de paso enriquecer o noso legado histórico.

Agradézolle a José María, no meu nome e no de todos aqueles que nos sentimos orgullosos do pasado da Arousa ese aporte, que espero que non sexa o último.

Para a próxima falaremos do Museo da Conserva.

No hay comentarios: