


.jpg)
O meu nome é Sito, estou xubilado, moro na Illa de Arousa (Galicia-España). Máis que aficcións teño nostalxias e asignaturas sen aprobar. Nesta páxina pretendo reflectir o presente desde a saudade do pasado.
Hai un dito moi habitual entre os políticos que reza así: “cando queiras que algo non funcione crea unha comisión”. Mais os ditos, o mesmo que todas as regras, teñen tamén as súas excepcións que os confirman. É posíbel que sobre a nosa Illa exista unha lei da gravitación universal diferente, como din que sucede no Triángulo das Bermudas, na que se producen fenómenos estranos que non teñen explicación científica. Na Arousa funcionaron todas as comisións para confirmar a regra.
Presentación da Candidatura que gañaría as primeiras eleccións ó
Concello de Vilanova. Esta candidatura leva no seu programa
a segregación da Illa de Arousa do Concello
A Agrupación Independente da Illa (A M D G) gañou as primeiras eleccións democráticas ó Concello de Vilanova. No Concello non había máis diñeiro que no capítulo 1 dos orzamentos municipais, escasamente para pagar ó persoal. Desde abril de 1.979 (mes no que tomamos posesión do goberno municipal) ata xaneiro do ano seguinte tan so puidemos comprar a crédito algunhas bombillas que levaban moito tempo fundidas e algúns sacos de cemento para tapar as pozas máis fondas.
O feito de non ter diñeiro, a longo prazo resultou ser positivo. Pois como di o refrán a “fame aguza o enxeño”. Pasamos oito meses longos imaxinándonos como podíamos facer cousas sen diñeiro. Creando comisións, involucrando os veciños en iniciativas populares, que resultaron ser proveitosas.
A primeira comisión en formarse foi a Comisión da Ponte a finais do mes de maio:
O bar Ribeirán (o de Tucho), tiña un reservado onde cataban os fabricantes os productos que elaboraban de cada colleita de mariscos ou peixe, que regaban con viño do ribeiro, de aquel arreluado, case da cor do leite, que se servía en cuncas de louza branca. Á primeira cita convocada dende a Tenencia de Alcaldía acudiron todos os representantes das poucas asociacións (estabamos no comezo da democracia e aínda a sociedade se estaba vertebrando) e os membros mais representativos do que daquela se denominaban forzas vivas.
A Asociación de Veciños, a Asociación Cultural Dorna, a Asociación de Pais de Alumnos, o Pósito, en representación dos mariñeiros, tamén había representación dos productores de mexillón, dos comerciantes, dos fabricantes e ¿como non?: os sobreviventes da primeira comisión “Pro Puente”da que xa teño falado. Como non teño constancia de que ninguén se queixara por discriminación, podo dicir que estabamos todos os que tiñamos que estar reunidos arredor da mesa familiar do reservado do bar Ribeirán.
Ó remate a comisión non era máis que un cabo polo que tiraban os cinco mil veciños da Illa (os seis mil presos como dicía o reclamo, anque na realidade non chegabamos a cinco mil) arrastrando á ponte dende Madrid ata a punta do Bao. Os membros da comisión limitabámonos a controlar os esforzos e a que todos tirásemos a un tempo e na mesma dirección.
UNHA COMISIÓN DE COMISIÓNS
Aquela reunión era chocante en canto a maneiras de pensar e de enfocar o tema: Xente maior, moi escaldada por fracasos anteriores, mozos xoves que todo o vían claro e fácil e algúns, os menos, que pensabamos que a consecución do soño da ponte pasaba por un traballo serio, pensado e ben organizado. Despois de escoitar exposicións e tamén disquisicións, temperouse o debate e pasouse a valorar o que podíamos facer:
Para empezar había que conseguir diñeiro, pois o Concello estaba en bancarrota e polo propio orgullo do pobo da Arousa, que non quería que os de Vilanova nos puidesen botar na cara que viaxabamos e montabamos festas co diñeiro do Concello, decidimos crear un equipo que se encargase de arranxar diñeiro de forma digna e simpática e que o mesmo tempo axudase a publicitar a causa. Este equipo denominouse a comisión económica. Esta comisión recadou coa venta de rifas, pegatinas, bolsos, gorros, cerámica popular e consumicións na cantina da festa, máis de dous millóns de pesetas daquela época, que deron e sobraron para todas as actividades.
Tamén había que conseguir apoios políticos, pois era preciso que non se producisen fisuras entre os grupos políticos locais e presentarnos coma un bloque diante da administración. Por iso dentro de esta comisión escolléronse ós representantes dos principais partidos e a persoas de relevancia na localidade.
Esta representación é a que se entrevista en dúas ocasións co Ministro de obras públicas e que goza do visto e prace do deputado José Antonio Gago Lorenzo ( que asinou co máis tarde ministro de Obras públicas, Sancho Rof, unha interpelación ó Goberno solicitando a construcción perentoria da Ponte). Foron cinco membros desta comisión os que lle escoitaron ó Ministro aquela orixinal forma de dicir que si, que teríamos ponte, cando lle mostraron a interpelación pedindo a ponte que el mesmo asinara sendo deputado: “Me habeis pillado por los huevos”
De todas maneiras o máis importante era crear na opinión pública a sensación de que a nosa reivindicación era xusta e sentida por todos os pobos da comarca. Para iso creouse unha comisión de propaganda que conseguiu que durante aquel verán do ’79 a Ponte da Illa e as actividades que se desenvolveron en torno a esa reivindicación, empezando polo slogan “A ponte unha chave para seis mil presos” que se popularizou en todas partes, pois en aquel verán non saía ninguén da Arousa sen portar unha prenda co reclamo. Os medios de comunicación tanto de Galicia como do resto do estado fixéronse eco da perentoria necesidade que tiña a Illa de unha ponte..
Esta comisión formada maioritariamente pola mocidade que se integraba na Asociación Cultural Dorna foi a verdadeira alma da campaña: Aportaban ideas e traballaban organizando actos, pintando os muros, visitando xornais e xornalistas, entrevistándose con xente da cultura e do espectáculo...
A FESTA DA PONTE
o
O domingo día 29 de Xullo de 1.979, desde moi cedo o peirao de Vilanova está cheo de xente que se arremuíña en torno as dúas motoras e o transbordador (A Barcaza) para ver de conseguir descubrir a Illa de Arousa. Máis de seis mil persoas chegaron ó Cabodeiro procedentes dos máis distintos pobos e aldeas de toda Galicia. A maioría era a primeira vez que pisaban a cuberta de un barco. ¿Cal era o motivo deste singular cruceiro? A eficacia dun slogan e un programa de festexos que convocaba os principais grupos de folk e rock de Galicia. Dende as nove e media da mañá ata altas horas da madrugada houbo festa rachada no recinto do Colexio Público. A esta festa tamén asistiron as principais autoridades políticas de Galicia: O secretario da incipiente Xunta de Galicia, o gobernador Civil, o Delegado de Obras Públicas, varios deputados, todos os alcaldes da comarca, coa excepción do de Cesures, que se foi cabreado porque un policía local o tratou de malos modos cando intentaba o imposible de conseguir, un sitio para aparcar en Vilanova...
O domingo día 29 de Xullo de 1.979, desde moi cedo o peirao de Vilanova está cheo de xente que se arremuíña en torno as dúas motoras e o transbordador (A Barcaza) para ver de conseguir descubrir a Illa de Arousa. Máis de seis mil persoas chegaron ó Cabodeiro procedentes dos máis distintos pobos e aldeas de toda Galicia. A maioría era a primeira vez que pisaban a cuberta de un barco. ¿Cal era o motivo deste singular cruceiro? A eficacia dun slogan e un programa de festexos que convocaba os principais grupos de folk e rock de Galicia. Dende as nove e media da mañá ata altas horas da madrugada houbo festa rachada no recinto do Colexio Público. A esta festa tamén asistiron as principais autoridades políticas de Galicia: O secretario da incipiente Xunta de Galicia, o gobernador Civil, o Delegado de Obras Públicas, varios deputados, todos os alcaldes da comarca, coa excepción do de Cesures, que se foi cabreado porque un policía local o tratou de malos modos cando intentaba o imposible de conseguir, un sitio para aparcar en Vilanova...
Cando mexes na auga corres o risco de alodala e logo has de esperar a que o fango apousente para poder ver o fondo.
No escrito titulado “tropa bolivariana” utilicei unhas coplas de Juanito do Nicho (Juan Otero Maeztu) de forma incompleta e dándolle un sentido distinto do que o autor pretendía. Non sería xusto nin honrado con el si non sitúo os feitos dentro do propio contexto histórico no que se producen.
Juanito foi bo amigo e admiraba e respectaba os grandes mestres que na Segunda República houbo na Arousa: D. Antonio Morales, D. Luis de Sáa…
Non era a estes mestres os que el se refería.
Esta canción foi escrita nos anos coarenta, cando foron nomeados mestres xentes que por título tiñan o Carné da Falanxe. A estes “mestres”, refírese Juanito e moi en especial a unha mestra pola que sempre mostrou un gran "aprecio" e que incluso chegou a escribir o seu epitafio, en vida da mesma. (Esta mestra sobreviviu a Juanito en máis de vinte anos)
O epitafio era:
“Mala como un vendaval,
Que todo tira y arrasa,
Fue maestra nacional
Y se llamaba Tom…”
A letra da canción, que utilicei parcialmente e que non correspondía o que pretendía transmitir o autor, transcrita completa é como sigue:
Dale que dale,
Zumba que zumba,
En la playa del Naval
Apestando está una burra.
Es lamentable
De todas veras,
Que tengamos que cargar
Con las burras forasteras.
Aquí en este pueblo
Sobra la instrucción
Para “pescar chopos
Chéganos Ramón.
San Julián bendito
Que tan alto estás
Que “haiga” más maestros
No consientas ya.
En el Cabodeiro
El muelle da compasión,
Tiene cada brecha
Para tragarse un bocoy.
Y los adoquines
Por obra de Dios,
No hay dorna “polbeira”
Que no tenga dos.
Dale que dale,
Zumba que zumba,
En la playa del Naval
Apestando está una burra.
Es lamentable
De todas veras,
Que tengamos que cargar
Con las burras forasteras.
Bar o Nicho
É de salientar a destreza do bardo na utilización das metáforas e das complicidades que establece co pobo, pois sen nombrar a nenguén coas palabras Naval e burra, retrata unha personaxe e cos adoquíns do Cabodeiro sustraídos por os mariñeiros para as dornas, fai o propio coas esixencias culturais e a sensibilidade social de aquel lamentable periodo da nosa historia.